A introdución de especies foráneas pon en perigo unha boa parte dos ecosistemas do noso país

Visitantes molestos

O fenómeno non é novo. Na súa expansión polo mundo o home ten levado consigo aquelas especies animais e vexetais que mellor lle acaían para conseguir alimento e produtos cos que mellorar a súa calidade de vida. No entanto, en ocasións, moitas destes especies teñen escapado ao control humano ata se converter en pragas que ameazan os ecosistemas orixinais. Galicia vive na actualidade varias destas invasións, que poñen en perigo a supervivencia das variedades de flora e de fauna autóctonas.

Se nos poñemos a pensar en especies que orixinariamente non eran galegas mais que viñeron á nosa terra, teremos que recoñecer que boa parte das leiras do país están cubertas de plantas americanas coma as patacas, o millo ou o tomate, que as vacas de leite son de raza frisona e que ata a agora polémica uva albariña trouxérona monxes polo século XII. No entanto, non todas as variedades importadas, de xeito consciente ou de modo accidental polo home quedaron restrinxidas a campos de cultivo e hortas. Moitas delas expandíronse fóra dos límites da actividade humana e iniciaron unha nova vida nos nosos montes, algunhas con tal éxito que mesmo ameazan con mudar irremediablemente os nosos ecosistemas. Jorge Mourinho é biólogo e impartiu recentemente unha conferencia sobre esta cuestión no curso "Os ríos galegos" que están a organizar a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e o obradoiro ambiental Oureol en Compostela. Segundo el "fálase de que unha especie exótica, alóctona ou introducida, pasa a ser invasora cando, alén de se reproducir con éxito e sobrevivir, tórnase tan común e abundante que representa un axente de mudanzas que ameazan a biodiversidade orixinal". Aínda que a máis coñecida destas pragas é a do eucalipto, existen outros tipos de animais e de plantas que están aos poucos a ocupar os nosos montes.

O exemplo da mimosa
Unha das invasións máis intensas e máis visibles que vive o noso territorio desde hai máis de cen anos é a das mimosas, subespecie das acacias. Esta especie, chegada de Nova Zelanda, era unha descoñecida en Galicia aínda a comezos do século XIX. Chegou co ferrocarril, e foi a súa utilidade para atar os brotes da vides favoreceu a súa implantación no país. A alta capacidade reprodutiva desta planta e a súa especial adaptación aos montes galegos favoreceron que rapidamente a mimosa desbordase os súes orixinais lugares de implantación para pasar a converterse nunha auténtica praga. A mimosa ten unha especial capacidade para acaparar recursos, posúe amplas raíces e a súa densa follaxe impide o que chegue luz ao chan. Ademais está a se investigar a posibilidade de que libere substancias que dificultan o crecemento doutras competidoras. A importancia desta expansión é tal que no pasado mes de outubro as tres forzas políticas do Parlamento aprobaban por unanimidade unha resolución para controlar a proliferación desta especie. Deste xeito, desde a Consellaría de Medio Ambiente achéganse axudas económicas para o control das mimosas en explotacións de silvicultura, e cursou unha orde aos servizos de montes pedindo que se informe de todos os procedementos para coutar o avance desta planta. O remedio non parece sinxelo xa que, segundo informan desde ADEGA, cómpre facer unha corta durante cinco anos seguidos e queimar as plantas. A única experiencia de control desta planta coñecida é a que se desenvolve no bosque de Ridimoas, convertido nunha reserva de flora e de fauna autóctona pola asociación do mesmo nome.

Novas en bioinvasións
A este clásico da bioinvasión súmanse outros que están a saír á luz nos últimos anos. Durante a marea negra do Prestige fíxose famoso o mexillón cebra que poderían traer apegados aos seus cascos navíos vidos do Mediterráneo e que xa fixo sentir a súa devastadora acción noutras zonas do mundo. Este xeito de expansión, coñecido internacionalmente coma "fouling", supón, segundo o biólogo Antonio Gigirey, un dos maiores perigos para o ecosistema mariño do noso país. Co cultivo da ostra vida de Xapón é como se pensa que chegou ás nosas costas o sargazo xaponés, unha alga xa que ocupa grandes extensións da nosa costa e que a complica o desenvolvemento doutros organismos baixo a superficie. Algo máis ao interior, os delicados ecosistemas das dunas sofren a invasión da herba coñecida coma uña de gato.

