Documentos oficiais constitúen as primeiras probas escritas do nacemento do galego coma lingua

Actas de nacemento

A creación das linguas, como no caso do galego, é un proceso habitualmente lento. De xeración en xeración acumúlanse mudanzas desde unha lingua nai, neste caso o latín, ata que o código que se emprega xa non se parece moito ao orixinal e se lle muda o nome. Sen embargo, existen documentos que permiten datar en momentos concretos o nacemento dunha lingua. Tamén no caso do galego existe este tipo de actas de nacemento, coa peculiaridade de que hai achados poden encontrar das dúas bandas do Miño.

O acordo xeral é que o galego, coma as outras linguas romances, naceu nalgún momento entre o século VIII e o século IX a partir do latín vulgar que se falaba na franxa noroccidental da Península Ibérica. “Na realidade da lingua as mudanzas son un continuum, ata que chega un momento en que, non tanto polos cambios lingüísticos en si, senón polos cambios sociolingüísticos, a xente decide que o que fala non é latín, a conciencia metalingüística de que se trata dun idioma diferente é o que se ve nestes documentos, e dáse cara aos séculos XII ou XIII”. explica Henrique Monteagudo, filólogo e secretario do Consello da Cultura Galega. Sen embargo, durante anos o desenvolvemento do idioma produciuse nunha situación de diglosia que limitaba o seu emprego á oralidade, e, co tempo á literatura. Tivo que pasar aínda moito máis tempo ata que comezaron a ser redactados no noso idioma documentos oficiais. “Había un emprego literario, pero non se conserva, o máis antigo é o pergameo Vindel, cara a 1260. Logo había unha fractura moi grande entre o que era o emprego xurídico legal e o literario. Había unha especialización xenérica entre modalidades de discurso. Non se concibía un espazo lingüístico uniforme, senón moi segmentado”. Deste xeito, non é de estrañar que aínda pasase tempo ata que apareceron os primeiros documentos escritos en galego, un síntoma da normalización do noso idioma xa pola época medieval.

Descubertas da antigüidade
Precisamente Monteagudo presentaba onte descuberta do texto máis antigo escrito no noso idioma en Galicia, o “Foro do bo burgo de Castro Caldelas”, datado en 1228. Este texto conservábase no arquivo dos Duques de Alba e tíñase orixinalmente por unha copia posterior a 1250. Á importancia lingüística do texto súmase o feito de ser o único privilexio real escrito en galego da historia. Do mesmo xeito, nos últimos anos apareceron diferentes textos que sinalan o comezo da nosa lingua. “Desde 1980 xurdiu unha teoría nova, dun británico que se chama Roger Wright, que propuxo unha teoría revolucionaria sinalando que o que se acostuma a chamar o latín bárbaro ou medieval dos documentos era en realidade unha forma de escrita do romance”, é dicir, que a escrita non se correspondería coa oralidade e que a xente lía o latín ao xeito da súa propia lingua. Isto levou a revisar os documentos do período e comprobar as orixes dos idiomas romances, o que permitiu que aparecesen novos textos. “Aínda cando eu fixen a ‘Historia social da lingua’, no 95 ou 96 había moitísimo menos que na actualidade”


Primeiras letras
En 1999 a investigadora portuguesa Ana Maria Martins encontraba a “Noticia de Fiadores”, un documento civil datado en 1175. Só tres anos despois o galego Xosé Antonio Souto Cabo, anunciaba o achado na Torre do Tombo, en Lisboa, dun novo texto con riscos do noso idioma que datou en 1171 e que continúa a ser discutido desde ámbitos filolóxicos. Deste xeito as primeiras manifestacións escritas do noso idioma adiantábanse en corenta anos. “Moitos dos textos que se encontraron en Portugal son pequenas anotacións, un latín bastante arromanzado, que pode interpretase coma portugués, e non digo que non, pero eu falo de escrita galega coma sistema autónomo de escrita claramente distinta do latín”, apunta Monteagudo. Os primeiros textos plenamente romances son o Testamento de Afonso II de 1214 e logo a Noticia de Torto, un documento privado que se data entre 1212 e 1216. Nos dous casos os achados realizáronse en Portugal. O testamento de Afonso II “ten un estado sociolingüístico moi semellante ao do Foro, no sentido de que é moi regular ortograficamente, e por iso pénsase que é imposible que non haxa documentos anteriores. A Noticia de Torto xa ten unha relación máis caótica”, sinala Monteagudo. Inmediatamente despois sitúase o xa mencionado Foro de Castro Caldelas, desta volta aparecido en Galicia. Antes de 1250 ou de 1260 “a grafía do galego, sexa en Galicia ou en Portugal non ten ningunha característica especial, é hispánica, a mesma que a do leonés e o castelán, o lh e o nh son posteriores. Hai un trazo que si que caracteriza a escrita galega, mesmo en Galicia que é o emprego do til da nasalidade. Eu non documentaba ese emprego sistemático do til a partir de 1255 pero parece que xa está no Foro de Castro Caldelas”.

O centro do galego medieval
Nas investigacións de Monteagudo de cara a crear un corpus dos primeiros documentos escritos en galego no noso país, a lista revela unha curiosa proximidade xeográfica. Melón, Samos, Trives, Allariz ou Oseira son algúns dos lugares que máis repiten á hora de localizar a orixe destes textos pioneiros. “Algúns dos documentos máis antigos que temos en galego son desa zona, e é para pensar que aí pasa algo. Os primeiros que había rexistrados ata o momento por alí, totalmente en galego, son xa de 1231 ou 1233”. Ademais, o xeito en que o notario Nuno de Allariz redactou o “Foro do bo burgo de Castro Caldelas” revela para o filólogo a existencia dunha escrita galega xa consolidada. “Penso que a aparición dos documentos en galego ten moito que ver coa emerxencia dun ámbito de cultura laico, que se emancipa do monopolio que tiña a igrexa sobre a escrita. Se vemos o avance cara ao emprego do romance, as catedrais son as que máis tardes chegan, mentres os mosteiros rurais, por exemplo, incorpóranse antes”. Pola contra, é precisamente a documentación eclesiástica a que mellor se conserva, xa que os arquivos de mosteiros e igrexas son máis completos do que os privados ou os civís.

Novas investigacións
“No futuro é difícil que aparezan novos documentos coma este Foro de Castro Caldelas, porque Afonso IX morreu en 1230 e a coroa pasou a Castela. Se daquela había unha emerxencia do galego na chancelería, tivo que desaparecer”, sinala Monteagudo. De calquera xeito, os interesados en coñecer máis detalles sobre este documento e sobre as orixes do noso idioma poden asistir ao simposio “A emerxencia do galego escrito” que se celebrará o vindeiro mes de novembro organizado polo Instituto da Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega e que contará coa presenza de destacados especialistas internacionais neste campo.