A Fundación María Martínez pretende achegar unha nova visión do mobiliario e a súa relación coa sociedade

Mobles para vivilos

Que unha muller cree unha empresa de mobles hoxe non é destacado. Que a fundara hai nos anos corenta nunha pequena vila como era a Estrada si. María Martínez Otero foi quen creou unha empresa que hoxe amobla algunhas das tendas de Zara e algunhas cadeas hostaleiras máis coñecidas. O seu espírito planea sobre a fundación que leva o seu nome, que se sitúa no medio rural e que ten entre os seus obxectivos educar na cultura do moble.

“O moble emocional” é unha das múltiples actividades que organiza a fundación María Martínez Otero. O seu obxectivo vai por entender o moble como algo máis que un simple obxecto, como unha peza que tende pontes coa cultura, coa actividade profesional e coas vivencias e emocións de cada persoa. Baixo este título a Fundación organiza un ciclo de conferencias e un obradoiro co que a Chocolataría, a nova galería de arte de Compostela, abrirá as súas portas a semana que vén. Elena Fabeiro, a directora desta Fundación, explícanos que o obradoiro está destinado a xente que estea interesada no mundo mobiliario. E por aquí van os tiros desta nova fundación.

Unha fundación peculiar
A Fundación María Martínez Otero nace o 15 de setembro do 2004 ao abeiro da empresa de mobles do mesmo nome que é quen a xestiona e financia. De feito, explica a directora que “desde o primeiro momento, marcáronnos como obxectivos que todas as actividades tiñan que ver co moble, entendido desde diferentes puntos de vista, pero como moble. Ademais, dado que a fundadora foi unha muller a Fundación tamén debe reflexionar sobre a perspectiva feminina”. Con estas directrices a fundación comezou a andar tendo como primeiro cometido atopar unha sede que actuase como centro de operacións. A Fundación fuxiu das grandes cidades para sentar o seu emprazamento no rural. “Nun primeiro momento, explica a directora, pensamos en alugar un baixo en Santiago pero pronto desbotamos esta idea e viñemos para Callobre, unha pequena aldea do Concello da Estrada”. Por unha banda porque a casa na que están é na que naceu a fundadora da empresa e á que estivo moi vencellada sempre, e pola outra, porque boa parte da súa actividade pasa por achegarse tamén ao mundo do rural.

De momento, Elena Fabeiro, Mercedes Costa Macías e Chus Durán Reino son as encargadas de botar a andar o proxecto. Só tres persoas porque o proxecto está aínda nos seus comezos. “A fundación está en Callobre, unha pequena aldea do Concello de A Estrada, explica a directora, totalmente no rural, pero temos un proxecto arquitectónico para reformar a sede e estamos pendente das licenzas (o concello da Estrada está en fase de exposición pública para a posterior aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal) para poder comezar”. Unha vez que teñan a licenza, completarase o proceso de adecuación da sede na que se organizarán actividades como as que xa realizaron este ano, como dous obradoiros de mobiliario para os rapaces. “Foron unhas iniciativas que callaron entre o público, comenta Elena, na que os nenos aprenderon a facer pequenas cousas con materiais como papel ou cartón”. Nos dous talleres pretenderon que os nenos reflexionaran sobre como deben ser os mobles que precisamos e como se inventan os mobles.

Non serán as únicas, xa que entre as necesidades que figuran, en estreita relación cos seus obxectivos, está o de configurar un centro bibliográfico especializado en deseño industrial que servirá tanto para a recuperación, catalogación e protección do patrimonio histórico-artístico no sector do moble, así como a promoción e fomento da investigación na industria do moble.

Sensibilización polo moble
Elena explica que “o primeiro que fixemos foi un premio de deseño, que ten vocación de continuidade e é o primeiro destas características que hai en Galicia”. A comparación resulta inevitable xa que, conta Elena que “en Cataluña –onde existe unha tradición mobiliaria semellante- existen máis de vinte iniciativas de empresas privadas en relación co moble, pero aquí era a primeira vez que se organizaba un certame destas características”. A primeira convocatoria deste premio, que gañaron Iñaki Remiro Virto e Adrià Guiu Barella cuns estantes que chamaron “Flat”, deu lugar a unha exposición que tivo lugar na galería Sargadelos de Santiago. A convocatoria da segunda edición deste certame terá lugar en setembro, coincidindo coa feira do moble de Valencia, a máis importante do Estado e, tal e como nos conta a directora, “tamén pretendemos que dea lugar a unha exposición”.

Coa Fundación iníciase unha preocupación pola concepción dos mobles domésticos que non atende só a cuestións de deseño senón tamén aos materiais empregados e á formar á sociedade nos múltiples vínculos que establecemos cos mobles.

Sobre María Martínez
A empresa María Martínez toma o nome desta muller nada en Callobre en 1905. Unha emprendedora que en 1941 montou un obradoiro de ebanistería que hoxe se converteu nunha empresa que se foi amoldando aos proxectos de xestión integrada e aos procesos produtivos e de calidade. Na súa carteira de clientes a día de hoxe atópanse empresas tan coñecidas como Zara (do grupo Inditex) e algunhas das cadeas hoteleiras máis coñecidas de Europa. Un espírito de superación e interese polo mundo mobiliario que a Fundación pretende transmitir e inculcar.