Mondoñedo acollerá unhas xornadas de análise da vida e obra de Cunqueiro

O incerto señor don Álvaro

A figura de Álvaro Cunqueiro será analizada nos seus máis diversos aspectos durante as xornadas que entre o seis e o oito de setembro se celebrarán no seu Mondoñedo natal. O encontro, organizado pola Fundación Álvaro Cunqueiro Mora coa colaboración do Concello, a Deputación de Lugo e a Consellería de Cultura, tratará temas que van desde a poesía ós artigos xornalísticos ou a radio.






Programa





As xornadas contarán con destacados estudiosos dos ámbitos a tratar. Así, a mañá do día seis de setembro Méndez Ferrín, Xabier Cordal e José Santos falarán da poesía de Cunqueiro, e pola tarde serán Manuel María e Luz Pozo Garza os que participen nunha mesa redonda sobre o mesmo tema. A primeira xornada rematará cun recital poético-musical a cargo de César Morán.
A segunda das xornadas estará dedicada a analizar os textos menos coñecidos de Cuqneiros, como poden ser pregóns, guións de radio, vidas de santos ou artigos xornalísticos. Para afondar nestes temas acudirán a Mondoñedo Armando Requeixo, Xosé Ramón Pousa, Luis Álvarez Pousa, José María Fernández e Dorinda Rivera.












Cunqueiro en TV e na rede



A tarde da segunda xornada estará dedicada ás comunicacións que vaian aportando os asistentes ó encontro e ademais presentaranse diferentes aparicións televisivas que don Álvaro realizou ó longo da súa vida. Tamén nesa tarde presentarase a web que desde a Real Academia Galega se está a preparar sobre o escritor. O sábado día oito analizarase a relación de Cunqueiro con Mondoñedo, tratando este tema Xé Freyre, Antonio Meilán, César Morán, Ramón Reimunde, Marina Mayoral e outros mindonienses. As xornadas pecharanse cun percorrido pola vila, unha cea cos participantes e unha velada de teatro.