Monforte entra coma cidade concertada na Rede de Xuderías de España

Lemos en ruta

Aínda que xa o pasado mes de outubro comezaran as xestións para que Monforte ingresase na Rede de Xuderías de España-Camiños de Sefarad, non foi ata o pasado día 16 cando se formalizou este ingreso na asemblea extraordinaria desta asociación, onde tamén coñecimos o programa desta organización para este ano. Hoxe vimos de coñecer o proxecto de rehabilitación do casco antigo de Monforte que está a estudiar o Concello e que pretende rehabilitar numerosas vivendas e dinamizar a zona. Tamén esta fin de semana outorgouse un dos premios Europa Nostra de rehabilitació ó pazo Torre do Monte de Padrón.

A Rede de Xuderías





Logo de presentar a súa candidatura a finais do ano 2000, de verse aceptada en outubro do ano pasado, da visita a comezos deste mes de representantes da organización á cidade, Monforte é desde o pasado día quince cidade concertada dentro da Rede de Xuderías Española-Camiños de Sefarad.

Aínda o pasado día sete Luis Campoy, alcalde de Tudela e actual presidente da Rede de Xuderías visitou Monforte para coñecer as dotacións da cidade e o seu patrimonio xudeu.

O pasado día quince realizábase en Tudela a asemblea extraordinario desta organización na que se deu entrada a Monforte coma cidade concertada coa rede. Esta condición supón que Monforte non está, coma Ribadavia, plenamente integrada na rede, senón que só participa cunha aportación económica dun 30% da cota dos membros e ten unha participación menor nas actividades e na toma de decisións.

De calquera xeito, o ingreso de Monforte permitiralle participar en actividades coma a Xornada Europea da Cultura Xudía, que se celebrará o vindeiro 16 de xuño, ou na mostra itinerante "Xardíns das Culturas".
Recentemente un estuido do historiador local Felipe Aira Prado sobre o pasado xudeu de Monforte foi publicado na revista "Los Muestros", dedicada ó mundo sefardí e que se distribúe desde Bélxica a varios países do mundo.






Rehabilitación de Monforte



O Concello de Monforte vén de facer público un estudio sobre a rehabilitación do burgo medieval da cidade, unha actuación que custará case dez millóns de euros e para o que aínda se está a buscar financiamento.

O proxecto contempla a rehabilitación total ou parcial de moitas das casas abandonadas que existen na zona, logo da súa adquisición polo concello. Despois de rehabilitadas, o Concello prevé a venda destas casas a menores de trinta e cinco anos para deter o despoboamento da zona. Ademais, a corporación local pretende desenvolver unha serie de actuacións urbanísticas para mellorar a calidade do contorno e outorgar axudas para a rehabilitación de vivendas aínda ocupadas. Para desenvolver estas actuacións, o Concello pretende a axuda do Instituto Galego de Vivenda e Solo e do Ministerio de Fomento.





Europa Nostra


A rehabilitación do Pazo da Torre, en Padrón, fíxose esta semana cun dos galardóns Europa Nostra, que premian os traballos de rehabilitación e conservación de patrimonio arquitectónico e natural.
Onda o pazo foron premiadas outras vintenove obras de toda Europa, das que catro eran españolas. A rehabilitación do pazo realizouse baixo a dirección da arquitecta madrileña Luisa García Gil para o Grupo de Empresas Cortizo, sen contar con ningunha axuda oficial. Nas obras empregáronse técnicas e materiais tradicionais, partindo da premisa da conservación.

O Pazo da Torre está considerado un dos máis importantes do país, e alberga no seu interior o manuscrito orixinal de "Os dous de sempre" de Castelao.