A Fundación Barrié achéganos a historia das tentativas industriais do noso país na mostra “Galicia Industrial”

Unha historia das tentativas

É xeral a idea de que Galicia ten de xeito histórico unha falta de industria que moitos non dubidan de cualificar de endémica. Se ben iso é certo en boa medida, existe toda unha historia, composta maiormente de tentativas puntuais, sobre a industrialización moderna de Galicia. Este outono a Fundación Barrié achéganos á súa nova sede en Vigo esa historia a través da mostra “Galicia Industrial (c.1750-2005)”.

Hai xa case tres anos que comezou o traballo deste ambicioso proxecto. Ademais da exposición que se vai poder ver na nova sede da Barrié, o proxecto engloba a publicación da monografía “El empeño industrial de Galicia. 250 anos de historia, 1750-2000” con máis de catrocentas páxinas e que pretende ser, segundo a Barrié, “referencia obrigada para os estudosos da nosa historia”. O profesor da Universidade de Barcelona Jordi Nadal e Joám Carmona, da Universidade de Santiago de Compostela, foron os encargados desta laboriosa investigación coma autores do libro e comisarios da mostra. Segundo Carmona,“A monografía ten unha parte moi importante de investigación nova, hai un traballo de biblioteca e de arquivos e tamén visitas, traballo de catalogación e busca de pezas para a mostra”. “A Historia Industrial non é unha das áreas máis desenvolvidas en Galicia”, recoñece Carmona. “Meijide Pardo foi un precursor nesta materia, e logo hai algún grupo de investigación e estudosos locais. Gustaríanos que a mostra e mais o libro sirva para que outra xente se anime a investigar, a criticarnos e a completar”.

Obxectos da industria
En total son 141 os artefactos que se poderán ver a partir do vinte e oito de outubro entre máquinas, maquetas, accións e títulos. Canda a isto, unha selección de dez audiovisuais procedentes de diferentes empresas, institucións e coleccións privadas amosan diferentes épocas da nosa evolución industrial. “Unha peza que nos parece moi destacada é unha máquina de vapor que pertenceu a Conservas Goday, a primeira fábrica moderna e de importancia que se fixo en Galicia neste sector”, sinala Carmona. Os investigadores localizaron esta peza na Illa de Arousa, concello que pretende abrir un museo nas antigas instalacións desta fábrica. “A máquina era un elemento moi importante nas primeiras conserveiras en Galicia, e quedan moi poucas a nivel estatal”. Representando a industria tradicional encóntranse curiosidades coma un brunidor de coiros que saíu de Picusa. “Esta é unha fábrica de coiros que segue funciona en Padrón desde 1810, o que a fai a empresa en funcionamento máis antiga de Galicia canda ao Arsenal de Ferrol”, explica o comisario. “Logo os estaleiros de Vigo e de Ferrol cederon maquetas de barcos, que son do máis rechamante da mostra e que permiten ver moi ben como evoluíu a construción naval en Galicia”.

O comezo
O liño, a cerámica tradicional, as ferrerías e a primeira industria da salgadura foron os exemplos pioneiros da industria galega. A mediados do século XVIII Galicia exportaba produtos manufacturados de calidade recoñecida, competindo a moi bo nivel con outras zonas. Sen embargo, cen anos despois, o noso país comezaba a se situar nos vagóns de cola do tren da industrialización. ·Ninguén a mediados do século XVIII pensaba que Galicia podía quedar atrás na industrialización”, apunta Carmona. A substitución do liño, no que o noso país era líder, polo algodón, a falta de circuítos industriais e a evasión de capitais minaron aos poucos a potencial industria da nosa terra. Ademais deste período inicial, a mostra divide a nosa historia industrial en diferentes etapas marcadas, respectivamente pola instalación da industria conserveira, a explotación hidroeléctrica e o desenvolvemento dos sectores da automoción e do téxtil a partir dos anos setenta.

Tentativas históricas
A partir do seu estudo, os investigadores conclúen que é falso o mito de que a industrialización non se deu no noso país ata os anos sesenta. “Hai unha tradición industrial importante e unha teima continua ao longo dos últimos douscentos cincuenta anos por construír unha industria con empresarios moi innovadores que moitas veces non saíron adiante”. Este historiador sinala que, a pesar do índice de fracasos, non se pode esquecer que o sector da conserva resultou ser un éxito industrial que continúa coma un dos máis importantes do mundo. Dun xeito semellante, o desenvolvemento de sectores coma a madeira, a confección ou a automoción non deixan de ser importantes.
Dentro desa historia de intentos, Carmona destaca iniciativas coma a do Marqués de Sargadelos, “fixo primeiro alto forno privado de España e a primeira empresa que fabricou louza de consumo popular”, sinala. Tamén a fábrica de vidros da Coruña foi pioneira e marcou toda a industria do vidro estatal a través emigración dos seus operarios. “A partir de 1880 hai cousas moi destacadas, coma a empresa Barro Chavín, que foi das primeiras en fabricar pezas de aceiro para automoción. Ou en Padrón Lámparas Iria, que foron tamén pioneiros en fabricar lámpadas eléctricas. Os estaleiros, o proxecto Zeltia en Porriño ou os grandes encoros de Fenosa son outros dos fitos industriais que sinala o investigador.

Inauguración
Con este ambicioso proxecto, a Fundación Barrié inaugura a súa nova sede en Vigo, un edificio de Manuel Gómez Román que, restaurado polos arquitectos Luís Moreno Mansilla e Emilio Tuñón Álvarez pretende converterse nun dos eixes de referencia cultural da cidade. Varias salas de exposicións, un auditorio de trescentas prazas, aulas e instalacións para diferentes actividades completan unhas completas instalacións. Logo do peche, o vindeiro vinte e dous de xaneiro, a mostra trasladarase á sede coruñesa da fundación. Carmona sinala que “penso que calquera visitante pode encontrar na mostra un elemento que forme parte da súa propia historia”. Será cousa de o comprobar, entón.

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

Citröen 2CV, 1964
Acero, plástico e neumático
PSA Peugeot Citröen, Vigo

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

Colección home e muller, 1985-1990
Adolfo Domínguez, S.A., Ourense

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

Útil de traballo para confección de cigarros manuais, S.XIX
Colección Altadis, Madrid

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

Bala de canón, 1798-1838
8,6 cm de diámetro. Ferro fundido
Real Padroado de Sargadelos. Cervo.

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

Barco para pesca en arrastre "en parella", 1920
Madeira
Construccións Navais P. Freire, S.A. Vigo

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

Traballos en coiro
Foto histórica

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

Conservas
Foto histórica

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

GALICIA INDUSTRIAL (c.1750-2005)

Confección. Chicas Refrey
Foto histórica