As universidades discuten unha proposta para reformar a normativa

As mudanzas da lingua

A normativa do galego podería mudar se chegan a bo porto as negociacións entre as tres universidades galegas para presentarlle á Real Academia Galega (RAG) unha proposta de reforma. Aínda que as negociacións véñense desenvolvendo desde hai un ano, falta que o Departamento de Galego da Universidade de Vigo se pronuncie oficialmente sobre a proposta. As mudanzas que se discuten, aínda que menores, suporían o recoñecemento de formas tradicionalmente reivindicadas pola postura reintegracionista, aínda que non se prevén cambios na ortografía.


Longas negociacións




A busca dun acordo que eliminase ou diminuíse o tradicional enfrontamento sobre como escribir o noso idioma foi o espírito co que xurdíu a idea da reforma. Desde o mes de maio do pasado ano viñéronse realizando xuntanzas para determinar as reformas que convirían realizar.
Nestas negociacións participaron representantes dos departamentos de galego das tres universidades e do Instituto da Lingua Galega (ILG). A Asociación Sócio-Pedagóxica Galega foi quen propiciou a negociación entre os departamentos e o ILG e estivo presente nas xuntanzas. Segundo sinalou en declaracións a "El Correo Gallego" Bernardo Penabade, presidente da Associaçom Galega da Língua, a entidade que preside non foi convidada a participar neste proceso.












Un último paso


Despois de que no mes de xullo os departamentos de Galego da Coruña de Compostela e o ILG aprobasen a proposta de reforma, para o comezo de setembro estaba pendente a aprobación do Departamento de galego da Universidade de Vigo, que aínda non se pronunciou. Cara o día 17 este departamento reunirase e decidirá un apoio que os seus membros consideran "posible". Para despois do pronunciamento da Universidade de Vigo está previsto que todas as institucións que apoian o texto llo presenten conxuntamente á Real Academia Galega para que esta debata a súa aprobación. Tradicionalmente, a RAG veu seguindo os criterios do ILG en canto a temas lingüísticos, aínda que compete á Academia definir a normativa oficial do idioma.








¿Que muda?


A pesar de que aínda non se coñecen exactamente as mudanzas que se estiveron discutindo, parece ser que o documento que se aprobou recolle variacións sobre a norma actual como é a recomendación da terminación -bel fronte a -ble, a recomendación da contracción "ao" fronte a "ó" ou a eliminación da segunda forma do artigo. O recoñecemento de terminacións coma o -zo ou -za fronte ás actuais -cio ou -cia, ou o recoñecemento do sufixo -aria (como en libraría) son outras das propostas A forma Galiza recoñecerase como filolóxicamente correcta, aínda que a denominación oficial do nome do país debe ser aprobada polo Parlamento.
Tamén se incluirían nas normas formas léxicas non contempladas ata o de agora, como son "faculdade", "agá" (para referirse á letra h), ou outras que ata o de agora eran consideradas incorrectas. De calquera xeito non se recollen mudanzas na ortografía, nin con respecto ó emprego do "x" nin co "ñ" ou o "ll".