O CGAC, o MARCO e a Fundación Laxeiro exhiben nos seus espazos as últimas tendencias da videocreación

Caen os límites

¿Imaxinas que alguén reproduce as conversas que tes coa túa moza no chat? ¿ou que escoitas cantar a Alaska pero a quen ves é a Marta Sánchez? ¿ou que alguén se fotografía con cada un dos espazos que hai na rúa? Non é ciencia ficción senón os novos camiños da arte. O CGAC en Santiago, o MARCO e a Fundación Laxeiro en Vigo… son cada vez máis os centros expositivos que se abren ás posibilidades das videocreacións.

O Centro Galego de Arte Contemporánea, o MARCO de Vigo ou a Fundación Laxeiro, son algúns dos centros que manteñen estes días exposicións cun denominador común: as videocreacións. Trátase da explotación do formato vídeo, da linguaxe cinematográfica explorada pola causa artística. Agora ben, cada unha das exposicións é diferente, responde a plantexamentos distintos e serven para que vexamos as últimas tendencias que se están a cocer en distintas partes do mundo.

O CGAC
Os vindeiros catro meses do CGAC pretenden servir de reflexión sobre as posibilidades creativas que ofrece este formato. Faise desde tres perspectivas diferentes. Por unha banda está 3’, un proxecto que comisarían Martina Weinhart, Max Hollein e Hans Ulrich Obrist, que pretende rachar coa percepción fragmentada que ten moita xente que acode a un museo. Por iso, a solución foi ofrecer todo o espazo como se fose unha única proxección e onde o público é que den organizar o seu tempo, decide a orde na que as ve e elixe o seu propio percorrido.

3’ comparte espazo con “Point of view”, unha mostra producida no 2003 pola New Museum of Contemporary Art de Nova York. O obxectivo principal desta exposición era que once artistas elaborasen unha peza empregando as posibilidades que ten o vídeo. Unha mostra que ten un dobre interese, por unha banda porque se poden ver os traballos dalgúns dos artistas mais importantes do momento e, por outra parte, porque a historia se acompaña dunha serie de entrevistas aos artistas realizadas por Dan Cameron, conservador do New Museum, Hans Ulrich Obrist, comisario do Musée d’Art Moderne da Ville de París e Richard Meyer, profesor da Universidade de California. Unha forma de achegarse á videocreación desde un punto de vista teórico e práctico.

E o CGAC volve sobre a videocreación coa obra doutro dos artistas máis importantes do momento neste campo. Trátase de Christian Jankowski que desde o 17 de marzo expón “Oops...! I did it again!”, título co que agrupa a doce vídeos que se proxectarán en tres sesións agrupadas por temas e presentados por especialistas. Unha forma de achegarse á arte transfronteriza de multidisciplinar deste artista que xoga coa linguaxe para amosar a inestabilidade do significado. Os vídeos, que son unha escolma da súa traxectoria, complétanse con catro traballos máis. Por unha banda a vídeo instalación “The Day we met” que converte a planta baixa do CGAC nun karaoke no que o visitante poderá cantar algún dos máis de mil títulos da música pop e cuxas voces se escoitarán na cafetería. Con “Let´s get Physical/Digital” asistiremos a múltiples reproduccións das conversas que tiveron lugar entre Jankowski e a súa moza ao longo dunha semana. En terceiro lugar “No one better than you” pretende un cambio de papeis a través da fusión das personaxes, así poderemos ver a Marta Sánchez mentres que a voz que canta é a de Alaska. Pecha a exposición do artista alemán o vídeo “Ebbe in der Freiheit” (Ebbe en liberdade) que é unha performance apoiada nun concerto do grupo ABBA.

En Vigo
O Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o MARCO, tamén se adentra na relación entre a linguaxe cinematográfica e a arte. E faino coa obra de Carlos Rodríguez-Méndez (As Neves, Pontevedra, 1968) que presenta dúas series en DVD: “Construír procesos” (2003-2005) e “Traballos de fóra” (2004-2005). A primeira céntrase en plasmar contrucións efémeras realizadas na propia rúa con refugallos e materiais de desfeito que o artista atopou nas obras e a segunda son autorretratos do artista dentro de sitos abandonados, baleiros ou a piques de ser derrubados, como una forma de pertencer na memoria dos sitios.

Pero hai dous espazos máis en Vigo que estes días acollen exposicións de videoinstalacións. Por unha banda está a galería Ad Hoc que mañá xoves inaugura na sala “Calexón de Núñez” na que se proxectan vídeos feitos por Xoán Anleo (Marín, 1960), Artemio (México, 1976), Suso Fandiño (Santiago, 1971), Silvia Gruner (México, 1959) e Carme Nogueira (Vigo, 1970). Propostas de moi diferente índole que aproveitan o soporte videográfico para as súas reflexións e que comparten formato coa Fundación Laxeiro. A sede viguesa ofrece ata o quince de maio o traballo “Coexistencias pacíficas” feito por Antón Cabaleiro (Santiago, 1977). Debuxos dixitalizados, soportes fotográficos e un vídeo sérvenlle ao artista para afondar na súa preocupación pola relación do individuo contemporáneo co mundo da información, facendo fincapé nos medios de comunicación de masas.

Festivais e artistas
Ademais das exposicións, os centros galegos tamén foron sedes de festivais onde a videocreación desempeñaba un papel importante. Foi o caso do Art. Futura no Marco, do Monocanal no CGAG, ou do IFI en Pontevedra. Eventos cunha certa repercusión que pretenden buscar novos artistas e estar á última no que se fai no mundo da arte. Un mundo que, por outra parte, está en continua e constante adaptación. O importante é a transmisión dos conceptos, das ideas e cada un dos artistas aproveita todos as linguaxes das que dispón para ofrecer os seus traballos.

Houbo un momento no que o vídeo transformou o taller do artista, a súa forma de ver os traballos, de facelos, de comunicalos. Pero non é unha linguaxe exclusiva, de feito moitos artistas teñen traballado co formato vídeo como soporte nalgún momento da súa produción artística. Félix Fernández, Patricia Dopico, Eduardo Irago, Álvaro Negro, Antón Cabaleiro, Manuel Vázquez, Carlos Nieto, Vicente Blanco, Xohán Brión… son algúns dos artistas galegos máis representativos e que están a sonar con forza no panorama internacional.