Comezamos o noso repaso pola Coruña, onde a Fundación Barrié presenta por primeira vez en España a exposición Marcel Breuer. Deseño e Arquitectura. Organizada polo Vitra Design Museum de Weil am Rhein pretende achegar os deseños de mobiliario e arquitectura que fixo este deseñador alemá que formou parte da Bauhaus e que foi un dos máis influentes deseñadores do século pasado. A exposición presenta, xunto a 15 pezas de mobiliario, 13 maquetas interactivas referidas a proxectos de edificios, casas unifamiliares e proxectos de maior envergadura, entre eles a Sede Central da UNESCO en París, o Centro de Recursos de IBM en La Gaude (Francia) e o Whitney Museum of American Art en Nova York, realizados entre 1940 e 1970, sempre expandindo e refinando o vocabulario do Estilo Internacional. A exposición estará aberta ata o 16 de outubro. Ademais da Fundación Barrié, o Museo de Belas artes da Coruña acolle a obra de tres artistas do realismo contemporáneo español (Amalia Avia, María Moreno e Isabel Quintanilla) pertencentes á primeira xeración de mulleres profesionais da pintura no noso país. É a súa unha pintura evocadora e próxima, a través da que dignifican o obxecto sinxelo, elevando a obra de arte a realidade cotidiana. Cada unha achega unha visión particular do realismo: desde o matiz expresionista de Amalia, ás insinuacións impresionistas de María, pasando pola nidia realidade de Maribel, constituíndo así tres sensibilidades, tres miradas distintas e complementarias, tres formas de camiñar e un camiño común: a realidade.
Pero a Coruña ten dous novos puntos cara os que mirar. Despois dun parón expositivo de dous anos, os centros de Unión Fenosa reabren as súas portas. Por unha banda o MACUF, destinado a arte contemporánea, e o eléctrico (que pasa a chamarse Casa de la Luz) que duplican o seu espazo expositivo, chegando agora aos 8.000 metros cadrados. E para esta reapertura co público está previsto a exhibición da colección de fondos de Unión Fenosa e unha antoloxía das prendas máis representativas a nivel internacional (con firmas que van desde Balenciaga ata Yamamoto pasando por Verino ou Givenchy), ademais de exposicións de Tatiana Medal, Simón Pacheco e David Castro.
Lugo
Deixamos Coruña para achegarnos ata Lugo, onde o Museo Provincial acollerá durante os meses de agosto e setembro unha mostra exclusiva de Antonio Murado. Baixo o titulo AM34X242 Vol. 1! (onde AM son as iniciais do autor, logo as dimensións dos cadros en pulgadas e, por último, indica que é a primeira serie do seu traballo). Na mostra Murado fai unha revisión das series pictóricas nas que ten traballado, centrándose nos temas que sempre o ocuparon (historia, paisaxe, memoria e técnica pictorica) onde o simbolismo ten moita importancia.
Santiago
Xa que o verán é unha época de viaxes, o CGAC proponnos unha viaxe. Trátase do que fixo a sueca Ann-Sofi Siden (Estocolmo, 1962) desde ArtPace, un centro dedicado á arte contemporánea en San Antonio (Texas) ata o Centro Espacial Lyndon B. Jonson en Houston, símbolo da innovación tecnolóxica das viaxes espaciais. Foi unha viaxe de 440 quilómetros das que hai videoinstalacións de cinco canles con son, nas que se amosa como a artista foi atravesando suburbios, campos, pequenas cidades granxeiras, estradas esquecidas e igrexas da Texas rural. Seguimos en Santiago coa Fundación Granell, centro do surrealismo, onde ata o 3 de agosto se pode ver a mostra Surrealismo Costa Oeste: unha perspectiva desde Canadá. Unha mostra colectiva na que participan os artistas Gordo Payne, Martin Guderna, Pinna Granirer e Gregg Simpson que evidencian a súa faceta creativa nunhas obras de formato bidimensional feitas con técnicas como o collage, gravado, os debuxos con grafito, e técnicas mixtas con procedementos especificamente surrealistas como o frotage, o gratage, e o sempre presente automatismo psíquico.
Vigo
Continuamos en Vigo, onde o MARCO lidera o número de exposicións preparadas para este verán con Diáspora. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano no primeiro andar. Complétase con Estranamente familiares. Deseño e vida cotiá (ata o 25 de setembro) na que se adentra novamente nas relacións entre a arte e o deseño xa iniciada en dúas mostras anteriores. Nesta exposición fálase da importancia do deseño nas nosas vidas, a través dun conxunto de obras insólitas, que inclúen pezas de arquitectura e produtos, mobiliario, moda, e deseño gráfico. Obxectos e proxectos que exploran o papel do usuario na súa concepción e na súa función, e que nalgúns casos requiren da intervención do espectador para a realización do produto final. Propostas orixinais que dan conta da reinvención do cotián por parte destes autores. Pero desde o venres da semana pasada, o espazo anexo acolle o traballo de Fran Herbello. Co título de Souvenir 1 O artista reproduce un escenario propio do rural que recordamos ao situarmos entre a explanada de herba e o son dos grilos. Trae ao presente vivencias pasadas e traslada o campo á cidade. Converte o museo nun espazo natural, xardíns de recreo onde a idea de atracción substitúe á de distracción. Con Souvenir 2 amosa un can durmindo que, cando alguén entra na sala, grazas a un detector de presenza, o can rompe a ladrar e volve durmir tras un curto período de tempo. Este can-actor ten a misión do cérbero, do can gardián que actúa como propietario da sala durante todo o período da exposición. Nesta peza Herbello fala sobre a delimitación de espazos de seguridade nos museos e lugares urbanos, en contraste co mundo rural.
Ata o 4 de setembro, a sala de exposicións do Centro Cultural Caixanova de Vigo acolle un percorrido pola pintura Flamenca dos S. XV-XVII. En 45 táboas e lenzos de pintura flamenca forman parte dunha colección do alemán afincado en España, Rodolfo Gerstenmaier, un dos escasos coleccionistas privados estatais. Martin de Vos, Abraham Janssens, Adrian de Gryef, Willem Gabron, Jacob de Becker, Alexander Adriaenssen son algúns dos artistas que se exhiben nesta mostra que permite ver como arribaron a España os primeiros bodegóns, as naturezas mortas ou as filigranas florais.
Arte para o verán
"A mistery of GABRIOLA". Pinna Granirer.
Fundación Granell. Dentro da exposición "Surrealismo Costa Oeste. Unha perspectiva dende Canadá". Ata o 10 de setembro.
Arte para o verán
Rik Lina. S/T óleo sobre lienzo.
Fundación Granell. Ata o 10 de setembro.
Arte para o verán
Santa Cruz.
Activo en Ávila a principios del siglo XVI..
Tríptico sobre a resurrección no panel central, descenso ao limbo no panel da esquerda e expulsión de Adán e Eva do Paraíso no panel da dereita.
A pintura flamenca dos séculos XV ao XVII.
Centro Cultural Caixanova de Vigo. Ata o 4 de setembro.
Arte para o verán
Obradoiros didácticos do MARCO de Vigo. Ata o 17 de setembro.
Arte para o verán
Souvenir.
Fran Herbello
Espazo anexo do MARCO de Vigo. Ata o 2 de outubro.
Arte para o verán
Boym Building.
Constantin Boym e Laurene Leon Boym (Boym Partners)
ESTRAÑAMENTE FAMILIARES. Deseño e vida cotián. MARCO de Vigo. Ata o 25 de setembro.