O galego non se ensinará no Bierzo por falta de demanda dos colexios

A demanda da lingua

A Junta de Castela e León decidiu que o ensino de galego nos centros de ensino do Bierzo non se impartirá este curso, sinalando que non se recibiron solicitudes neste sentido de ningún escolar da comarca. Desde o colectivo Fala Ceive, que defende o noso idioma no Bierzo, a suposta falta de demanda responde á "falta de previsión" do goberno castelán-leonés.

Un convenio sen efecto



Na presentación do curso escolar en León, o director provincial de Educación, Santiago Viu, sinalou que os centros de ensino deben aprobar nos seus consellos escolares a solicitude de impartir galego, petición que segundo el aínda non se deu en ningún centro. A Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León asinaran o pasado mes de xullo un convenio de colaboración polo que a administración galega acordaba proporcionar material e mestres axeitados para o ensino do galego naqueles centros que o solicitasen. Xa antes de terse asinado este acordo, centro coma o Colexio Rural Agrupado de Veiga de Valcarce acordaran impartir galego coma materia optativa.













Falta de información



Desde o colectivo Fala Ceibe sinálase que existe unha falta de información entre os centros e os estudiantes que motiva que aínda non se teñan producido solicitudes. Así, Javier Lago, representante do colectivo, sinala que os profesores carecen de información sobre o contido do convenio e non puideron preparar o programa da materia. Desde Fala Ceibe aseguran ter recibido diferentes consultas de pais e alumnos interesados en coñecer como se vai desenvolver o convenio. O pouco tempo pasado desde que asinou o acordo foi, segundo o colectivo, determinante para a falta de información.










Campaña pola lingua

Para mobilizar a poboación e informar sobre as posibilidades que ofrece o convenio sobre ensino, Fala Ceibe comezará en breve unha campaña baixo os lemas "Bercianos demandan galego" e "Estudia galego, si ti queres". Nesta campaña resaltaranse as posibilidades que ofrece saber galego de cara a unha futura educación universitaria ou a unha vida profesional no noso país. Desde o colectivo agárdase que con este esforzo mobilizador se incrementen as solicitudes para aprender a nosa lingua.