Os coruñeses posúen un dominio do idioma superior á media do país

A Coruña sabe galego

A noticia sorprenderá a máis dun. A pesar da fama que ten a cidade da Coruña como reducto españolfalante en Galicia, un estudio da Universidade de Vigo revela que os coruñeses teñen un dominio do noso idioma vinte puntos superior á media do país. O que non quere dicir que o empreguen habitualmente. Este datos presentáronse nos Encontros de Normalización Lingüística que se están a celebrar no instituto Ramón Otero Pedrayo da cidade.


20 puntos




Segundo revelou onte o profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo, "A Coruña está vinte puntos por riba da media galega en canto ó dominio da lecto-escritura" do noso idioma. Estes datos coñecéronse no trasncurso dos Encontros de Normalización Lingüística que se están a celebrar no instituto Otero Pedrayo da Cidade Herculina.
Ramallo sinalou na súa intervención que a explicación deste dominio do idioma hai que buscala na penetración do idioma no sistema educativo.
De calquera xeito, sinalou que aínda que os centros de ensino cumpren coa tarefa de "producción lingüística" a a aprendizaxe non se adoita levar á práctica.













Mitos fóra


Ramallo tamén combatiu o mito da castelanización da Coruña. Segundo o profesor da Universidade de Vigo, noutras cidades coma Pontevedra, Vigo e Ferrol emprégase máis o castelán dentro do casco urbán que na Cidade Herculina. De calquera xeito, un 54% dos coruñeses teñen o castelán como lingua inicial, fronte un 35% de cidadáns que ten como lingua materna o galego e un 10% que se declara bilingüe.
Ó mesmo tempo, só once de cada cen coruñeses teñen como primeira lingua o galego, fronte ó 39% de media na comunidade. No mesmo sentido tamén hai un maior número de bilingües que a media do país.
Ramallo tira estes datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia, elaborado pola Real Academia Galega e no que el participou.
De calquera xeito, o profesor da Universidade de Vigo sinala que os datos dispoñibles son de 1992 e cómpre un estudio polo miúdo da cidade.








Encontros


A primeira xornada dos Encontros de Normalización Lingüística que se estána celebrar na cidade rematou onte cunha lectura poética na que participaron Francisco Quiroga e Paco Souto. A actividade artística continuará hoxe cunha actuación do contacontos Antón Cortizas e un concerto de música de cámara que se celebrará ás oito e cuarto da tarde de mañá no Centro de Estudios de Caixa Galicia.