As exposicións fotográficas serven para coñecer a historia máis achegada

Historias conxeladas

Recuperar a historia local a través da fotografía é o que estamos a ver estes días en "A memoria recuperada" e "Arquitecturas populares. Os pombais" senllas exposicións que se están a celebrar en Santa Comba e en Valga. Os traballos, festas e habitantes da zona nun caso e os pombais que enchen o concello no outro son os temas que artellan as mostras.

A xente de Santa Comba





Vinteoito fotografías sen identificar, en branco e negro, compoñen a mostra "A memoria recuperada" que vén de inaugurar o Equipo de Normalización Lingüística do Instituto de Ensino Secundario Terra do Xallas de Santa Comba. As fotografías están datadas entre 1920 e 1960 e organízanse en tres seccións temáticas. Por unha banda amósanse retratos de habitantes de Santa Comba nas catro décadas que comprende a mostra. A segunda sección recolle fotografías de eventos sociais coma vodas, comunións e bautizos, e aterceira recolle os traballos tradicionais e as festas populares.
A colleita de material realizouse polos alumnos do centro baixo a supervisión do Grupo de Normalización Lingüística coordinado por Anxo Vieitez. A intención da mostra é por unha banda axudar a coñecer a fotografía coma arte e pola outra promocionar a historia da zona a través da tradición oral, pondo en contacto os alumnos cos maiores da zona e recompilando datos que axuden a interpretar as fotografías.
O equipo do IES contou coa colaboración do Concello de Santa Comba e do fotógrafo compostelán Tino Martínez, que foi o encargado de ampliar e restaurar as fotografías. A mostra poderá verse no propio centro de ensino ata o vindeiro día catorce de xuño.





Os pombais de Valga



Os vintenove pombais que están distribuidos polas cinco parroquias do Concello de Valga poden verse na mostra "Arquitecturas populares. Os pombais", que abriu pasada semana na Casa do Concello.

A mostra, organizada por Xosé Lois Ladra Fernández, forma parte dun proxecto de investigación realizado por este estudioso que foi galardoado cun premio na quinta edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, correspondente ó ano 2000. As fotografías están organizadas en paneis que se organizan por orde alfabética das parroquias e lugares onde se atopan os pombais. Onda cada foto pode verse a denominación de cada pombal, que normalmente corresponde ó da familia propietaria. Ademais, inclúense datos coma a data de construcción, o estado de conservación ou parte da historia da estructura.