A dimensión educativa e lúdica converten o parque do Pasatempo nun dos xardíns máis peculiares de Galicia

Pulmóns creados polo home

Non toda zona verde é un xardín. As súas peculiaridades radican non só na súa composición, senón tamén na ordenación e disposición dos elementos básicos que ten un xardín: auga, pedra e plantas. Son pequenas reproducións a escala do contorno natural co que o home crea zonas de relax, ademais de agochar a historia dos últimos séculos. Damos unha volta polos xardíns de Galicia para ver as súas peculiaridades.

Do xardín do Pazo de Mariñán ata o Parque do Pasatempo de Betanzos pasando polo Pazo de Oca, en Galicia existen múltiples zonas axardinadas de certa entidade. Tanto polo número de plantas, pola disposición dos seus elementos, pola titularidade ou pola disposición dos seus elementos, cada xardín é diferente ¿ou imaxinan que pode ser igual un xardín no deserto, nun país tropical, que nos países da fachada atlántica? Segundo Jesús Izco, catedrático de Bioloxía que ten analizado os xardíns do país, existen dous tipos básicos: os dos pazos (a maior parte deles de titularidade privada) e logo os públicos, máis preto de zonas urbanas. Para el “un xardín é unha natureza adaptada polo home, por iso, os elementos imprescindibles son as plantas. Pero como o home reproduce nelas a súa visión da concepción do universo, inclúe outras moitas cousas, como a auga, a roca, a topografía... todos eses elementos inertes que son transformados polo home”.

Materia prima
Hai un feito común a todos os xardíns, que é que cumpren funcións de lecer. Pero para Jesús Izco, estas zonas recrean en dúas direccións “por unha banda non é só que nos recreemos nós, senón que nós recreamos a natureza”. Por iso, moitos poden pensar que nun país que tivo unha abondosa emigración, puido plasmar a flora foránea e as modas que se estaban a dar na xardinería de cada país, algo que si aconteceu no caso da arquitectura (véxase o caso das casas indianas). Pero, Jesús Izco que ten analizado iso, ve que non é así. A única excepción á ausencia total da flora americana son as palmáceas. Por outra banda, comparten espazo coas especies propias do clima atlántico magnolios, loureiros, érbedos, laranxeiras, limoeiros, buxos e camelias, que permiten unha función estética, xa que se aseguran que os xardíns non estean desprovisto de follas nos meses do outono e do inverno.

Xardinería dos pazos
A historia dos xardíns galegos está intimamente ligada á das familias burguesas e nobiliarias e, en certa medida reproducen a historia recente do país. Os Gayoso, Soutomaior, Ozores, Ulloa, Pimentel, Quiñones de León... son algúns da longa listaxe de nobres que, xunto cos relixiosos, recrearon a súa historia, plasmaron en setos os seus blasóns e reproduciron nas zonas de lecer das súas casas señoriais segundo os patróns que dictaban algunhas das modas da época. Por iso, estas zonas que rodean os pazos, constitúen un modelo de xardín que diríamos de tipo clásico. Para Xesús Izco “son fundamentalmente xeométricos, versallescos, afrancesados na súa concepción pero non na súa magnitude”. É basicamente xardiñería privada, que corresponde ao século XIX e tal vez ao primeiro tercio do século XX. Son xardíns que tiveron tamén hortas de froiteiras, combinando a súa vistosidade coa súa funcionalidade. Aínda que son eminentemente privados, existe algo de xardinería pública con ese concepto.

A xardinería pública
Fronte aos xardíns dos pazos, os mandatarios civís foron creando espazos verdes de carácter público. Son os xardíns abertos a todo o mundo, que estaban máis adornadas con elementos arquitectónicos que serviron para plasmar feitos de importancia da localidade ou fillos ilustres.

No tocante a este tipo de zonas verdes, as grandes alamedas (a da Coruña, o do Espolón en Padrón, a de Santiago e a de San Domingos en Pontevedra que destacan pola súa antigüidade) deron paso a lugar a xardíns xeométricos, máis adaptables aos pequenos espazos que hai no contexto urbano. Este tipo de espazos respostan a un modelo paisaxista máis inglés, con árbores e camiños sinuosos.

Entre lúdico e natural
Explica Jesús Izco que “hai un xardín interesantísimo, curiosísimo que foi reconstruído recentemente que ten especial importancia, é o do Parque do Pasatempo de Betanzos”. Trátase dun espazo natural que chegou a abranguer 90.000 metros cadrados e que foi froito do empeño dun indiano, Juan García Naveira, que quixo crear un parque enciclopédico, no que os veciños puidesen aprender a medida que paseaban por el. Formou parte de toda unha actividade benéfico social que xunto con outro irmán seu desenvolveron coas riquezas que conseguiron na emigración.

Para o biólogo, este parque “ten un aire italiano no seu deseño, no trazado de xardíns con auga, estructura co estatuario e logo ten esa concepción tan orixinal como a medio camiño entre o que facemos nun viaxe (a tarxeta de visita que pretende constatar que “eu estiven aquí”) plasmada en todas as representacións e por outro lado polo seu caracter lúdico, e a súa promoción cultural dos betanceiros e que, quixeron transmitir cultura e exaltar os grandes logros”. Un parque que o converte nunha parada obrigatoria nun percorrido pola Galicia verde, pero transformada polo home.

A diferencia dos espazos verdes, os xardíns precisan da mediación do home para a súa creación e posterior mantemento. Un feito que os converte nun verdadeiro problema, que implica a necesidade de crear dotacións humanas e monetarias para manter todo este patrimonio natural.