O TSXG condena a Consellería de Cultura a pagar as excavacións arqueolóxicas

Cultura paga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á Consellería de Cultura a pagar integramente o custo dunhas excavacións arqueolóxicas que se realizaron no casco histórico de Lugo en 1998. Estas excavacións realizáronse cando, nunha obra privada, apareceron restos arqueolóxicos e, cumprindo a Lei de Patrimonio, o promotor tivo que realizar prospeccións e reclamou con posterioridade os custos destas tarefas á administración sen obter resposta. Esta é a primeira resolución xudicial neste sentido que se realiza no país.

Dos restos á reclamación




En 1998 un constructor iniciou unha obra no casco histórico de Lugo. Como é habitual nesta zona, ó excavar para facer os cimentos apareceron restos arqueolóxicos. O promotor, cumprindo coa Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, presentou un proxecto arqueolóxico e contratou unha empresa para realizar as correspondentes prospeccións. Unha vez rematadas as prospeccións, o empresario enviou á Consellería a factura da empresa de prospeccións sen obter resposta, polo que decidiu reclamar xudicialmente o pago.
A Lei de Patrimonio contempla no seu artigo 63 que a Consellería deberá colaborar nos custos das prospeccións que se realicen en obras privadas, pero está sen desenvolver un regulamento que especifique a porcentaxe destes que debe aportar.






A sentencia



O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou que a Consellería debe pagar a totalidade dos gastos de prospección xa que entende a falta de resposta como silencio administrativo e que a reclamación do constructor non se pode considerar un procedemento que, a falta de resolución expresa produce efectos desestimatorios. É dicir, que para o TSXG a falla de resposta non implica que a Consellería se negase a pagar as excavacións. Ademais, sinala que a falta de desenvolvemento regulamentar do artigo 63 non pode perxudicar ó cidadán, polo que condena á Administración a pagar o total dos 23.394 euros da actuación. Esta é a primeira sentencia que obriga á Consellería a facerse cargo do total do custo dunhas excavacións.





Antecedentes


En 1992 a Xunta, a Asociación Provincial de Empresarios da Construcción, o Concello e a Deputación de Lugo asinaron un convenio polo que se repartían entre todos os participantes os custos das excavacións arqueolóxicas, aínda que ese convenio nunca se chegou a cumprir. O pasado mes de setembro do 2001 Cultura sinalou a súa disposición a financiar excavacións arqueolóxicas e anunciou a publicación dunha orde que regularía as axudas neste sentido e que aínda está pendente de publicación. De calquera xeito, a Consellería xa adiantou que estaría disposta a cubrir ata o sesenta por cento dos custos de excavación.