O vinte de maio o público e un xurado escollerán o Primeiro disco pop do ano de solistas galegos

Disco con etiqueta

¿Imaxinan un disco galego do ano? Pois moi pronto será unha realidade. Unha empresa, un compositor musical e nove mozos que acaban de editar o seu primeiro disco veñen de embarcarse nesta aventura. Unha iniciativa na que o público vota cal será o disco do ano. O resultado saberémolo o vindeiro día 20 de maio no transcurso dunha gala en Santa Cristina.

Todo o mundo sabe que poñerlle a etiqueta de “disco do ano” a un álbum é unha operación de márketing que axuda a vender máis traballos, a popularizar a un artista entre o público, en resumidas contas, a lanzar unha carreira musical. E nisto todo pensou unha empresa (Aplomo Comunicación) e un compositor musical (Félix Cebreiro) que se puxeron mans á obra en crear o concurso “Primeiro Disco do Ano de Solistas Galegos”. Un certame que non ten remuneración económica, senón o privilexio de ser nomeado mellor disco galego do ano.

A campaña
Ana Álvarez membro do equipo organizador do certame, asegura que “é un proxecto que pretende a promoción en conxunto da carreira de nove artistas galegos. Collemos a artistas aos que lles custa moito saír adiante polo tema de promoción mediática e nós pretendemos botarlles unha man”.

Nacho Varela, Lucía Pérez, Mar, Christian Escuredo, Náyale, Belén Pérez Alonso, Maribel, Olalla de Hoyos Centeno e Miguel son os nove artistas que forman parte desta primeira edición do concurso. Ana Álvarez explica que “buscamos artistas que, nun primeiro momento fosen galegos, que tiveran un disco no mercado ou estiveran a punto de sacalo, son xente que habitualmente colabora con orquestras, que teñan participado en concurso de televisión, hai quen o ten feito fóra de Galicia”. En todo caso Carlos Rial, o director da propia axencia asegura que “o que nós intentamos e dar a coñecer a unha serie de artistas galegos que estaban no anonimato e que teñen tantas posibilidades musicais como outros que veñen de fóra pero que trunfan porque teñen máis promoción”.

O Proceso
Unha vez feita a selección dos artistas que concursan, o procedemento que se fixo foi o seguinte. A primeiros de marzo, a empresa Aplomo Comunicación iniciou unha campaña na prensa e na radio con dous obxectivos: en primeiro lugar dar a coñecer os artistas ao público e, en segundo lugar, ofrecer a forma de votalos. Na radio pódense escoitar os artistas candidatos e na prensa saen os cupóns que hai que enviar a un apartado de correos para votar aos teus favoritos. O resultado do escrutinio saberase o vindeiro 20 de maio nun concerto que terá lugar en Santa Cristina e no que os artistas farán dúas actuación. A día de hoxe, a menos dun mes da celebración Ana Álvarez que é a encargada de recoller as cartas do apartado de correos ao que chegan as votacións, asegura que “estamos sorprendidos pola repercusión que está a ter a campaña”, mentres que Carlos Rial atrévese a dicir que “temos máis de mil cartas recibidas”.

Ademais da votación popular, haberá unha votación por parte dun xurado composto por compositores, críticos musicais e xornalistas ofrecerá a súa valoración dos artistas.

¿E os cartos?
Dicíamos arriba que no mundo da mercadotecnia o que fai falla son cartos. E nesta iniciativa é a parte máis delicada do proxecto. Ana Álvarez asegura que “ao principio tiñamos un orzamento detallado pero o día a día foinos introducindo nunha serie de gastos que non estaban previstos”. Son gastos como facer vídeos promocionais dos artistas e para os que están a buscar patrocinadores ou colaboradores que axuden a custear o proxecto. O director da axencia asegura que “hai moitas empresas que colaboran pero non economicamente senón cedéndonos material, prestando instalacións para que se poida celebrar o evento”. Ana completa esa apreciación matizando que “pretendemos conseguir subvencións porque ata agora o proxecto está custeado polos propios artistas e polo “Tenedor de Ouro” (que é outro certame de tipo gastronómico que organiza Aplomo Comunicación)”.


Os artistas
Ademais de ter un disco editado, os nove candidatos teñen en común que forman parte dunha xeración de artistas novos que levan anos traballando por facerse un oco no mundo da música. Nacho Varela presenta “Querida Estrella” como el mesmo nos asegura é “un primeiro disco no que busquei as dez cancións máis representativas logo de dez ano facendo cancións”. Lucía Pérez chega ao concurso con “Amores y amores...” logo de ter participado en numerosos concursos televisivos. Mar (“Juego de la vida”)ten actuado a dúo con Juan Pardo e feito de teloneira de Marta Sánchez. Cristián Escuredo (“Inesperadamente...”) e Náyale (“El Color de los sueños”) teñen gañado algún dos festivais da canción que hai no país. Belén Pérez Alonso (“Mi angel se durmió”), Maribel (“Flor a Miño”), Olalla de Hoyos Centeno (“Bruar”) e Miguel (“Depende de ti”) completan a listaxe de participantes deste concurso que nace con vocación de continuidade. “É a primeira edición pero pretendemos que haxa moitas máis porque pénsamos que é unha forma de apoiar á música galega e, polo tanto á cultura galega”, asegura a Ana Álvarez.

Polo pronto haberá que agardar ata o día 20 para coñecer ao “Disco do ano de solistas galegos”.