Lugo entra nos circuítos de música clásica cun programa ecléctico e con personalidades destacadas

O Lugo máis clásico

A Coruña, Santiago e Vigo teñen un rival nas citas imprescindibles de música clásica. Trátase de Lugo, a cidade que hoxe inaugura a unha nova edición do Festival de Música clásica. Un programa modesto e variado que ofrece, entre outros atractivos, a estrea no noso país dunha das mezzo máis importantes do panorama lírico actual. Coa actuación de Vivica Genaux, Lugo descentraliza o eixe Coruña-Vigo que ata o de agora marcaba a batuta.

Esta noite (20:30 horas) comeza en Lugo un dos festivais clásicos que xa ten certa solera (cumpre 33 anos) e entidade dentro do panorama do país. En parte polo rigor co que a organización repensou un festival que nesta edición ofrece un programa variado, con personalidades representativas dentro dos seus xéneros e, en parte, porque todo iso lle merece ser unha parada obrigada para todo afeccionado á música clásica que se prece. Vivica Genaux, a mezzosoprano norteamericana será a encargada de abrir o evento que se prolongará ata o vindeiro mes de xuño, e que ofrece un pouco de todo.

O programa lucense
Con Haydn, Loewe, Rossini, Viardot e cunha escolma de zarzuelas de Serrano, Chueca e Giménez, Vivica Genaux exhibirá a maestría que a ten convertido nunha das mezzo máis recoñecida do mundo. Dado que non se prodiga moito nos escenarios europeos, e é a primeira vez que visita o noso país, a súa presenza (co pianista Craig Rutenberg) terá un valor engadido.

Dentro do panorama vogal, hai dúas citas importantes. Dunha banda estará John Mark Ainsley que interpetará a Mendelssohn, Britten e Schumann (27 de maio) e doutra o coro francés Honnestes Assemblée Curieux (10 de maio) coa soprano Anne Magouet e o contratenor Jordi Doménech. Completan o programa as citas coa música de cámara e un apartado dedicado á sinfónica que conta coas formacións do país: A Orquestra Sinfónica de Galicia que será a encargada de pechar o evento con “A resurreción” de Händel (na alianza que o festival de Lugo tece co Festival Mozart, o día 18 de xuño) e a Real Filharmonía de Galicia que actúa con Maximino Zumalave. Un director que está por partida dobre coa formación santiaguesa e coa Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais (29 de abril).

O panorama galego
Nas últimas décadas agromaron no noso país numerosos festivais de música clásica. Eventos que se agruparon en torno aos centros de formación. Na Coruña e en Vigo porque son sedes dos conservatorios superiores, e en Santiago porque ademais de ter o Auditorio de Galicia, un escenario especialmente ideado para acoller este tipo de eventos, porque é a cidade na que ensaian tanto a Real Filharmonía como a Escola de Altos Estudos Musicais.

O resultado foi a proliferación de eventos, recitais e programas continuados ao longo de todo o ano, con nomes máis ou menos coñecidos pero sempre cun certo nivel. Deixando á parte o Festival da Ópera, certame organizado por unha sociedade coruñesa pero de carácter afeccionado, a canteira musical foi xerando grandes citas. Grazas ao esforzo de entidades públicas (concellos principalmente) e ás programacións culturais das grandes entidades financeiras do país as citas puntuais convertéronse en eventos máis importantes. Grandes programas que na última década fóronse asentando dentro das referencias clásicas, non só do pais, senón de todo o noroeste peninsular. Co seu traballo Galicia deixou de ser periferia musical e puidemos ver sen ter que desprazarnos aos mestres máis importantes do panorama actual.

Na Coruña está o Festival Mozart, ligado á personalidade de Víctor Pablo Pérez, á súa orquestra residente (a Orquestra Sinfónica de Galicia) e ao patrocinio de Caixa Galicia. En Santiago, unha das citas máis importantes é o Festival de Música de Galicia, que organiza a Xunta de Galicia en colaboración cunha serie de entidades públicas e privadas que leva xa seis edicións. E en Vigo o “Are More”, un programa preparado polo concello que gaña en adeptos e en calidade a medida que pasan as edicións (o ano pasado celebrou a quinta). O festival da cidade de Lugo leva xa trinta e tres edicións, pero desde hai pouco tempo deulle un impulso ao seu programa para converterse nun punto importante dentro da axenda clásica do país.