A animación lidera o despegamento do sector audiovisual que varía segundo as fontes económicas

Radiografía audiovisual

Nos últimos tempos a prensa alimenta e espolea o audiovisual galego. Ao nacemento de máis institucións dedicadas á defensa e promoción do sector, únese o aumento do número de rodaxes que se producen no país, ademais de que aumentan as producións que levan a etiqueta de “galego”. O audiovisual mellora como factoría cultural, pero como industria, cómpre ver tamén as cifras do negocio. E os principais informes editados sobre o tema discrepan.

Ultimamente, o sector audiovisual presenta numerosos informes que dan conta da súa situación e serven de base para definir as políticas da actuación. O audiovisual galego non é unha excepción. Hai dúas semanas a Federación Estatal de Produtoras Independentes (FAPAE) vén de publicar a súa memoria anual na que ofrecían datos sobre a situación do sector en Galicia. Segundo os datos de FAPAE a facturación do audiovisual galego supuña no 2001 un 4% da facturación estatal e, un ano máis tarde, no 2002, esa porcentaxe baixou ata o 2%. O gabinete de prensa de FAPAE, que non facilitou os datos absolutos deses períodos, aseguraba que as cifras que figuraban nas súas memorias anuais proviñan dos datos do Rexistro Mercantil contabilizados na base de datos INFORMA. Significativo porque as cifras que AGAPI facilita a culturagalega.org para eses mesmos períodos indican unha tendencia diferente, unha liña que aumenta, mentres que FAPAE fala dun descenso nese período.

Non é o único informe que apunta esa tendencia recesiva do audiovisual galego neses anos, xa que o Observatorio do Audiovisual Galego que dirixe Margarita Ledo apuntou no seu momento que o audiovisual galego, ademais de non ser un sector como tal, estaba a seguir a situación de declive do audiovisual estatal. En todo caso, é difícil comparar eses datos porque aínda que AGAPI facilita os datos relativos da facturación das súas empresas entre 1999 e 2003, non sabemos se empregaron as mesmas variables.

Na mesma semana na que FAPAE presentaba a súa memoria anual, a Consellaría de Cultura, Comunicación Social e Turismo daba a coñecer o seu Libro Branco sobre o sector. Como tal, presentaba o balance económico do sector e, en lugar de arroxar luz sobre as diferenzas, sementaba aínda máis. O Libro Branco reforzaba a tendencia á alza que apuntaba AGAPI, evidenciando que desde 1997 ata o 2003 o sector audiovisual medrou un 137.4% e que foi un aumento constante e progresivo. Tal e como se desprende dos datos, o audiovisual galego sufriu un pequeno atranco no ano 2001.

Na consulta ás asociacións AGAPI e FAPAE queda claro que ambas entidades obteñen os datos a través das cifras ofrecidas polas propias empresas asociadas, mentres que os datos do Libro Branco están sacados das consultas ao rexistro mercantil.

Se tomamos como referencia os datos obtidos polo Libro Branco e cruzamos os datos cos absolutos da facturación total do audiovisual estatal que ofrece FAPAE, obteríamos o peso do audiovisual galego no marco estatal. Segundo eses datos, Galicia supuxo o 8.9% no 2001 e o 9.7% no 2002, chegando ata o 10.5% no ano 2003. Consultando co Ministerio de Cultura comprobamos que o departamento que dirixe Carmen Calvo non ten datos relativos á facturación total das empresas españolas, só os das máis grandes e apuntaron a que son datos de carácter privado, co cal é moi difícil obter as cifras reais do audiovisual como sector de negocio.

A teoría
Galicia conta desde o 1999 coa única lei do audiovisual que hai en todo o Estado. Un documento normativo que lle colgou a etiqueta de “estratéxico” que determinou que non é só unha cuestión cultural, senón tamén económica. Isto supuxo a aparición de xeito colateral de múltiples iniciativas que falaban de darlle rendabilidade ao sector. Por unha banda está o Plan Estratéxico de Desenvolvemento Económico de Galicia (PEDEGA) que recolle a proposta xeral de política socioeconómica da Xunta constituída en torno a dous eixes fundamentais: unha reflexión dos escenarios nos que se moverá o sistema económico galego no futuro e unha definición dos grandes fins sociais e económicos.

Entre as medias incluídas no PEDEGA destacan dúas dedicadas especificamente ao audiovisual: o asesoramento e apoio financeiro a proxectos innovadores do sector (cine, televisión, vídeo e multimedia) e o desenvolvemento tecnolóxico da industria que pretende instaurarse como o terceiro núcleo productivo nacional, logo de Madrid ou Barcelona. De momento, a un ano de que se remate o período para o que estaba previsto este plan, Galicia está por debaixo destes obxectivos, aínda que está no bo camiño.

Falta considerar o sector como unha vía de negocio que se manteña por si só, e que non dependa unicamente das subvencións. Segundo a memoria de FAPAE as axudas pública aumentaron ata situar a Galicia na comunidade autónoma que máis recibe. Para parar esa tendencia, as empresas decidiron asociarse e constituír ox Clúster do Audiovisual, para darlle o mesmo nivel que gozan para si outras actividades produtivas como o téxtil, a madeira ou a automoción. Naceu o 25 de febreiro de 2003 e contou desde a súa creación cun pequeno atranco, ao non conseguir integrar a AEGA, Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (que agrupa o 60% do sector). Naquel momento a súa xerente, Teresa Porto, xustificou a decisión alegando que "non existe un proxecto de traballo claro e o informe que se presentou non analiza a viabilidade, nin marca obxectivos". O Clúster segue a traballar na consolidación dun sector que está integrado na súa maior parte por pequenas empresas con poucos traballadores e con carteiras de traballo desiguais.

De feito, o Libro Branco destaca como debilidade do sector a súa excesiva atomización e estar composto por multitude de empresas minúsculas e destaca a necesidade de mellorar as relacións laborais (con todo o que iso supón, respectar o principio de estabilidade no emprego, a formación, as condicións económicas pactadas...), compartir sinerxías á hora de traballar e iso implica xa, de partida, un espazo físico común. É aquí onde entra a Cidade da Imaxe, que é un polígono industrial especializado en empresas dedicadas ao sector audiovisual e ás novas tecnoloxías. Ate o día de hoxe conta co visto e prace do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), cun proxecto que cuantifica un custe de 24 millóns de euros, o compromiso firme do concello de Santiago (xa que a súa situación definitiva sería en San Marcos) e unha data: o 1 de xaneiro de 2006 (baralla para pór en venda os terreos da Cidade da Imaxe).

Un sector específico: a animación
Entre todas as cifras achegadas se hai un sector que ofrece un aumento espectacular con respecto ao audiovisual total este é o sector da animación. Pasou de ser un sector inexistente no 96 a facturar no 2003 máis de cinco millóns de euros e rexistrando unhas porcentaxes de crecemento significativas (un 5090% en sete anos), empregou a 100 persoas en dez anos e supuxo a creación de dez empresas novas.

A animación galega está nun lugar destacado no Estado e múltiples plataformas están eloxiando o bo traballo das factorías do país. De feito, aínda que en volume de negocio non estea en lugares punteiros, a animación galega destaca en todos cantos festivais se presenta, vende tanto fóra dentro das nosas fronteiras e conseguíu que exista unanimidade na valoración positiva do traballo que realizan.

O audiovisual galego aínda é moi recente. Á luz dos informes, cómpre un tempo para consolidarse como sector económico que aumente o seu volume de negocio que permitan falar dunha industria cultural máis sólida e competitiva.