Un álbum de Javier Olivares e a edición en español de “Fiz nos Biosbardos” son os vindeiros lanzamentos de BD Banda

BDs (Bandas) para o Nadal

Que un autor español aposte por publicar en galego un álbum de xeito simultáneo coa versión en castelán non é habitual. Pero isto é precisamente o que acaba de facer Javier Olivares co colectivo BD Banda, que lanzará para o vindeiro mes de decembro “Astro” nunha primeira edición en galego canda á versión en castelán. Ademais, o grupo de BD avanza unha edición en castelán do primeiro número da súa colección.

“Astro, valente explorador”, un álbum do madrileño Javier Olivares, será o cuarto número da “Colección BD Banda”, editada polo colectivo homónimo en colaboración con Kalandraka. A obra, que recolle o material editado na revista catalá “Tretzevents”, inclúe unha historia inédita realizada expresamente para esta edición, ademais dun bo lote de material extra que o autor creou contextualizando a historia e os personaxes. Como é habitual na colección, o volume, a toda cor e en tapa dura, acolle tamén homenaxes a esta obra realizados por diferentes autores galegos e españois. O álbum estará tamén para entón dispoñible na súa versión española.

Esta edición supón o retorno á novena arte de Olivares, a quen lle podemos ver actualmente os deseños na publicidade de Canal +, logo dun tempo afastado da banda deseñada. Olivares é autor de obras coma “La caja negra” ou “Estados carenciales”, canda a abondosas colaboracións en diferentes revistas e varios libros de ilustración. A edición sairá en galego para o vindeiro mes de decembro. Simultaneamente, o colectivo ten previsto lanzar a versión en castelán de “Fiz nos biosbardos”, primeiro título da colección, que se distribuirá a nivel estatal. Segundo apuntan desde BD Banda, a obra está a ter un moi bo nivel de vendas na súa edición galega.

Completando as novidades, e como xa anunciara Kiko da Silva no pasado Viñetas desde o Atlántico, está a se estudar a posibilidade de profesionalizar o fanzine “BD Banda” e transformalo en revista. A idea é conseguir pagarlle a autores e colaboradores e estruturar un proxecto sólido de publicación, para o que se conta de novo co apoio de Kalandraka. Da Silva confirma tamén que está en marcha o proxecto de editar unha obra de Bernardo Vergara. Tamén sinala que o colectivo está a recibir propostas de edición de diferentes autores mesmo de fóra de Galicia. “Os autores que nos están a escribir con obra e que viron os álbumes tanto no salón da Coruña coma noutros sitios sorpréndelles o formato. Non é habitual no mercado español e que lles é moi agradecido porque se ve algo máis do que o arte final, e tamén a calidade de edición do proxecto”, destaca Da Silva.

Dúas páxinas de Astro

Dúas páxinas de Astro

Dúas páxinas de Astro

Dúas páxinas de Astro