A Asociación Galega de Festas Históricas agrupa oito celebracións de todo o país

A historia unida

Promocionar as festas de recreación histórica, conservar a súa pureza e promover un turismo cultural de calidade é a intención da Asociación Galega de Festas Históricas que se constituíu esta fin de semana en Ribadavia. Oito festas de todo o país, desde a festa da Istoria de Ribadavia ó Mercado Medieval de Betanzos, únense na primeira asociación autonómica deste tipo que se crea no Estado Español.

Concentrando esforzos



Logo de varios encontros preparatorios, o domingo vintesete foi a xuntanza definitiva. Representantes de oito festas de todo o país xuntáronse para definir polo miúdo o concepto de festa histórica e discutir un primeiro borrador dos estatutos da asociación.

A finalidade da nova asociación é acadar máis facilmente axudas oficiais, realizar unha promoción conxunta dos festexos e garantir a súa fidelidade histórica. Ademais agárdase que este novo organismo permita optimizar os recursos e a experiencia para este tipo de celebracións e favorecer o coñecemento de festas pouco coñecidas, elaborando un calendario de recreacións. O obxectivo final da asociación é acoller todas a festas de recreación histórica ambientadas antes do século XX que se celebran no país. O nome final da asociación é o de Federación de Festas e Recreacións Históricas de Galicia, e a súa constitución oficial celebrarase o vindeiro mes de xuño na sede da Asociación The Royal Green Jackets da Coruña, entidade que organiza a recreación da batalla de Elviña. Dase a circunstancia de que esta é a primeira asociación deste tipo que nace a nivel autonómico no Estado Español. Ata o de agora existía unha asociación semellante a nivel estatal que reunía dezasete festas deste tipo, entre as que se atopaban dúas galegas.






Membros



Polo de agora integráronse na Federación de Festas Históricas oito dos festexos máis coñecidos que se celebran no país deste tipo. Así, son membros fundadores a Festa da Istoria de Ribadavia, a Festa do Esquecimento da Limia, a Festa Castrexa de Xunqueira de Ambía, o Folión Castrexo de Celanova, a Festa do Boi de Allariz, o Mercado Medieval de Mondoñedo, a Festa da Reconquista de Vigo, a recreación da Batalla de Elviña e o Mercado Medieval de Betanzos. Desde a organización agardan que festas emblemáticas coma o Desembarco Vikingo de Catoira , o Mercado Medieval da Coruña ou a Batalla de
Brión se integren proximamente nesta organización.