A Fundación Granell mantense coma referente do movemento surrealista en Galicia

O recanto surrealista

Ano 2005. O surrealismo está practicamente desaparecido do panorama artístico galego. Ou iso semella. Desde o casco histórico de Compostela, a Fundación Granell mantense coma un centro de investigación e de difusión deste movemento. A piques de celebrar o seu décimo aniversario, esta entidade afronta proxectos coma a celebración dun congreso e a organización de varias mostras que lle toman o pulso a esta corrente artística a nivel europeo.

Vai para cen anos que o surrealismo revolucionaba a arte coas súas propostas dunha creación que rachaba as barreiras do consciente e das convencións sociais. Desde aquela, o movemento foi pasando por momentos de maior e de menor aceptación, pero nunca lle faltaron seguidores. En Galicia esta corrente artística tivo tamén representación. Urbano Lugrís, Maruja Mallo e Eugenio Granell son os referentes históricos do surrealismo no noso país. Sen embargo, de todos eles, só Granell conservou unha boa parte da súa obra e ademais iniciou unha importante colección de autores surrealistas e outras de arte africana. A importancia deste legado foi o que levou, hai dez anos, a que fose o protagonista do proxecto de crear unha fundación dedicada a esta corrente.

Nacemento
“A fundación naceu hai dez anos a proposta de Xerardo Estevez, daquela alcalde de Santiago”, explica Natalia Fernández Segarra, directora do centro. “Fíxose un convenio entre o Concello e Eugenio Granell, que cedeu parte da súa obra e das súas coleccións de arte surrealista e étnico”. Aínda que nun comezo o proxecto contemplaba a creación dun museo deseñado por Álvaro Siza no parque de Bonaval, ao carón do Centro Galego de Arte Contemporánea, “ó final por cuestións de orzamento quedamos no pazo de Bendaña, que se revelou coma un emprazamento ideal ao ser moi céntrico”. O museo iniciou entón a súa andaina cuns fondos compostos por quiñentas pezas da obra de Granell, case trescentas doutros artistas do surrealismo que el adquirira e un número semellante de arte étnico, o que supón a principal colección de arte dedicada a esta corrente que existe no país. "O problema que temos con estes fondos é a falta de espazo para almacenalos"; sinala a directora.

Mostras
Aproveitando este material, a fundación foi desenvolvendo a súa actividade realizando mostras temáticas anuais arredor da figura de Eugenio Granell e os surrealistas. Exposición que relacionaban as obras deste pintor co cine, co teatro ou coa arquitectura foron aparecendo nas salas do pazo Bendaña. "Moitas destas mostras xurdiron porque persoas concretas viron cousas interesantes, coma o arquitecto que coñecendo moito a obra de Granell viu que podía encontrarlle paralelos con grandes arquitecturas mundiais ou mesmo coa forma de determinadas casas africanas", explica a directora, "ou o caso de xente que sabe de teatro e que viu a relación entre moitos títulos e temas das obras de Granell con dramaturgos coma Lorca, Shakespeare ou Calderón de la Barca". Ademais de amosar o traballo de Granell e exposicións antolóxicas dos surrealistas que fan parte dos fondos, no centro puidéronse ver as obras de clásicos coma Man Ray ou o traballo de artistas actuais adscritos a esta corrente e mesmo de varios que, a pesar de non se considerar surrealistas, amosan claras influencias do movemento. Deste xeito, os galegos Carballido, Francisco Leiro, Paco Pestana ou Pedro Muíño.

Referencias
O traballo que se desenvolveu ao longo deste anos na Fundación foina consolidando coma referente do movemento surrealista en Galicia. "A verdade é que somos o único centro surrealista en Galicia", destaca a directora. "Un dos propósitos que se recolle nos estatutos é o estudio do surrealismo, e neste sentido temos unha biblioteca que funciona moi ben e que foi medrando arredor de temas que nos interesan coma o surrealismo ou as vangardas". Deste xeito abondan as consultas de persoas e investigadores interesados nestes temas o que, ao ver do equipo directivo, amosan que o surrealismo continúa vivo. Ademais do servizo de biblioteca, no centro continúase a investigación sobre a figura de Granell, e deste xeito, para alén dos catálogos de exposicións, van saíndo á luz escritos inéditos deste autor, morto en 2001. Análises sobre García Lorca, escritos xornalísticos, textos sobre arte e música e mesmo sobre humor foron facéndose públicos desde a fundación que organizou tamén no 2000 un congreso dedicado a figura do pintor.

Actualidade
A pesar de que o surrealismo coma o movemento non está moi en voga, desde a Fundación están convencidos da súa vixencia e da extraordinaria influencia que continúa a exercer sobre o mundo artístico nos máis diversos campos. "Moitos artistas coma Paco Pestana non se consideran surrealistas, pero as súas obras está influídas pola maneiras de pensar deste movemento. Tamén Francisco Leiro cando comezo tiña unha liña influída polo surrealismo, e moitos artistas novos amosan interese por esta corrente e o dadaísmo e admiten que a idea da liberdade de expresión contida neles e a importancia que se lles dá aos soños e ao subconsciente segue vixente". Natalia Fernández pensa que impacto desta vangarda vai aínda máis aló "a nivel histórico foi un dos movementos máis importantes do século XX e a súa influencia vese mesmo nas instalacións artísticas que se fan a día de hoxe e que xa se facían, doutro xeito, a comezos de século polos surrealistas".

Futuro
Con ocasión do décimo aniversario da súa creación, a Granell está a achegar ao pazo de Bendaña varias mostras de autores surrealistas actuais orixinarios de Polonia, Canadá, Holanda, Inglaterra, Cataluña, ou Francia. Ademais, está en marcha a organización dun novo congreso centrado na figura do autor que dá o seu nome á fundación. "Estamos mirando se estudamos a música que escribiu Granell. A pesar de que algún medio indicou recentemente a posibilidade de que finalmente haxa unha nova sede para esta entidade, a directora do centro desminte totalmente que o padroado teña abordado esta cuestión. "Sempre se falou de que se fixese un museo no parque de Bonaval. Se se pensa facer non se me comunicou nada, iso supón un custo moi grande. O ideal sería un espacio máis grande, pero polo momento non sei nada". Polo momento, o futuro da fundación segue a pasar por Bendaña, corazón do surrealismo na zona vella de Compostela.