O teatro e a creación revélanse coma un xeito de integración e de desenvolvemento para persoas con enfermidades mentais

Arte arredor da razón

É unha idea popular que o desequilibrio mental está intimamente relacionado coa creación artística. Coñecidos son os casos de grandes creadores que viviron no límite da cordura. Dun xeito semellante, desde a Asociación Fonte da Virxe de Amigos e Familiares de Enfermos Mentais empregan o teatro e a arte como un xeito de desenvolver as capacidades das persoas con estes problemas. A compañía Papachangos, por exemplo, leva xa varios anos a representar as súas obras en Compostela, achegando outro xeito de ver a enfermidade.

Papachangos é un grupo teatral que existe desde hai tres anos. Neste tempo representaron as obras “O Xuízo”, de Daniel Penabade, “Balas sobre Broadway”, de Woody Allen, e traballan na actualidade con “Amor de ambulatorio” e con “Francesco estás aí?”. A peculiaridade deste colectivo é que está formado exclusivamente por persoas con enfermidades mentais. Papachangos naceu no seo da asociación Fonte da Virxe, de Compostela, e emprega o traballo escénico coma unha actividade que pode axudar a desenvolver diferentes aspectos da vida dos seus membros. “Con este programa buscamos a creatividade coma medio, non coma fin. A intención é que este traballo incida positiva e directamente nas funcións psíquicas e que mellore a calidade de vida a través da educación do corpo e da expresión”, explica Lois Pose, educador social nesta asociación. Basicamente, o traballo co teatro permite aos membros do grupo desenvolver as súas actividades psicomotrices, a lateralidade, a orientación espacial... A outro nivel permite exercitar a memoria e a expresión verbal, e é especialmente indicado para mellorar as relacións sociais. “Moitas veces na enfermidade mental un dos síntomas poden ser problemas para expresar e comunicar tanto desexos propios como necesidades. Tamén son habituais complicacións para se comunicar co exterior e cos propios compañeiros, e neste sentido o teatro axúdalles moito”.

As dificultades
Máis concretamente, os doce membros que participan en Papachangos teñen trastornos mentais graves persistentes, con diferentes tipos de enfermidades, o que condiciona as capacidades dos diferentes participantes. “A uns cústalles máis que a outros, hai xente con moitas dificultades para memorizar e iso implica ter que traballar moito co guión na man. Tamén hai que adaptar as obras, o que pode ser un proceso moi longo. Non todo o mundo vale para todos os papeis”, lembra este educador social. A selección das obras realízase tendo en conta os intereses dos propios participantes, “téntase que poidan ter unha orientación positiva, e valórase moito o humor” lembra Pose. En xeral os resultados son moi bos e os participantes que iniciaron o proxecto continúan maioritariamente no mesmo”. Persoas de entre vinte e sesenta e cinco anos están involucradas neste proxecto, que coordina Nazaret Davila.

Tirar o mito
Con cada unha das súas obras, o grupo desenvolveu catro ou cinco actuacións locais sociais, centros da terceira idade ou mesmo ao aire libre, na propia alameda compostelá. Con esta presenza pública, a asociación quere tamén “expresar e desmitificar a imaxe estereotipada que se ten moitas veces do enfermo mental amosada polos medios e polo cine”, sinala Pose. “O feito de actuar nin sequera se presenta coma un mérito, vese coma algo normal. Hai que concibir que esta é unha actividade completamente voluntaria”. A pesar de que pode dar a idea de que a persoas con enfermidades deste tipo pódelles resultar complicado separar realidade e ficción, sen embargo, desde a asociación teñen claro que isto non lles supón impedimento ningún. “Hai que ter en conta que todas estas persoas está sometidas a un tratamento. De calquera xeito, sempre que esta división se restrinxa a un ámbito concreto non teñen ningún tipo de problema”.

Igualdade entre socios
Seguindo esta filosofía, a asociación organízase integrando completamente as persoas con enfermidades mentais no funcionamento da mesma. Desde xeito, todos os socios, enfermos ou non, teñen os mesmos dereitos e obrigas, asisten ás xuntanzas e poden participar en todos os eventos que organiza o colectivo. “En todas as actividades da asociación considéranse os participantes coma persoas adultas que veñen pola súa propia vontade. Por ter unha enfermidade non se deixa de ser un mesmo nin de ter os propios gustos e opinións, e as persoas que traballan nisto poden orientar ou aconsellar, pero non hai receitas nin fórmulas que se impoñan, cada persoa é adulta e autónoma”.

Outras artes
Ademais do teatro, no colectivo desenvólvense toda unha serie de actividades creativas que buscan desenvolver as capacidades dos participantes. Talleres de coiro, cerámica, fotografía ou restauración son algunhas das que teñen máis éxito. Unha vez ao ano a Fundación Granell acolle na súa sede do Pazo de Bendaña, en Compostela, unha mostra cos traballos que xurde destes talleres. “Son todos traballos persoais, non tentamos que os participantes fagan pezas en serie”, explica Loisna inauguración da última mostra, o doce de setembro de 2005. Deste xeito vasos para flores , cinceiros ou fontes mestúranse con máscaras, bonecos e todo tipo de creacións. Moitas das pezas están á venda, destinándose sempre os beneficios ao propio artista, e a propia fundación adquiriu pezas de membros deste colectivo. “Houbo tamén quen expuxo en bares e locais e nós temos unha pequena tenda onde poden vender os seus traballos” lembra Pose.

Futuros
Polo momento, o grupo Papachangos retomará cara o mes de xaneiro a súa actividade, polo que é de agardar novas estreas ao longo do vindeiro ano. A nivel asociativo, e tal e como lembraba o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo na inauguración da última mostra, na Granell, agárdase que para o vindeiro ano se poñan en marcha as obras do novo centro que acollerá as actividades da asociación. Mentres, o pano continúa a se abrir.