Julian Opie e Diego Santomé inauguran a Chocolataría, o novo espazo expositivo e de creación de Santiago

Sabor chocolate

O mes de setembro deixa tras de si un arrecendo a saboroso chocolate. Os culpables de todo isto foron a Asociación Cultural D5 que recuperaron a que fora a fábrica de chocolates Raposo para convertela nun espazo artístico. Metade galería, metade centro artístico... é un proxecto difícil de clasificar que ten un trasfondo social e contará con artistas que son referentes no panorama internacional. Vexamos a receita.

“Queremos deixar o máis claro posible e que é un proxecto non comercial. Non ten nada que ver cunha galería senón que traballamos coas galerías, con elas e para elas” esta é a filosofía que defende David Barro, un dos integrantes da Asociación sen ánimo de lucro que está detrás da Chocolataría. Completan o equipo dun proxecto que se queda na invisible barreira entre a iniciativa pública e a privada Concha Fontela, como directora xeral, Agar Ledo, como xefa de exposicións, Irene Cervera como directora técnica de montaxe e Antonio Cervera, director de Marketing e Administración.

A definición
Di David Barro que “nós non nacemos coa pretensión de competir, senón de complementar”. Por iso o proxecto está pensado desde o lado máis público, máis social da dimensión artística. “A Chocolataría pretenderá demostrar, explica David Barro, que tanto o público como a parte social da arte son claves, como unha especie de soportal de rúa no que a xente se refuxia cando chove. Queremos que non sexa un lugar aséptico como pode ser un centro de arte contemporáneo, que a xente o sinta como seu e que entre sen ningún tipo de pudor”. Pero aínda incide máis neste aspecto “traballamos na liña do que pode ser un centro expositivo como o CGAC ou o MARCO pero que a iniciativa dunha serie de persoas e non pública, que pretendemos dialogar co público”.

Para o desenvolvemento da súa idea crearon unha sociedade sen ánimo de lucro que buscou o seu lado social. De feito David pensa que a creación nace desde o inconformismo que activa a creatividade e ofrece a súa percepción individual da xénese do proxecto “para min nace dunha demanda total de moita xente que precisa un referente claro, xa que creo que todo queda engulido nunha especie de metacontexto”.

A peculiaridade
Nesa definición do proxecto non contaron con ningún referente. A idea de recuperar o espazo fabril ou industrial e abandonado é algo que se pode ver no “Arsenal” de Venecia ou no “Palais de Tokyo”, pero en ningún deles se deu a cargo dunha asociación sen ánimo de lucro. “Non coñezo ou non hai ningún modelo exacto do que é D5” explica David. Non hai un referente único, hai diferentes exemplos dos que foron emulando cada un deles, metéronos nun saco e de aí sacaron o proxecto que conta con outra especificidade máis, que é o espazo físico no que se sitúan.

O proxecto terá continuidade en diferentes locais. “O primeiro será a antiga fábrica de Chocolates Raposo (Rúa das Orfas, 15), que é o espazo para o que temos a cesión durante un ano e que logo levaremos cara outros locais”. Un feito novidoso e singular, porque “A Chocolataría” é o nome co que se popularizou o proxecto, que está na boca de todo o mundo mesmo un día antes de que abra, grazas a que foron o espazo no que se realizaron varias actividades, como o seminario “O moble emocional” organizada pola Fundación Martínez Otero. A cesión do espazo da Chocolataría foi posible grazas á cesión do Grupo Ríos, que é o propietario do edificio e que emitiu un comunicado de “apoio ao proxecto como un espazo de referencia da arte moderna, que axudará e complementará a difusión cultural e artística dunha cidade como Santiago e todo o seu contorno xeográfico. A propia idiosincrasia da antiga Fábrica de chocolates “Raposo” e o seu uso industrial, permitirá unha visión diferente da arte que alí se desenvolve, fóra de normas clásicas ou continuistas”.

Labor de mecenado
O do Grupo Ríos é un exemplo das formas de conseguir financiamento e material por parte da asociación cultural. Di David Barro que o modus operandi é “ter para cada necesidade unha reposta”. E iso supón tanto a nivel de financiamento, implicando a empresas que ata o de agora nunca apoiaron proxectos culturais, creando un labor social de mecenado inexistente ata o momento, como de material. David explica que “hai un interese pola parte pública pero aínda non se concretou en números concretos”.

De feito, como iniciativa sociedade sen ánimo de lucro, David explica que as súas peticións van en función das necesidades. “Se precisamos transporte, buscamos maneiras de transportar, se necesitamos publicacións, buscamos a maneira de facer publicacións, se necesitamos un local, buscamos esa maneira de que alguén nos ceda ese local”. A todo iso súmaselle colaboracións de todo tipo.

a programación
Aínda que Diego Santomé leva desde onte promovendo “A arte se é de chocolate mellor” polas rúas de Compostela, a súa mostra poderase ver a partir de mañá no espazo da rúa das Orfas. Un proxecto que, segundo figura na nota de prensa, “pretende relacionar a forte memoria do lugar cunha reflexión sobre as posibilidades da imaxe, onde o slogan do seu proxecto funcionará como unha mensaxe subliminar que o público asociará ao espazo da antiga fábrica de chocolates”. Ademais de todo o material de promoción (chapiñas, carteis, mupis...) haberá tamén un obradoiro impartido por cociñeiros e especialistas na manipulación do chocolate que o converten nunha exposición saborosa. Xunto a Diego Santomé, Julian Opie (Londres, 1958) é o encargado de abrir a mostra. É a súa primeira mostra en España e, tal e como explica David Barro, “aínda que se move nuns niveis económicos aos que nós, como asociación sen ánimo de lucro, non podemos chegar, implicouse tanto co proxecto que fixo posible a súa presenza na Chocolataría”. “Walking Opie” é o título dunha mostra “que versa sobre o camiñar, a partir dalgunhas das súas obras máis emblemáticas e os novos proxectos feitos especificamente para o novo espazo”.

En todo caso, estas dúas mostras son o punto de partida doutro camiñar, o que inicia a Asociación D5 na primeira recalada, na Chocolataría, que abre mañá as súas portas.