Unha expedición galega traballa para descubrir unha cidade mesopotámica á beira do río Éufrates

Galicia no berce da civilización

Ninguén dubida que no noso país hai toda unha chea de restos arqueolóxicos por investigar, e estamos afeitos a coñecer periodicamente novas dalgún achado histórico que se encontraba baixo o chan. O que xa non é tan habitual é que unha expedición galega realice descubertas nun lugar tan afastado como é Mesopotamia. Este é o caso do proxecto que desde a Facultade de Humanidades de Ferrol dirixe Juan Luis Montero, que semella ter localizado unha importante cidade á beira do río Éufrates.

O pasado mes de setembro de 2004 comezaba oficialmente a historia da primeira expedición galega en Siria. Era daquela cando se asinaba o acordo que permitiría que un equipo da Facultade de Humanidades de Ferrol, en colaboración cun grupo de estudosos locais, investigase unha zona moi pouco analizada á beira do río Éufrates durante cinco anos. Máis concretamente tratábase da rexión comprendida entre os ríos Balih e Habur, dous dos principias afluentes do río Éufrates, no Surleste de Siria, que comprende uns novecentos oitenta quilómetros cadrados. Este lugar foi no seu tempo un importante centro comercial. “O eixe do Éufrates serviu na antigüidade como vía de comunicación tanto terrestre coma fluvial, o río era navegable na maior parte do seu curso”, explica o director da misión, Juan Luís Montero, na presentación da mesma. Do mesmo xeito “os ríos Habur e Balih eran outros eixes de comunicación claves para a rexión do medio Éufrates”, sinala, “actuaban coma un corredor natural que comunicaba o val do Éufrates coa actual Turquía, unha rexión rica en recursos naturais dos que carecía Siria”.

Obxectivos
Entre os obxectivos iniciais da misión, ademais de realizar unha prospección superficial de boa parte da zona, estaba realizar diferentes estudos en profundidade en depósitos concretos e un ambicioso intento, descubrir unha importante cidade do século XIX antes de Cristo que se cre está nesta zona. A primeira fase dos traballos iniciouse o pasado mes de xuño e desenvolveuse durante uns trinta días, agrupando baixo a dirección de Montero, profesor de Humanidades e especialista en Historia Antiga de Oriente, a dez especialistas de diferentes universidades do Estado canda a cinco investigadores sirios. Segundo asegura o director do proxecto, esta expedición introduce a Galicia no ámbito da arqueoloxía internacional e permitirá os alumnos coñecer polo miúdo esta época histórica.

Éxito provisorio
A pesar do pouco tempo en que pode parecer que se desenvolveu o traballo, as novas que deu a expedición no seu retorno é que semella teren conseguido o obxectivo de localizar esa cidade perdida. A análise en profundidade duns restos datados ata o de agora como da Idade Media permitiu ao equipo galego comprobar que a cerámica aparecida na zona correspóndese en realidade coa época en que se supón existiu esta urbe. Isto fai supor que as ruínas da torre, a muralla e a canle de navegación que se conservan no lugar sexan efectivamente os restos da antiga Dur-Yahdum-Lim. Segundo explica Juan Luis Montero, esta cidade fora construída à beira da canle de Yahdum-Lim a comezos do segundo milenio antes de Cristo, segundo recolle diferente documentación da época. A urbe, considerada no seu momento a segunda máis importante da zona, “estaba amurallada e posuía un grande palacio”. A súa situación convertíana nun enclave estratéxico para defender a zona contra as invasións do norte e nun centro de control comercial.

Descoñecemento
As escasas análises que se teñen desenvolvido neste tramo do Éufrates, canda a datación aparentemente errónea que se fixera dos restos explican que ata o momento pasase inadvertida a importancia desta cidade. “Investigacións arqueolóxicas neste tramo do Éufrates serían de vital importancia, xa que non foi nunca o obxecto dun estudo serio e fondo”, explica Montero na presentación deste proxecto. Sen embargo non será posible establecer definitivamente a identidade dos restos que se conservan ata que apareza algún documento escrito que verifique que as pedras que se está a investigar o equipo corresponden ás construcións de Dur-Yahdum-Lim.

Outras investigacións
Ademais deste traballo, a expedición proxecta completar tamén sondaxes arqueolóxicas no depósito de Tell es-Sinn, onde se encontra unha destacada necrópole bizantina do século VI que estaba en perigo de degradación pola realización de diferentes obras no seu contorno. Pola súa banda Montero Fenollós xa fora distinguido en novembro do pasado ano co premio Concepción Arenal de Investigación polo seu traballo sobre a Torre de Babel, que incluía unha reconstrución virtual do mítico monumento realizada a partir das ruínas que se conservan do mesmo e que supuxo unha revisión das medidas e da forma que se lle atribuían ata o momento. Para o vindeiro verán está prevista unha segunda visita a Siria, para a que o director da expedición agarda contar con varios alumnos en prácticas da Facultade de Humanidades de Ferrol, que poderán coñecer sobre o terreo a historia do berce da civilización.