Culleredo recupera as súas fontes e lavadoiros por iniciativa dun colexio

Adios fontes...

O Concello de Culleredo, preto da Coruña, conta con máis de setenta fontes e cincuenta e cinco lavadoiros na súa maioría en estado de abandono. Esta é a conclusión á que chegou un estudio elaborado por profesores e alumnos do Colexio de Tarrío, no mesmo Concello, que analiza a situación deste patrimonio caso por caso. De resultas deste estudio, o Concello comprometeuse a restaurar anualmente unha fonte de cada unha das once parroquias de Culleredo.

A importancia da auga


Por estraño que poida parecer, as fontes e os lavadoiros que agora se atopan abandonados foron durnate moito tempo unha fonte de riqueza para a zona. Era habitual que as lavandeiras da parroquia de Vilaboa realizasen nestes lugares a colada de moitas familias da Coruña. As traballadoras acudían á cidade a coller a roupa suxa os luns e voltábana os venres, xa limpa.
Aínda a día de hoxe algúns destes lavadoiros som empregados coma substituto das máquinas de lavar cando falla o suministro eléctrico ou para pezas concretas de roupa. O que si se perdeu en maior medida foi a súa utilidade social como centro de encontro de reunión.
Pola súa banda, as fontes contan cunha moi boa calidade da auga segundo avalían as análises realizadas desde a Xunta, aínda que o aspecto de abandono de moitas delas fan que sexan moi pouco empregadas polos veciños.











Escolares ó rescate


Hai xa dous anos que desde o Colexio de Tarrío e por iniciativa de docentes e alumnos, comezou a realizarse o inventario de fontes e de lavadoiros do concello, un traballo que todavía continúa.
Neste inventario consignábase a situación da fonte, o seu estado actual e todo tipo de información sobre a mesma. Así, os estudiantes encargáronse de recoller as lendas e cantigas relacionadas con cada un destes lugares, consignando as supostar propiedades curativas das augas e os rituais asociados a elas, coma o de lavar a cara para curar o mal da sombra e outros semellantes.
Os encargados do inventario presentáronlle o pasado ano os primeiros resultados do seu estudio ó Concello, acadando do goberno local o compromiso de restaurar nha fonte de cada unha das once parroquias de Culleredo cada ano. Así, nos orzamentos para este ano recóllese unha partida para este fin, que se deberá ir renovando ano a ano ata completar os 180.303 euros (trinta millóns de pesetas) en que está valorada a rehabilitación de todos estes monumentos.
Ademais, o concello tamén financiou a realización de calendarios de parede e de peto nos que aparecen ilustracións das fontes e lavadoiros de todo o Concello realizadas polos alumnos do colexio. Desde o centro de educación tamén se solicitou á Xunta que realice análises sistemáticos da augas destas fontes para coñecer regularmente a súa calidade.