Xorden en Galicia novas forma de estudo relacionados co tema da moda

Aprendices de Balenciaga

Roberto Verino, Adolfo Domínguez, Antonio Pernas… o mundo da moda cada día é un reclamo máis atractivo. Por iso cada vez máis xente decide dedicarse profesionalmente a este sector. Como marca a lóxica da economía capitalista a maior demanda maior oferta, de aí que cada vez máis centros ofrecen cursos e centros para formar a profesionais do téxtil.

Hai uns días saltaba á prensa a nova de que a Universidade de Santiago, o Instituto Tecnolóxico Empresarial Caixa Galicia, o Concello de Lalín, a Consellaría de Innovación, Caixa Galicia e un prestixioso instituto de moda de Milán (Instituto Marangoni) unían as súas forzas para crear o primeiro máster en Xestión de Empresas de Moda e Deseño Téxtil.

Trátase dun curso de 500 horas que está dirixido a profesionais e licenciados que queiran orientar a súa carreira dentro do sector. O máster comezará a funcionar este mesmo ano e é o primeiro destas características en España e afonda no coñecemento do mundo da moda desde o punto de vista da industria. Este curso foi posible grazas a un consorcio de empresarios da comarza do Deza, unha zona na que existen unha gran tradición do sector e na que se asentan empresas como Florentino, Daquela, Mercedes Fuentes, Montoto ou Toypes, entre outras.

En Vigo
Logo de moito tempo de xestión e numerosos atrancos e dificultades a federación de veciños “Aula Castelao” conseguiu que a Universidade de Vigo e Caixanova apoiasen unha titulación de moda na cidade do Lérez e que comezou a impartirse o curso pasado. O graduado universitario en “Deseño téxtil e moda” conta con dúas especialidades: confección téxtil e xéneros de punto. Os seus primeiros alumnos, que obterán un título propio da Universidade de Vigo, entrarán no mercado laboral no 2007.

Entre as materias de estudo desta titulación destaca o estudo de ciencia e tecnoloxía aplicada ao deseño de moda, fundamentos artísticos e historia da arte e do deseño. A formación teórica completarase con prácticas en empresas que forman parte do propio deseño curricular da titulación.

En Allariz
Desde hai varios anos a “Escola Superior de Deseño e Moda Felicidad Dulce” imparte cursos nos que os seus alumnos poden desde os títulos oficiais dos ciclos formativos de Grado Superior de Artes Plásticas e Deseño en Estilismo de Indumentaria ou en Modalismo de Indumentaria, ata unha carreira e un máster de moda, ambos con títulos privados.

Esta escola, radicada en Allariz, preto de onde están os talleres da Sociedade Téxtil Lonia (que confecciona para Purificación García e Carolina Herrera), os de Adolfo Domínguez ou Roberto Verino, ten a súa sede principal en Barcelona. A escola catalana está en aberto desde 1928.


A Coruña
Non todo é coser e cantar. Hai uns anos, a Universidade da Coruña decidiu crear un curso de postgrado especializado en “Moda, deseño, producción e comunicación”. A baixa demanda, así como o seu prezo foron determinantes para que o curso non callase entre o estudantado desta zona, na que tamén existe unha grande tradición textil (Alba Conde, Caramelo, Antonio Pernas ou Inditex son algunhas das marcas asentadas no lugar).

Moitos destes cursos e destas titulacións que pretenden profesionalizar o que antigamente foi un oficio, convérsense nunha parte moi importante da necesidade de reconverter o sector téxtil nunha área de negocio competitiva. Precisamente no campo da formación insistía un informe elaborado por o Instituto de Desenvolvemento de Caixanova no que colaboraron expertos da Universidade de Vigo que concluía informando da “necesidade da reestruturación empresarial apoiada nunha maior profesionalización dos niveis directivos e de xestión das empresas”. Se cadra, estes avances, marcan o inicio da profesionalización do sector.