A importancia patrimonial das árbores galegas pasa a miúdo inadvertida en Galicia

Patrimonio de madeira viva

Ulmeiras centenarias, castiñeiros de doce metros de circunferencia, os eucaliptos máis grandes do Estado ou especies exóticas que medran nos recantos dos xardíns pacegos... En Galicia temos unha chea de árbores que posúen uns valores que en ocasións as converten en auténticos elementos dun patrimonio a miúdo non abondo valorado.

As árbores supoñen todo un patrimonio natural e en moitas ocasións histórico que polo momento non conta cunha lexislación específica. Deste xeito, non é estraño que se perdan ou que se deterioren exemplares que, ás veces, poden achegar curiosos datos sobre a propia historia do país. “Árbores monumentais no patrimonio cultural de Galicia” é desde 2003 a obra de referencia sobre estes elementos que existe no noso país. Os seus autores, Carlos Rodríguez e Jesús Izco, pasaron anos a percorrer Galicia na busca daqueles vexetais que máis destacasen pola súa idade, formas, tamaño ou historia. “O criterio para incluír un exemplar no catálogo é múltiple. Unha árbore pode ter valor particular por estar vencellada a feitos históricos ou a tradicións populares coma ritos, romarías ou historias tradicionais. Noutros casos valórase a rareza do exemplar, porque non existan árbores desa especie na zona, e en ocasións considéranse cuestións biolóxicas, coma grosor ou altura”, sinala Izco, Catedrático de Botánica pola Universidade de Compostela. Un total de 344 exemplares foron recollidos nesta obra, sinalando cuestións coma o tamaño, a historia, a situación xeográfica, o estado de saúde e mesmo os propietarios de cada un deles.

Protexidos por extensión
Segundo asegura este estudoso, na actualidade non existe nin social nin legalmente unha valoración da importancia patrimonial das árbores. A Lei de Patrimonio de Galicia recolle a posibilidade de que árbores que formen parte de conxuntos patrimoniais poidan ser protexidas aínda que dun xeito indirecto e sempre coma parte doutros elementos patrimoniais. Segundo o catálogo de Izco e de Rodríguez, a prohibición de facer obras nos contornos dos Bens de Interese Cultural permite algunhas árbores gocen tamén de protección, “dada a súa localización en xardíns pacegos ou urbanos con interese artístico, histórico ou antropolóxico”, pero advirten que “quedan fóra, no entanto, aqueles cuxa singularidade ou monumentalidade son exclusivamente naturais”. Por outra banda, a propia Lei de Conservación dos Espazos Naturais e da Flora e Fauna silvestres recolle a necesidade de crear un Catálogo de Árbores Senlleiras que non chegou a ver a luz. Tamén a protección de determinadas áreas, coma o Camiño de Santiago ou os diferentes espazos naturais protexidos afectan en ocasións e de xeito colateral a estes seres vivos. “A idea que rexe en outras lexislacións, é que se protexe a árbore coma tal elemento ou exemplar, e iso é o que estamos buscando para Galicia”, sinala Izco.

Un ideal de lexislación
“Houbo un intento da Xunta de facer un decreto no que estarían contemplados estes árbores, unha normativa e uns criterios de protección, pero esta norma non foi finalmente publicada”, destaca o botánico. Segundo el, neste texto recollíanse cuestións coma as fórmulas polas que se pode declarar protexida unha árbore, os instrumentos de protección, as restricións sobre os empregos que se lle pode dar ou as compensacións para os propietarios, ás que este estudoso prefire chamar “premio ao gusto que tivo unha persoa de conservar unha árbore”. Do mesmo xeito, o texto contemplaba a necesidade de que haxa un catálogo aberto cos exemplares máis destacados. “Nese catálogo ten que haber entradas pero tamén saídas motivadas pola morte das árbores, e no mesmo ten que incluírse o tratamento que tiveron ou que deben ter, fotografías, as citas literarias ou as aparicións en medios que ser refiran á árbore e a súa historia”, sinala o catedrático de Botánica.

Un valor
Para alén desta lexislación, en moitos casos os propietarios dunha árbore queren saber como se pode valorar o seu exemplar, ben porque a consideren singular, ben por cuestións puramente económicas coma expropiacións ou danos na planta. Para estes casos existe un método de taxación recoñecido denominado Norma Granada que outorga un valor económico a estes elementos vexetais. Este sistema foi establecido pola Asociación Española de Parques e Xardíns Públicos e foi editado en 1990. A norma ten en conta cuestións coma a especie, se o exemplar é substituíble ou insubstituíble, o seu tamaño ou a idade, e pondera todos estas variables outorgándolles un valor económico. Na actualidade a Norma Granada é xeralmente recoñecida pola Xustiza coma norma de taxación neste estado.

Árbores e historia
Na súa exhaustiva busca das árbores máis destacadas do país, os dous investigadores verificaron que, na maior parte dos casos, as árbores cun maior valor patrimonial encóntranse integradas en xardíns e parques. “A maioría dos exemplares de maior envergadura, os que teñen un sentido histórico, etnográfico ou cultural estaban en xardíns ou ámbitos urbanizados, sinala Izco. Curiosamente, esa implicación cultural das árbores achega, ao xuízo deste especialista, unha dose nada desprezable de información histórica. “Isto permítenos coñecer nalgúns casos as relacións de amizade ou de parentesco entre propietarios de pazos que facían intercambio de especies. Tamén permite coñecer os tipos de árbores de moda en determinadas épocas ou mesmo determinar, a través da idade das árbores, momentos históricos. Así sabemos en qué momento comezan a chegar especies exóticas. Moitos dos primeiros eucaliptos que se plantaron en Galicia están en pazos, o que amosa que comezou coma árbore ornamental e non cun emprego forestal”, destaca Izco. Este investigador apunta tamén que existe un proxecto de catalogación estatal chamado Lendas Vivas que se presta máis atención a árbores en estado silvestre.

