Unha ducia de Centros Rurais Agrupados loitan por imporse como modelo educativo alternativo

Xuntos pero non revoltos

Cando Jose Luís Cuerda rodou “A lingua das bolboretas” moitos galegos puideron sentirse identificados co mestre que interpretaba Fernando Fernán Gómez. Aínda que a película era unha ficción, copiaba un dos modelos educativos do noso país que aínda existe. Son as escolas rurais unitarias, redefinidas nos Colexio Rurais Agrupados, dos que existe unha vintena no país. Un modelo educativo con moitos adeptos que ademais de ensinar ten unha función de dinamización social.

Tal e como o mestre republicano que na película de Cuerda estaba agardando por un microscopio que lle permitise ver como se enrolaba a lingua das bolboretas, hoxe existe un mestre agardando porque a banda ancha chegue ao rural que lle permita ensinarlle a lingua das bolboretas, e unha pequena parte do mundo a través da pantalla dun ordenador. Aínda que da Segunda República, momento no que se sitúa o filme e unha das épocas de maior apoxeo social e pedagóxico das escolas rurais ou unitarias, hoxe moito cambiaron as cousas e este modelo pedagóxico readaptouse para converterse nun exemplo educativo con moitos adeptos.

Centro rural agrupados
A día de hoxe conviven na comunidade 37 centros nos que só hai dous mestres, 36 con tres e 46 con catro. A antiga escola rural unitaria reconverteuse nos Colexios Rurais Agrupados. No fondo non son máis que unha suma de unitarias das parroquias, que comparten os profesores das especialidades, como música, educación física, idiomas (habitualmente inglés) e relixión. A sede deste novo modelo de escola instálase na localidade máis céntrica na que, ademais da sala de profesores, agrupan tamén todo o material tecnolóxico e bibliográfico que recibe da Consellería de Educación. Son escolas que contan con bibliotecas que se abren como sala de lectura para toda a comunidade e ás veces, en lugar de ter teléfono fixo, os docentes contan cun móbil custeado por Educación.

No curso que comeza esta semana abríronse catro novos centros destas características e boa parte do movemento da Nova Escola Galega que fundou, entre outros, Antón Costa no 1983, pretenden converterse nunha alternativa de futuro. Explica Costa que “agrupando varias unidades das antigas escolas unitarias, pódese conseguir unha certa dotación tecnolóxica e solucionar as dificultades que tiñan”. Non foi só unha problemática galega: “desde mediados dos oitenta houbo experiencias de escola rural en múltiples zonas do estado. Por exemplo, en Cataluña este modelo trunfou con éxito, aínda que alí ademais dun tecido social que o demandou houbo certa sensibilidade por parte das institucións políticas. Aquí non houbo nin esa demanda nin esa sensibilización pero desde o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega pretendemos que se siga a manter”.


¿Que diferencia ás escolas rurais?
Para Antón Costa, quen tamén é autor dun volume sobre a “Historia da educación e da cultura en Galicia”, a escola rural “supuxo un modelo educativo que reconcilia ao profesor co contorno e fortalece as relacións vitais dos cativos co seu medio e ten en conta á comunidade, ás realidades concretas, tanto familiares como sociais”. É dicir o mestre popularizado por Cuerda preocupado polo seu alumno, que facía excursións polos arredores da vila e coñecía a cada un dos nenos e as súas circunstancias familiares non ten por qué ser unha utopía. “Son escolas de proximidade, explica Antón, onde os nenos son coñecidos polo mestres e onde aprenden tanto dos compañeiros como dos libros”. Neste sentido, como escola que une a rapaces de entre 6 e 12 anos nas mesmas aulas fai que “haxa certos nenos que se converten en pequenos mestres procurando botar unha man na tarefa de educar”. Pero só ata que cumpran 12 anos, cando entrando xa na etapa de secundaria teña que desprazarse ao IES que lle corresponda.

Un pouco de historia
As escolas unitarias son unha realidade histórica e moi tradicional que comezou no século XIX, momento no que a escolarización dos rapaces se definiu como unha prioridade. “En Galicia, explica Antón Costa, fálase de escolas unitarias desde finais do século XIX, como unidades de parroquias simples e cunhas instalacións físicas moi ruíns”. Un feito que non sucedeu nin en Francia, Suecia ou Alemaña onde había escolas con clase única pero ideadas desde institucións políticas, con formación especial para os mestres e onde os centros, con boas dotacións tecnolóxicas, eran consideradas como casas de cultura, como espazos de dinamización da parroquia.

Os primeiros anos do século XX, as unitarias do noso país seguiron emulando o vello sistema tradicional e, ao seu carón naceron as escolas creadas cos cartos que os emigrantes enviaban desde a outra beira do atlántico e, segundo explica Costa “pretenderon darlle un sentido de espazo cultural e constituíron un camiño de ida e volta entre a escola e a comunidade”. Pero continúa apuntando que “no franquismo isto morreu e aínda que foi cando tivo lugar o maior número de centros, ía en contra do sentido de integración escola-comunidade que se producira desde a súa orixe”.

Entrados os anos setenta foi cando, en prol dos aires de renovación racionalista da educación, comezaron a unirse aos nenos por grados escolares e por idades que derivou na eliminación de escolas rurais. O modelo manteuse, non só en lugares pola súa orografía senón porque houbo grupos preocupados por demandar o parón da creación de grandes concentracións que estaban acabando coas unidades rurais e co seu modelo pedagóxico implicado coa comunidade. Foi así cando comezou a tomar conciencia neste modelo educativo, as escolas rurais e comezaron a recuperarse creando a figura dos Centros Rurais Agrupados, que conviven con pequenas unitarias. Haberá que agardar a ver que acontece coa dispersión poboacional, a demanda social e á sensiblidade das clases políticas para saber se este modelo se consolida, tal e como acontece noutras zonas do estado, e as escolas rurais manteñen ese papel de dinamización social.