Filgueira Valverde, Cabada Vázquez e Xohana Torres, últimas homenaxes

In memoriam

| Santiago.Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

Esta semana proliferan as homenaxes a numerosos persoeiros de diferentes disciplinas. Onte o concello de Lourenzá homenaxeou a Fernández del Riego, pero non foi o único. Pontevedra acolleu o onte o inicio dos actos do primeiro Memorial Filgueira Valverde, Ferrol renderá unha homenaxe a Xohana Torres o vindeiro 9 de novembro, e o Concello da Estrada concluirá os actos na honra do poeta de Codeseda Cabada Vázquez.


Por Filgueira Valverde

Pontevedra vestiuse onte de gala para celebrar a inauguración do "Memorial Filgueira Valverde" no Edificio Fernández López no Museo de Pontevedra. Un acto que foi organizado pola cátedra que leva o seu nome; unha iniciativa que cinco anos atrás creou Caixa Pontevedra no seno da Universidade de Vigo. Unha cátedra que nacera para promover a investigación e que durante todo este tempo de vida contribuíu en numerosos proxectos.
Para o primeiro memorial, membros da cátedra decidiron escoller como tema principal a lírica medieval, por ser un dos campos de investigación preferidos de Filgueira Valverde.
Os actos prolongaránse durante todo o día de hoxe e rematarán mañá cun concerto do coro "Ultreia".


Para Cabada Vázquez

O Concello da Estrada declarou a este ano como "Ano Cabada Vázquez". Un evento cultural co que se pretendeu render unha homenaxe ó poeta da localidade estradense de Codeseda. Ademais, o departamento de Cultura do Concello estradense definiu en que consistirá o último acto deste evento. Unha homenaxe que se realizará en Linares (Jaen) a localidade na que o poeta estradense viviu a maior parte da súa vida. E da que se trouxeron os seus restos mortais o pasado xaneiro a Codeseda. A data na que se realizará un dos actos de conclusión do ano "Cabada Vázquez" será o 11 de decembro e consistirá na presentación do volume que escribiu o seu sobriño e que compila toda a súa obra.
O Concello da Estrada ten previsto realizar un monolito dedicado a Cabada Vázquez e que colocará, probablemente, na avenida da Cultura.

e para Xohana Torres

A poetisa e a escritora Xohana Torres está estes días en boca de todos. O sábado foi polo seu nomeamento como membro da Real Academia Galega. E hoxe é polo acto de homenaxe que lle realizará o Concello de Ferrol o vindeiro día 9 de novembro. Un evento que servirá para presentar o seu libro "Corazon de navío", unha obra moi vencellado á cidade departamental. Foi en Ferrol onde Torres coñeceu a Ricardo Carvalho Calero, quen a animou a escribir en galego e sobre o que versa o libro que se presentará no Salón de Recepcións do Concello a partires das oito.

Que che parece esta nova?
30 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Xohana Torres, Concello da Estrada, Carvalho Calero, Francisco Fernández del Riego...