Os internos de A Lama contan cun amplo catálogo de actividades socioculturais

Cultura a raias

Hai un edificio en Pontevedra que oferta este curso máis dun centenar de cursiños entre os que destacan o de cerámica, de inglés e de canteiría; que conta cunha coral, cun grupo de música e que permite cursar estudos desde a ESO ata estudios universitarios en calquera dos tres ciclos. A gran particularidade deste lugar é que ningún dos seus alumnos poden saír do seu recinto, principalmente, porque son presos.

“Existen moitos prexuízos sobre como é a vida na cadea e moita xente se sorprende de todas as cousas se que fan aquí dentro”. Fala Silvia Alonso, a subdirectora de tratamento do Centro Penitenciario de A Lama, un dos sete penais que hai en Galicia. Entre outras funcións, encárgase dos permisos e das actividades que se organizan dentro desa cadea.

A listaxe
O catálogo de actividades do centro penitenciario de A Lama, un dos máis concorridos de Galicia, conta con máis de duascentas actividades repartidas entre áreas deportivas (contan con competición federada de fútbol), educativas (que abrangue desde cursos de alfabetización ata consolidación de coñecementos), formación ocupacional, terapéutica, cultural, formativa e laboral. Diferentes disciplinas nas que os presos poden ocupar o seu tempo mentres cumpren condena.

Silvia explica que “ao que damos maior importancia e así o transimitimos, son as actividades de tipo educativo”. Refírese con iso desde os cursos a distancia dos niveis educativos (desde ESO ata o doutoramento) ata os cursos formativos, impartidos polo INEM, que teñen unha titulación e unha duración igual que o que pode cursar unha persoa no exterior pero dentro da cadea. “Nós, explica a subdirectora, damos moita importancia á formación, á educación. Iso si, sen descoidar o resto das facetas”.

A música
Entre as múltiples actividades que hai no penal de A Lama, destaca o taller de música. Silvia di del que “sempre que veu algunha persoa do exterior se sorprendeu polo bo nivel, polo ben que funciona, polo interese que poñen eles no seu traballo”. Cantan, bailan, fan teatro... son unha das actividades máis movidas que ensaian dentro da escola sociocultural que figura nas instalacións do propio centro. “Ademais, explica Silvia, son os encargados de organizar os espectáculos e as actuacións musicais polo Nadal, na Festa da Mercede (a padroa) e darlle un pouco de ambiente”. O obradoiro de música é unha das actividades máis destacadas de todas as que se ofertan e que mesmo teñen actuado fóra da cadea. Foi no intermedio dun partido de fútbol que enfrontaba ao Pontevedra C.F. co Cádiz. “Tiveron un tempo moi limitado por iso, despois de colocar os instrumentos, deulles lugar a un tema, pero puxeron moitísimo interese” puntualiza Silvia.

O grupo foi o resultado do obradoiro de música que imparte un educador. “Foi principalmente iniciativa súa, explica a subdirectora de tratamento, xa que el se encargou de ir buscando aos internos, de ver quen tiña maior afinidade e de ir creando o grupo de música, de ensaiar con eles...”. Este educador encárgase de recompilar música, de formalos, de buscar novos internos que teñan certas habilidades e incorporalos á formación.

En primeira persoa
Silvia explica que “na organización de todas as actividades e das tarefas participan educadores, psicólogos e, por suposto, a dirección da cadea”. Non é un traballo único, cada unha das partes implicadas ten moito que achegar.

Elvira Riveiro é unha desas educadoras das que fala Silvia, leva dando clases de cerámica na cadea da Lama desde hai tres anos. O seu traballo consiste en familiarizar aos reclusos cos diferentes materiais para traballar a cerámica e poder facer algún produto. “Habitualmente, explica Elvira, sérvelles para facer algún agasallo para a familia cando teñen algún permiso ou algunha visita familiar”. Non só iso, tamén teñen feito exposicións aproveitando algunha das efemérides que se celebran dentro da cadea. Elvira matiza que “están habituados a facer traballos manuais, por iso non lles resulta moi difícil aprender a técnica. Outra cousa é que non saben moi ben que facer e acaban facendo borralleiros”. Por iso, ademais de traerlles a materia prima, Elvira procura levar libros e traballos que ten feito para que aprendan que existe unha gama moi variada de posibilidades. Sobre a utilidade ou a rendibilidade que lle poidan sacar ás súas clases, pensa que depende moito de cada alumno, “teño un que antes de entrar na cadea se dedicaba a facer cousas de artesanía e, posiblemente, cando saia, aproveitará para vender o que aprendeu aquí”. En todo caso, o que máis lle sorprende a Elvira é “que unha vez superados os prexuízos iniciais que traes de fóra, é que como non están habituados a que ninguén lles ensine nada, cando alguén lles axuda ou lles dá algo a cambio son moi agradecidos”.

Dentro e fóra
“Hai internos que poden deixar o centro, explica Silvia, se son dos que saen habitualmente de permiso, dentro do que se coñece como unha saída programada. Pero hai outros que polo seu réxime non poden abandonar o recinto”. Como di o refrán “se Mahoma non pode ir á montaña, a montaña vai a Mahoma”. Por iso, asociacións socioculturais, a dirección da propia cadea ou o propio educador organizan actividades dentro das instalacións para que os internos poidan gozar delas.

Nesta tarefa están implicadas asociacións de todo tipo. Tanto as que se dedican á organización de actividades socioculturais para os presos como a Concepción Arenal, como as que non; fundacións como a Barrié, que ten achegado material e actividades, ou institucións. Dentro destas últimas destaca a Deputación de Pontevedra, que ten incluiudo o centro dentro da súa rede no “Plan Cultural”. Todos eles teñen aproveitado a escola sociocultural que hai na Lama para obras de teatro e concertos tanto de música tradicional, clásica ou grupos folclóricos. Actividades que, como di a subdirectora Silvia Alonso, son moi ben recibidas polos presos de todos os módulos.