A decisión da RAG sobre a norma motiva críticas en amplos sectores da cultura

Na norma, a loita continúa

A decisión da Real Academia (RAG) de non aprobar a reforma normativa proposta polas tres universidades e o ILG está a motivar numerosas reaccións desde as máis diversas esferas da vida cultura. Mentres desde a Xunta felicítanse pola dirección, os escritores lamentan que se teña deixado pasar unha ocasión de diminuir a loita normativa e diferentes lingüistas critican que se teña desautorizado a institucións que promoveron a reforma. Ademais, numerosos columnistas e cartas ó director aportan nos máis diversos xornais opinións a favor ou en contra da decisión da RAG.






Trebón de declaracións



Entre as moitas voces que se ergueron en contra da decisión da RAG destaca a da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) presidida por Miguel Anxo Fernán Vello. Esta asociación emitiu un comunicado no que sinala que esta decisión supón unha frustración xeral para a cultura galega viva e responsable" e "desautoriza gravemente a algúns membros da institución, recoñecidas autoridades en materia lingüística que formaron parte dos equipos de traballo que durante case dous anos elaboraron a proposta desestimada".
Aínda que a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, promotora do acordo, definirá a súa posición oficial esta mesma tarde nunha xuntanza, algúns dos seus membros xa amosaron o seu descontento coa decisión da Academia. A Mesa Pola Normalización Lingüística tamén decidirá a súa postura oficial nunha xuntana que terá lugar o vindeiro xoves, aínda que a súa presidenta, Concha Costas, xa dnunciou nun artigo en Vieiros.com que a Academia está a "desaproveitar unha oportunidade histórica". Pola súa banda, Xosé Baldomir, vicepresidente da asociación denunciou "presións políticas, porque cando os mellores filólogos se puxeron de acordo non se poden argumentar razóns lingüísticas". Tamén a Asociación Galega de Editores debatirá o tema nunha vindeira xuntanza.
Desde o reintegracionismo, tanto a Associaçom Galega da Língua (AGAL) coma outros colectivos manifestaron a súa decepción coa decisión da Academia. En palabras do presidente da AGAL, Bernardo Penabade, "a victoria do Partido Popular reforzou as teses máis conservadoras. Aínda que os reintegracionistas de máximos non participaron no debate, Penabade sinalou que a proposta de reforma "parecíanos algo positivo, un paso adiante de achegamento, algo que abría un clima de diálogo".
A deputada nacionalista e filóloga Pilar García Negro, criticou a decisión sinalando que a Academia "incumpriu a súa obriga de actualizar a normativa" e "pregouse ó poder político" en lugar de actuar "con idependencia e autonomía científica".
Pola súa banda, o histórico galeguista Isaac Díaz Pardo sinalou que "é lamentable que a Academia Galega non teña aceptado a proposta" e destacou que na institución "hai historiadores excepcionais pero que non teñen por que entender de lingua".
Tamén Xosé Ramón Freixeiro Mato, filólogo defensor da ortografía de mínimos, lamenta, en declaracións á canle galego.org de Vieiros a decisión da Academia, sinalando a existencia de presións políticas sobre a institución.











Un trebón que non cesa



Xosé Luis Regueira, membro do Comité Científico do Instituto da Lingua Galega e un dos redactores da proposta de reforma normativa, denuncia hoxe nun artigo en "La Voz de Galicia" que a Academia "optou por dobregarse a uns intereses políticos que xogan en contra do galego" e sinala que agora ábrese "un período de reflexión sobre cal é a autoridade real da RAG e sobre o papel que desempeña na nosa sociedade" e empraza os académicos a "dar boas explicacións se queren que esa institución siga a ter algunha credibilidade".
Outros membros do ILG e da Academia, como son Antón Santamarina e Francisco Fernández Rei, manifestaron a súa contrariedade polo decidido na institución. Así, antón santamarina sinalou sentirse "desatourizado como lingüístita" e sianal que no voto da Academia influíu "a cautela excesiva e o medo" e cre "complicado" e "sen volta atrás" que se reabra o debate sobre a reforma.
Pola súa banda Fernández Rei amosou a súa sorpresa pola negativa da Academia e cre que "se perdeu unha ocasión de ouro". O terceiro membro do ILG na Academia, Manuel González, amosou a súa esperanza de que o debate na RAG "non é algo que se peche totalmente" e insistiu en que "hai que retomar a cuestión da reforma".
Tamén o catedrático Cesar Morán nun artigo publicado en Vieiros arremete contra a Academia sinalando cuestionando a súa capacidade en materia lingüística e adinata que "a intransixencia non fará máis que radicalizar as posturas".








Reflexión desde a RAG, apoio desde a Xunta


Dentro mesmo da Academia, e a pesar do acordo realizado polos seus membros de deixar toda declaración a Fernández del Riego, algúns académicos manifestaron a súa opinón sobre a cuestión. Así, Carlos Casares sinalou que "O beneficio que podía conseguirse era inmenso" e cre que "era necesario moito máis dialogo previo entre todas as partes imlicadas". Xohana Torres afirmou, coincidindo con Casares, que a reunión desenvolveuse "con moita tensión" e que as posturas enfrontadas se discutiron "con respecto e dignidade".
A RAG afirmou nunha nota de prensa que a decisión que adoptou o pasado sábado "non estivo en absoluto condicionada polas presións políticas que se apuntan en distintos medios" e que a institución "adoptou a súa decisión pensando exclusivamente, con criterios institucionais, en prestar un servicio ó idioma e á cultura galegas".
O académico Xesús Alonso Montero defendeu a decisión da Academia e sinalou que "entre os colectivos que presentaron esas normas hai inimigos delas, había persoas que querían que non se aprobaran". Segundo el "a Academia non pensaba tocar a normativa, pero acepta, admite, nun alarde de xenerosidade, facelo para unha toma de consideración", e "se agora facemos caso a esto, dentro de dous anos veñen outros grupos e piden outro cambio".
O tamén académico e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro Constantino García, manifestou onte nunha presentación do organismo que coordina, que "falo e escribo sobre lingua, a política non me interesa", e afirmou que "non entendía o sentido de poñerse a escribir en portugués".
Pola súa banda, o Conselleiro de Educación e responsable de política lingüística da Xunta, Celso Currás, lembrou que "xa tiña dito que a Academia fose responsable sobre este tema" e sinalou que o acordo é "un paso adiante no consenso sobre a normativa que temos". Para Currás, "non había demanda de ningún cambio, ou cando menos nós non o detectamos", e a reforma era entrar en cambios que non tiñan sido demandados".