Patrimonio estudia financiar un estudio para localizar os galeóns de Rande

Por baixo da lama

A dirección xeral de Patrimonio está disposta a financiar unha investigación seria con intención de localizar a situación actual dos restos dos galeóns afundidos na Ría de Vigo. A intención desta expedición sería confirmar os datos achegados por dous mergulladores vigueses que aseguraron coñecer a sitaución exacta de trece destes buques e que a comunicaron ás institucións públicas tentando favorecer a súa conservación. Mentres, en Baiona están a barallar o emprego do faro Silleiro para fins culturais acolléndose a un programa da Unión Europea.

Do mapa e as negociacións




O pasado mes de marzo dous mergulladores vigueses, Edelmiro Martínez Novo e Ignacio Iturregui Peña, entregábanlle á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e á Subdirección Xeral de Protección de Patrimonio Histórico un plano no que detallaban a localización de trece dos galeóns afundidos durante a batalla de Rande. Os dous mergulladores localizaran estes restos logo dunha serie de inmersións realizadas en 1984, e fixéronas públicas para reclamar a protección destes pecios e favorecer a súa investigación. Recentemente os dous investigadores entrevistáronse con Francisco Castro, subdirector xeral de Patrimonio, con vistas a coordinar unha expedición oficial que comprobe o estado e localización dos restos.

Segundo publica hoxe "Faro de Vigo", a Xunta está disposta a patrocinar a Martínez e a Iturregui para que eles mesmos se encarguen desta investigación. As condicións impostas pola Dirección Xeral de Patrimonio inclúen que se presente un proxecto completo no que se especifiquen as características da expedición e os medios empregados, así coma o calendario de inmersións. Ademais, os traballos deberán estar supervisados por un arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio que garantice o resultado das inmersións e sirva para recoñecer os dous mergulladores coma descubridores dos restos.
A grande capa de lodo que cubre os restos implica a necesidade de dragar cun barco os puntos do fondo onde se queira facer a busca. A presencia de bateas sobre os restos ou os efectos da estracción de vieira sobre o fondo mariño poden dificultar aínda máis a localización dos restos.





Aproveitar os faros



Empregar os faros para fins culturais, socias, turísticos ou empresariais é o obxectivo dun proxecto que están a desenvolver unha agrupación de concellos da costa este de Estocolmo. A súa intención é que neste programa participen concellos de Noruega, Italia e España.

Unha xuntanza realizada o pasado día dous entre reprsentantes do Clube de Concellos de Excelencia Turística da España Verde, entre os que se atopan Baiona, O Grove e Sanxenxo puxo en coñecemento dos seus socios este programa, que se financiará con fondos Feder e Interreg. O alcalde de Baiona, Benigno Rodríguez amosou o seu interese en pór en práctica este programa na zona de Faro Silleiro, propiedae de Autoridade Portuaria. Ademais do traballo e rehabilitación e acondicionamento do propio edificio, desenvolveríase o acondicionamento do contorno, e o programa prevé a creación dun centro de documentación no que, mediante exposicións e materiais multimedia se explique a historia dos faros.

O programa está aínda en fase deseño e pretende contar coas suxerencias de todos os concellos interesados de cara á súa definión final. De calquera xeito, agárdase que para finais deste ano xa se poidan presentar programas concretos de rehabilitación.