Profesionais e políticos están a traballar para definir o futuro do sector audiovisual para os vindeiros catro anos

Os outros guionistas

¿Que pasará coa CRTVG? ¿E co CGAI? ¿Revocará o goberno as licenzas de televisión dixital? ¿Cales son as prioridades por parte da política audiovisual? ¿Contarán coa opinión do sector? Unha parte do que pasa no sector vén definido polas políticas culturais. Por iso, ante o cambio de goberno todos están pendentes das liñas de actuación e as prioridades marcadas desde San Caetano. De momento, o cambio máis notorio é que a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual mudou de sitio dentro do organigrama da Xunta. Pero é moito máis que un cambio e o sector xa está movendo filas.

Unha das cousas máis polémicas que quedou no aire no traspaso de competencias do anterior goberno foi a cuestión das licenzas de televisión dixital. O Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, explicou que “estamos a estudar tanto as distintas opcións dispoñibles e o seu encaixe xurídico, como os recursos presentados no concurso de radiodifusión dixital e a influencia do novo período de concesión recollido no plan técnico de televisión dixital local (pasa de cinco a dez anos) nas ofertas técnicas e económicas presentadas. En todo caso, a decisión a adoptar terá en conta exclusivamente o maior beneficio para o sector, os cidadáns, e por extensión para toda a sociedade galega”. Iso si, achega unha cousa máis que é que “se tentarán manter os prazos inicialmente definidos”.

As liñas de actuación
Ademais da resolución das cuestións pendentes, o novo Director Xeral establece cales son as prioridades para os vindeiros catro anos. A filosofía de traballo que marcará as liñas xerais é, en palabras de Manuel Fernández, que “dada a situación actual, coa chegada da Sociedade do Coñecemento e a implantación xeneralizada das novas redes de comunicación dixital, fan necesaria unha actuación decidida para converter ao sector audiovisual galego nunha industria de referencia non só en Galicia, senón tamén a nivel estatal e internacional”.

Entre as liñas de traballo o Manuel José Fernández establece como prioridades “completar o despregamento das redes de difusión e comunicación dixitais, garantindo o acceso a todos os galegos aos novos servizos de comunicación e difusión dixitais (televisión e televisión dixital, servizos multimedia...)”. Unha vez que estea solucionado o problema da conectividade, sobre todo no rural onde aínda existen liñas TRAC (telefonía rural de acceso celular), o seguinte paso é, segundo establece o director xeral, “contribuír á alfabetización dixital da cidadanía galega, reforzando a rede de salas multimedia e impulsando as accións de formación en rede e a oferta de novos servizos públicos en coordinación co resto de departamentos da administración autonómica”.

Son moitas áreas nas que traballar, como redefinir e organizar os organismos dependentes da Dirección Xeral, como o Consorcio, a CRTVG para os que Manuel Fernández di que “se tratará oportunamente con outros departamentos vencellados aos sector as distintas opcións de representación e colaboración, co obxectivo de acadar un consenso o máis amplo posible”. Ademais, o director xeral explica os novos proxectos para o CGAI, onde que pretende converter “nun centro de referencia no uso das novas tecnoloxías no eido da imaxe, traballando cara a dixitalización integral dos seus fondos e a provisión integral de servizos en rede”

A política e o sector
Administración e sector, representados no Director Xeral de Comunicación Audiovisual e no director da Academia Galega do Audiovisual, coinciden na importancia que ten que ter o audiovisual dentro da situación económica e cultural de Galicia. Por iso, como representantes de dúas caras da mesma moeda, ambos ofrecen as súas posicións para esta nova etapa.

No audiovisual como industria queda moito por facer. O primeiro chanzo dado polo goberno foi entender que non era unha competencia exclusiva de cultura e iso implicou un cambio da súa anterior situación no organigrama, na Consellaría de Cultura, Comunicación Social e Turismo para pasar a depender directamente de Presidencia, dentro da Secretaría Xeral de Comunicación. De momento, explica Manuel Fernández Iglesias, este enxeñeiro de telecomunicacións que vén de ser nomeado Director Xeral de Comunicación Audiovisual, “ estamos co correspondente axuste de competencias e dependencias, e a natureza dalgúns temas que estamos a estudar con moito coidado para facer as cousas o mellor posible”.

Mentres a administración está a definir as directrices e as primeiras decisións, o sector, lonxe de perder o tempo, pretende elaborar un documento coas cuestións que considera prioritarias para o goberno para logo facerllo chegar. Manuel Gómez explica que “nós desde a Academia consideramos que é importante transmitir coa mellor claridade posible o que pensa o sector e por iso temos convocado o día 27 un encontro para todos os membros da academia e os responsables dos distintos colectivos”. Unha xuntanza á que todo o mundo respondeu con bo ritmo e tentou implicar a todos aqueles que fan posible o que chama sector audiovisual.

De momento, o primeiro achegamento das posturas tivo lugar esta mesma semana. Foi nunha xuntanza que mantiveron os representantes da Academia con Xosé Luís Méndez Romeu, conselleiro de Presidencia no que, segundo explica Manolo Gomez “nos manifestou a súa vocación e interese para o audiovisual, onde nos manifestou que parece que nesta lexislatura haberá importantes cambios, que van permitir achegarnos ao que iso que levamos predicando na Academia de que hai que crear esa estructura que permita falar de industria. Parece que este goberno o entende e por iso se van facer políticas transversais que permitan afondar neste conceptos. E isto implicará a Consellerías como Educación, Cultura, Economía e como a propia de Presidencia”.