Remata a convivencia artística que ocupou San Martiño Pinario durante o mes de setembro

Facer arte en comunidade

29/9/2005 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: Arte
4 lecturas | Compartido 0 veces
Un xeito diferente de produción artística. Reunir trinta creadores durante un mes convivindo nun mesmo espazo coa intención de que intercambien experiencias e ideas e ver o que acontece. Esta foi a base do proxecto que botou a andar Antón Sobral en colaboración coa Consellería de Cultura nos mosteiro de San Martiño Pinario, en Compostela. A piques de rematar o prazo, vemos como evoluíu esta experiencia.
Aínda que a creación artística está tradicionalmente considerada coma resultado dun proceso solitario de reflexión e de creatividade, os muros de San Martiño Pinario están contemplar ao longo do último mes como se desenvolve un proxecto colectivo neste campo. A idea naceu hai case un ano no encontro do mundo da arte que se celebrou na Illa de San Simón. “O concepto era facer unhas bolsas para artistas novos, e o que se fixo foi convocalas a nivel estatal, e saíron vinte e dous galegos e oito de fóra, unha alemá e xente doutros lugares da península”, explica Antón Sobral, organizador do evento. Cada un dos aspirantes presentou un proxecto que debían realizar no transcurso da experiencia, axustándose a un orzamento previo. Sen embargo, na maioría dos casos, e segundo recoñecen os propios artistas, a proposta inicial foi evoluíndo coa convivencia e o intercambio de experiencias entre os participantes.

Xeitos de colaborar
“O máis importante é a interacción entre eles, o cal non é nada habitual no mundo das artes, onde cada un traballa para si mesmo”, destaca o coordinador. “Axúdanse, colaboran, hai xente que intercambia ata os seus proxectos”. Aínda que desta experiencia sairán polo momento só trinta obras, moitos dos participantes ven claras futuras colaboracións entre eles. “Hai interaccións duns con outros que ao mellor non saen á luz para a exposición pero que son moi importantes a nivel persoal. Eu xa falei cunha persoa para traballar en Pontevedra e cedinlle a miña casa outra persoa para que traballase”, sinala Amaya González.

Apoios materiais
A colaboración entre os participantes foi máis aló das cuestións puramente artistas. Os aspectos máis mundanos da arte, coma a busca de materiais para elaborar as obras, unha cuestión que en ocasións é ben complexa. Hai que pensar que por San Martiño andan estes días obxectos coma troncos de árbore, lenzos, grandes anacos de madeira, resinas, látex, pinturas de todo tipo, lámpadas, metacrilato... Tamén a colaboración entre autores se fixo necesaria para tirar as fotografías e os vídeos das performances que se realizaron no interior do encontro.”Houbo moita colaboración, se alguén precisa madeira imos todos a por ela”, apunta Pablo Pérez, un dos participantes.

Obras para o mosteiro
Ademais da realización de obras físicas, o lugar acolleu a posta en escena de performances e intervencións no mesmo lugar. Deste xeito, a propia Amaya desenvolveu unha intervención no espazo de San Martiño, en colaboración con Vanesa Díaz. “Chamoume a atención unha fiestra que hai fechada cunha corda e tamén outras que hai nos baños con cadeas”, sinala Amaya. A partir desa idea realizou unha intervención na que fechou durante a noite con la, cinta, cadeas e outros elementos. A idea era que os seus propios compañeiros se encontrasen cun espazo fechado. Noutro momento, organizouse unha concorrencia de poesía, vídeo, monicreques e escenografía nunha complexa elaboración que involucrou a catro dos artistas ademais de unha manipuladora para os títeres. “Karin Hoetzwimmer, a rapaza alemá que participa no encontro, coñeceu en Cervantes unha rapaza que montaba unha obra de monicreques cun esqueleto que toca o violín. E Karin quixo, con iso, representar a entrada da morte no edificio”, explica Jorge Couceiro. Esta idea mesturouse coa lectura de poemas que tiña previsto facer Antía outra das participantes na que interviña o propio Couceiro coas súas instalacións de luces e de sombras. Marcos Casas, videoartista, achegou tamén a súa experiencia mesturándose as imaxes reais do monicreque, unha gravación do mesmo e os demais elementos.

Espazos para a arte
A Xunta corre cos gastos de estancia, desde San Martiño Pinario achégase o espazo. Cuartos para durmir, espazos para conectar os ordenadores, aulas, salóns transformados en talleres, o almacén do xardineiro convertido en taller e escultura... O interior do mosteiro viuse tamén transformado con esta actividade. A pesar do despregue de técnicas e materiais, as instalacións non son abondo para determinadas aplicacións artísticas, e deste xeito houbo que ampliar o espazo no que se desenvolve o encerro. “Tamén hai xente que ten que traballar fóra. Pedímoslle á Escola Mestre Mateo que nos deixase os seus talleres, ou hai proxectos que empregan serigrafía e aquí tampouco temos esas instalacións, pero a maioría están aquí”, explica Sobral.

Convivir na arte
A variedade de propostas que conviven dentro dos muros do mosteiro é grande. Escultura, intervencións ou performances mestúranse con pintura de paisaxes, fotografía ou vídeo. A pesar da diversidade de propostas, os participantes consultados coinciden en afirmar que a convivencia foi estupenda. “É sorprendente que con tal disparidade mantivésemos unha convivencia impecable” sinala Pablo Pérez. “Estou convencido de que foi o efecto do mosteiro”, conclúe. Deste xeito, non é estraño que tanto artistas coma organizadores estean a desexar poder repetir a experiencia en vindeiros anos.
Cos resultados deste encontro está previsto que se programe, a finais deste mes unha mostra na Sala de Exposicións Caixa Galicia na rúa Carreira do Conde, en Compostela. Os propios artistas están a ser os encargados de coordinar a exposición e de preparar o catálogo da mesma. Todo feito na casa ou, máis ben, no mosteiro.

Universo culturagalega.gal