Heroína resiste por segunda semana nunha carteleira anegada por cine americano

Entradas numeradas

En Galicia hai 53 cines, que teñen 223 salas (algunhas delas comparten sala de cine con escenario de teatro) no que se proxectan 61 películas diferentes. E unha soa galega, “Heroína”, que resiste por segunda semana consecutiva nunha carteleira anegada por cinema americano. Culturagalega.org fixo un seguemento das carteleiras durante as últimas catro semanas. Unha forma de ver como está o patio de butacas.

Vendo a carteleira do último mes pódense deducir múltiples cousas. En primeiro lugar que existe gran variedade de títulos. De media, cada película poder verse en cinco salas de cine e, facendo unha análise dos lugares nos que se proxecta, vemos que existe unha distribución racional xa que agás no caso das grandes cidades (Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, A Coruña e Vigo) non se repite no resto das carteleiras. A media é sensiblemente superior á do resto do estado, onde as 777 películas exhibidas nas 4.056 salas da unha media de que un filme se pode ver en tres salas.

En segundo lugar, existe unha uniformidade nas nacionalidades de procedencia das películas. Agora ben, nesas 61 películas que durante as últimas catro semanas (e concretamente na desta semana, que vai desde o 13 ao 19 de maio) vemos un clarísimo dominio das producións americanas. As doce copias de “El gran golpe”, as dez de “La intérprete”, as catro de “La señal 2” ou as dez de “Sahara” amosan que a industria de Hollywood, alimentada por unha engranaxe ben artellada de distribuidoras e exhibidoras consegue estenderse por todo o estado. É unha tendencia que se corresponde co que acontece no resto do Estado. Segundo figura no web do Ministerio de Cultura, tanto as productoras, como as distribuidoras americanas son as que máis recadan no pais.

En todo caso, nas nosa carteleiras tamén hai abondosas producións con maioría de capital europeo. É o caso de “El hundimiento” de capital alemá, que narra os últimos días de Adolf Hittler; ou a última produción de Riddley Scott, “El reino de los cielos”, de maioría de capital británico como “Sahara” que aínda mantén dez copias na nosa carteleira e que protagoniza a española Penélope Cruz. Son os títulos maioritarios que se complentan con presenzas mínimas de producións independentes, de títulos menos publicitados e que chegan ás nosas carteleiras pero que duran unha semana ou como moito dúas, sen o tirón do boca a boca conseguen traer público ás salas. É o case de producións españolas como “15 días contigo”, ou “Código 46” malia ser unha produción de Michael Winterbottom, ou a produción francesa “Monsieur Batignole”. Son só uns exemplos pero hai moitos dentro do mundo do cine.

Un oasis no deserto
Durante o último mes estreouse en Galicia unha única película. Trátase da coprodución entre Continental e Tornasol de “Heroína”. A película baseada na historia de Carme Avendaño chegou ás carteleiras do país o 29 de abril. Dúas semanas despois continúa nas carteleiras con doce copias, das que seis están en galego (en Vigo e en Compostela).

Non é a única produción galega que chegou ás carteleiras este ano. Xa que outra do tándem Continental-Tornasol “Para que non me esquezas” (estreada o 18 de febreiro) está entre as quince películas españolas con maior recadación de todo o estado con 62.468 espectadores segundo datos que figuran no web do Ministerio de Cultura. Nesa mesma listaxe figuran outras producións que, aínda non son suceptibles de ser galegas (parámetro baseado no capital da produción), si están relacionadas co audiovisual galego: son “El maquinista” da productora do lucense Julio Fernández que está no sexto lugar con 177.834 espectadores e “Mar adentro” con 94.452.


As tendencias
Nos últimos Galicia sufriu un avance imparable do cambio nos espazos físicos dos propios cinematógrafos. Os grandes cines, exactamente as grandes pantallas con patios de butaca foron deixando o seu sitio para as multisalas. Deste xeito descendeu a ratio de butaca por espectador, pero gañamos no número de películas e, polo tanto, na posibilidade de elección dos títulos. Ademais, a isto uniuse unha política de expansión de múltiples multinacionais que desembarcou nas cidades e, sobre todo, nas vilas pequenas de Galicia achegando o fenómeno do cine. Os cines Box, os Lauren... son só algunhas das “marcas” empresariais que fan que Galicia medrara o número de salas de cine por habitante.

Ademais, localidades de menos de 20.000 habitantes (aínda que pola dispersión poboacional teñen potencialmente máis clientes) foron os grandes reclamos das empresas que viron nelas posibilidades de negocio. A localidade pontevedresa de Lalín é un claro exemplo desta tendencia. Nesta vila que ten, segundo o web do INE, preto de 9.000 habitantes no seu núcleo urbano, inauguráronse no último ano dez salas de cine (das que cinco pertencen ao primeiro multicine que o grupo Fílmax abriu en Galicia). Un exemplo de que a tendencia pasa por abrir o cinema a outras localidades que ata agora contaban con unha ou dúas salas de cine tradicional.

As que van vir
Aínda queda moito ano por diante e, ademais das producións xa estreadas temos unha serie de títulos pendentes. Filmanova estreará nos vindeiros quince días “Nós sos vos, soy yo” e “Señora beba”. Para o despois do verán estrearán a produción presentada en Berlín “One day in europe. Galatasary-Dépor” e, posiblemente a finais de ano chegará “Camarón”, o biopic sobre a vida do cantautor. Pero hai moitos mais, no día de san Xoán chegará “O soño dunha noite de San Xoán” de Dygra e que resulta moi prometedora logo da boa acollida que tivo en todos os certames e festivais nos que se presentou. E seguimos no campo da animación, na que este ano está previsto a estrea de Filmax animation que presentará “Donquei Xote” e “Gisaku”. Pero hai máis, a productora morta presentará “O don da dúbida” e Continental levará á gran pantalla “Un rein na habana” o vindeiro 27 de maio. Agora ben, haberá que agardar para ver como o público responde a estas propostas asistindo ao cine.