Cifras
É entre os peixes e na flora onde se poden encontrar os casos máis flagrantes de substitución de especies locais por outras alleas. Segundo apunta Mourinho, ata un 38% dos peixes de augas continentais son foráneos e na flora vascular estímase entre un 10 e un 15% a porcentaxe. Nos nosos ríos a invasión máis evidente é a do caranguexo vermello americano, que chegou a Galicia nos anos setenta e que nalgunhas zonas ten chegado a ser unha auténtica praga que provoca a desaparición da variedade galega desta especie. Pola súa banda, o peixe coñecido coma "black bass", que se introduciu para a pesca deportiva, está a facer perigar a vida nos nosos ríos pola súa condición de depredador, afectando as poboacións de troitas. Segundo o libro "As bioinvasións en Galiza", de Xurxo Pérez Pintos e Xosé Bouzo Fernández, ata un 15% do total de especies que viven no noso chan e nas nosas augas son foráneas, o que sitúa o noso país ao meso nivel que outros estados europeos.

Mamíferos e compañía
Pola banda dos mamíferos este tipo de substitucións supoñen segundo Mourinho, ata o 4% do total de especies. O caso máis coñecido é a expansión do visón americano, que desde os anos sesenta en que se comezou a criar en granxas para aproveitar a súa pel foi ocupando o posto do seu parente europeo no medio natural aproveitando a súa maior agresividade e capacidade de adaptación. Tamén razas foráneas de coellos de monte introducidas con fins cinexéticos están a desprazar as locais, transmitindo alén diso diferentes enfermidades que están a pór en serio perigo a poboación autóctona. Desde os anos noventa están a ser especies de animais de compañía os que están a revelarse coma os novos invasores dos ecosistemas do noso país. O sapoconcho de Florida, a cotorra Gris, ou o paxaro africano pico de coral son algúns dos nosos novos veciños. Fuxidos ou liberados polos seus donos, ocupan con éxito nichos ecolóxicos nos que as especies orixinais non poden competir cos visitantes.

Perigos
Segundo Jorge Mourinho, "casos extremos pola súa perigosidade son varias especies de acacias, unha planta chamada Tradescantia fluminensis, o caranguexo vermello americano, a perca americana ou o visón americano". A invasións "desprazan e substitúen a vexetación autóctona, alteran a paisaxe, provocan a desaparición ou extinción local de especies autóctonas (por competición, predación ou introdución de patóxenos e parasitos), modifican a estrutura e ata o funcionamento dos ecosistemas naturais. As especies invasoras supoñen, despois da degradación dos hábitats, a maior causa de extinción de especies no planeta", asegura este biólogo.


Acción
As actuacións para impedir a proliferación de especies foráneas son, polo de agora, escasas e puntuais. A Xunta anunciou axudas para que os silvicultores da zona das Fragas do Eume muden os eucaliptos por especies dos país, nun intento de evitar que estas árbores invadan o parque natural. Dun xeito semellante está a se vixiar a implantación deste organismos deste tipo no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Desde a Consellaría de Medio Ambiente apuntan que teñen feito un inventario piscícola dos ríos onde se recollía a incidencia neste ámbito de especies invasoras. Dentro das medidas para mellorar a situación nos cursos fluviais, este organismo destaca que existen campañas de concienciación, traballos de limpeza de ríos para evitar a expansión da alga Azolla e un sistema de vedas que permite pescar o Caranguexo Americano ou o Black Bass todo o ano, nun intento de minguar a súa poboación. Segundo apunta Mourinho, "Hai actuacións puntais nalgún espazo natural ou por parte dalgunha entidade local, mais a situación en Galicia está moi atrasada ao respecto, tanto no contexto ibérico como no europeo". É nos últimos anos cando se están a levantar con máis insistencia voces que claman contra este perigo, un efecto secundario que ten a globalización sobre os nosos ecosistemas.