A UE estudia o uso do galego mentres se incumpre a lei de normalización

Estudio do incumprimento

Con ocasión do Ano Europeo das Linguas, a Comisión Europea está a promover diferentes accións para protexer e coñecer mellor as linguas minorizadas que perviven no seo da Unión. Neste sentido promoveu diferentes estudios sobre a situación destas linguas que comparan as situacións dos diferentes casos. A investigación sobre o galego presentarase proximamente nun congreso que se celebrará en Pontevedra. Mentres a Unión Europea estudia a situación do idioma, colectivos coma a Mesa de Normalización Lingüística veñen de presentar na Xunta un escrito para esixir o cumprimento do Decreto 247 de 1995 sobre a presencia do galego no ensino que, segundo estes colectivos, está sendo sistematicamente ignorado.

A opinión sobre a lingua




Coincidindo coa celebración do Ano Internacional da Linguas a Comisión Europea puxo en marhca vintetrés traballos de investigación sobre linguas minorizadas en todo o continente. Estes estudios pretenden coñecer a situación real destas linguas e, por suposto, tamén inclúen o galego.
Para o coñecer o galego estase a realizar un estudio sobre a valoración e o emprego do noso idioma colaborando con institucións de Euskadi e Bretaña e comparando os resultados acadados nos diferentes países.
Toda a elaboración técnica de estudio e o traballo de campo correu a cargo da empresa galega Obradoiro de Socioloxía SL, que se atopa procesando os datos.













Estudios para un congreso



Os resultados do estudio presentaranse no congreso internacional "Linguas minorizadas: presente e futuro" que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 15 e o 17 de novembro.
Este congreso está a ser organizado poa Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) en colaboración coa Universidade de Vigo e do Concello de Pontevedra. Ó encontro acudirán algúns dos máis destacados especialistas en idiomas, coma o sociólogo e pioneiro en estudios sociolingüísticos Rafael Ninyoles, profesor na Universidade de Valencia ou Yann Chouc, xurista que participaou na redacción da Carta Europea dos Dereitos Lingüísticos. Tamén acudirán outros expertos coma Ned Thomas, da Universidade de Aberystwith de Gales, e Sebastiá Serrano, de Barcelona.
Neste encontro a AS-PG presentará un estudio a cargo de Xosé Ramón Freixeiro e o Consello da Cultura Galega achegará o Informe de Política Lingüística e Normalización
en Galicia, elaborado polo Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística.









Lingua no ensino

A Mesa pola Normalización Lingüística, o sindicato CIG-Ensino, o Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia, a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega e o colectivo Nova Escola Galega presetnatron onte na XUnta un escrito solicitando o cumprimento do decreto 247/95 que regula o emprego do galego nos centros do ensino.
Segundo estes colectivos, este decreto non se está a respectar, xa que, segundo datos dunha esquisa realizada pola CIG e a AS-PG, só o 8,5% dos centros de ensino primario cumpren co seu decreto. Segundo os denunciantes, os datos da propia Xunta nunha enquisa realizada entre 1997 e 1998 revelan un incumprimento elevado do decreto de normalización.