A aposta de Matarile Teatro mantense como unha das iniciativas máis orixinais e de maior proxección exterior no teatro galego

Teatro que sae do guión

Matarile Teatro constitúe un caso excepcional dentro do panorama escénico galego. Por xestionar a súa propia sala. Por crear e organizar eventos coma En Pé de Pedra ou o festival de teatro Alternativa de Compostela. Por ser unha das compañías que máis actúan fóra do noso país. Por faceren as obras sen partir dun texto. Agora, unha xira lévaos por oito comunidades do Estado coa súa última produción.

Quizais a principal diferenza entre Matarile Teatro e outras compañías teatrais do país é que as súas obras non teñen un guión convencional. “O teatro débese facer sobre o escenario” explica Ana Vallés, directora do colectivo. “Non parto dunha base literaria para a creación dos espectáculos, as obras van nacendo cos propios actores, a partir dunhas ideas previas sobre os temas que me gustaría tratar e as formas en que os queremos abordar. Tamén me gusta traballar moito a partir das peculiaridades físicas dos actores”. Este xeito de creación dá nunha obras moi visuais, carentes en grande medida dun argumento, abertas a evolucións e nas que as relacións entre os diferentes personaxes teñen un peso fundamental.

Historia natural
Un exemplo deste xeito de traballo é a última produción da compañía. “Historia natural” reúne sobre o escenario dezasete persoas. “Encántame a mestura da obra, aínda que como directora moitas veces cústame levalo. Esta mestura de culturas, personalidades e formación é moi estimulante para min, mesmo temos unha actriz cega. E sae algo moi vital que é o que quero facer agora”, resume Vallés. “En realidade esta maneira de traballar é unha reivindicación da persoa e de crer nas persoas”, conclúe. Deste xeito, non nos debe estrañar o texto que resume a súa última obra: “As descricións dunha historia natural e o entusiasmo como perseveranza do sentimento. A ollada do que contempla o público desde o refuxio da privacidade. E ao revés: o xuízo social do acontecemento privado. ¿Onde remata o espazo público e comeza o privado? A saudade continua dunha paisaxe perdida, dun espazo vital descoñecido pero sempre buscado. A eterna esperanza de crer que todo pode ser diferente se cambia a paisaxe, o noso espazo, cando o bosque avance”. Dun xeito semellante foron xurdindo ao longo dos anos obras coma “The Queen is Dead”, “A brazo partido”, “Teatro para camaleóns” ou “Negro é negro”.

Internacionalismo
É posible que sexa a orixinalidade do grupo a que estea detrás do seu éxito internacional. Leipzig, Boston, París, Porto, Madrid, Bologna, Sitges, Xixón... A lista de cidades que tiveron a ocasión de ver estes espectáculos é longa, algo bastante estraño no noso país e que quizais teña que ver coa flexibilidade desta concepción do teatro. “Nunca tivemos moito problema coa lingua. Cando fomos a Alemaña fixéronse textos en inglés. Temos traballado en italiano e mesturamos bastante as linguas nos nosos espectáculos, emprego moito os idiomas de cada un dos intérpretes, pero de calquera xeito nos festivais non adoita haber moitos problemas porque representemos en galego”.
Seis premios María Casares, tres premios Compostela, un premio Zapatilla... o palmarés que acumula Matarile desde a súa creación é amplo. O último, o premio do público da última Feira de Teatro de Galicia e o galardón ao espectáculo máis innovador no Festival Internacional de Espectáculos e Artes de Rúa de Valladolid.

Nacemento
Foi en 1986 cando Ana Vallés e Baltasar Patiño puñan en marcha un proxecto teatral que se acabaría convertendo nun referente en Galicia. Matarile Teatro nacía cunha orixinal proposta de monicreques. “O primeiro espectáculo que fixemos foi unha adaptación dun conto de Oscar Wilde con marionetas. E desde alí comezamos a traballar con actores. Eu comecei o traballo de dirección desde o terceiro espectáculo”, explica Vallés, aínda hoxe directora do colectivo. Desde aqueles dous promotores inicial, o grupo foi medrando e transformándose cos anos. “O núcleo da compañía segue a ser o orixinal, Patiño e mais eu. Logo vaise incorporando xente en función do espectáculo. Agora mesmo estamos traballando na Galán dezasete persoas”.

Organización
Desde 1993 a compañía, ademais de continuar coa súa produción escénica, desenvolve tamén un intenso labor de dinamización teatral mantendo a súa propia sala, o Teatro Galán, en Compostela. Ademais, organiza anualmente o ciclo de danza na rúa “En pé de pedra” e colabora activamente na organización de actividades coma o Festival Alternativa, un traballo complexo que, segundo os membros de Matarile, é difícil de manter. “Nos anos iniciais era Matarile quen estivo tirando da Galán, logo conseguimos separar un pouco as economías, e na actualidade ás veces tira a sala da compañía e outras veces é ao revés. Estamos a analizar a situación e teremos de prescindir dalgunha das actividades, fáltanos un apoio decidido das institucións”, apunta Vallés.

Dificultades e futuro
As dificultades económicas son, pois, un dos problemas históricos deste grupo. “Agora mesmo estamos metidos en créditos”, recoñece a directora, que tamén denuncia que “o panorama está absolutamente mal para que unha compañía se manteña, temos recorrida a última concesión de axudas na Xunta. Agora que temos esta xira de dezaoito actuacións en oito comunidades, concedéronnos menos apoio que nos últimos anos”. A pesar deste eternos problemas, o proxecto continúa. Ademais da xira autonómica de “Historia Natural”, que rematará en decembro de volta a Compostela, Ana Vallés desenvolve con Carmen Werner e de xeito paralelo o dúo de danza “Pé esquerdo”. De cara ao vindeiro ano o grupo prevé continuar coa última obra da compañía. Non se pode descartar, sen embargo, que ao longo de 2006 haxa mudanzas no guión.