A saúde da madeira
En xeral, segundo recollen os dous estudosos no seu catálogo, a saúde das árbores é deficiente na maioría dos casos. “É moi frecuente que carballos e castiñeiros dos máis vellos fosen aproveitados para a obtención de pólas e que tivesen un mal tratamento. Podremias e outras enfermidades provocan que moitos estean en mal estado”, sinala Izco, que apunta que nalgúns casos os danos son tales que só permiten un tratamento para prolongar a vida do exemplar. “O problema é que antes había moitas árbores vellas e algunhas extraordinariamente vellas, agora ese modelo reduciuse e temos algún árbores vellos e un poucos moi vellos. Polo tanto a presenza futura de árbores monumentais vai ser menor”, adianta o especialista.

Exemplos
Entre todos os exemplares que coñeceu, Izco pode facer unha longa lista dos que máis o impresionaron. “Postos a destacar, sinalaría o eucalipto de Chavín, que ten cerca de setenta metros de altura e posiblemente sexa o máis alto do Estado. É algo espectacular tamén o carballo das Saínzas, que ten trinta e cinco metros, está san e podería vivir outros trescentos ou catrocentos anos. Tamén as ringleiras de plátanos do Pazo de Mariñán, o castiñeiro do bosque de Pumariños, en Razabales, a camelia reticulata do Pazo de Oca, que se pode considerar a máis vella deste tipo...” A lista é extensa. Curiosamente, varios dos exemplares máis destacados posúen unha ligazón coas nosas letras. É coñecido o caso do abeto que se plantou o día do nacemento de Otero Pedrayo e que un raio partiu poucos días antes da morte do coñecido autor. Ou a figueira da casa da Matanza que podería ter sido plantada (e versificada en “Adios ríos, adios fontes”) por Rosalía de Castro. Ou o coñecido vencello entre o padre Sarmiento e o monumental carballo de Santa Margarida.

Futuro máis verde
Entre os vindeiros proxectos deste botánico está en marcha unha análise sobre o valor cultural do carballo en Galicia. Neste caso o estudio céntrase máis na presenza desta especie na literatura e na música tradicional, así coma os ritos asociados a ela. De cara ao futuro máis inmediato, Izco agarda que “acabe saíndo un decreto que estableza un marco legal para a protección destas árbores e que acaben coñecéndose e formando parte do lecer da xente”, e deixa unha pregunta no aire: “Por que non facer tamén un turismo de árbores?”

Árbores monumentais

Árbores monumentais

Buxo.
Mosteiro-Pazo de San Lorenzo

Fotografía tirada da obra "Árbores monumentais no patrimonio natural de Galicia" co permiso de Jesús Izco.

Árbores monumentais

Árbores monumentais

Castiñeiro da Capela.

Fotografía tirada da obra "Árbores monumentais no patrimonio natural de Galicia" co permiso de Jesús Izco.

Árbores monumentais

Árbores monumentais

Castiñeiro.
A Regadiña en Ourense/A Pobra de Trives/Mendoia

Fotografía tirada da obra "Árbores monumentais no patrimonio natural de Galicia" co permiso de Jesús Izco.

Árbores monumentais

Árbores monumentais

Castiñeiro.
Castelo de Soutomaior en Pontevedra

Fotografía tirada da obra "Árbores monumentais no patrimonio natural de Galicia" co permiso de Jesús Izco.

Árbores monumentais

Árbores monumentais

"Coroa de Cristo".
Xardín Artístico de Padrón

Fotografía tirada da obra "Árbores monumentais no patrimonio natural de Galicia" co permiso de Jesús Izco.

Árbores monumentais

Árbores monumentais

Cipreste.
Mosteiro de Samos en Lugo

Fotografía tirada da obra "Árbores monumentais no patrimonio natural de Galicia" co permiso de Jesús Izco.

Árbores monumentais

Árbores monumentais

Eucalipto.
Pazo de Mariñán

Fotografía tirada da obra "Árbores monumentais no patrimonio natural de Galicia" co permiso de Jesús Izco.

Árbores monumentais

Árbores monumentais

"Sombreiro de Copa".
Xardín Artístico de Padrón

Fotografía tirada da obra "Árbores monumentais no patrimonio natural de Galicia" co permiso de Jesús Izco.

Árbores monumentais

Árbores monumentais

Carballo.
Campo de Golf de Lugo

Fotografía tirada da obra "Árbores monumentais no patrimonio natural de Galicia" co permiso de Jesús Izco.

Árbores monumentais

Árbores monumentais

Carballo.

Fotografía tirada da obra "Árbores monumentais no patrimonio natural de Galicia" co permiso de Jesús Izco.

Árbores monumentais

Árbores monumentais

Salgueiro Negro.
Illa de Cortegada

Fotografía tirada da obra "Árbores monumentais no patrimonio natural de Galicia" co permiso de Jesús Izco.

Árbores monumentais

Árbores monumentais

Sequoia Xigante.
Parque de Rosalia de Castro en Lugo

Fotografía tirada da obra "Árbores monumentais no patrimonio natural de Galicia" co permiso de Jesús Izco.