A primeira longametraxe de Jorge Coira “O ano da caracha” é a gran vencedora dos premios Mestre Mateo

O ano do Cabaré

Mellor director, actor principal, actor e actriz secundaria, montaxe, perruquería…así ata un total de nove estatuíñas. Este foi “O ano da carracha”, a primeira longametraxe de Jorge Coira (Lugo, 1971). Pero a oitava edición dos premios do audiovisual (a terceira baixo a denominación Mestre Mateo) deixou tamén outros nomes propios: o de “Con C de Cultura” que obtivo tres estatuíñas;“Un bosque de música” con outras tres e as do resto dos gañadores das 25 categorías establecidas. A todos eles, e ao audiovisual en xeral, ¡parabéns!

Por primeira vez na historia do audiovisual galego, Vigo acollía a gala de entrega dos premios máis importantes, os Mestre Mateo. A Academia quería achegar ata a zona sur de Galicia, cunha destacada tradición audiovisual, a cara máis festiva do sector. Outro ano máis, Mamen Quintas, xerente da Academia e Ángel de La Cruz, foron os encargados de darlle unha orientación e unha coherencia ao espectáculo. O tema escollido para esta edición foi o cabaré, de aí que Moncho Borrajo, Sonia López, María Castro e Monti Castiñeiras, os encargados de conducir o Musical, estaban caracterizados como cabareteiros e o espectáculo musical mediou como fío conductor da entrega dos galardóns nas vintecinco categorías.

MM no cine
O dó “A promesa”- “O ano da carracha” partíu ao final para a produción de Filmanova, que conseguiu nove (dez se contamos a estatuíña que Interacción levou polo sitio web garrapatalapelicula.com) das catorce estatuíñas polas que ambas competían. A comedia xuvenil irónica e sarcástica arrasou entre os socios da academia que, como marcaba o novo sistema de votación, foron os encargados de votar as producións seleccionadas. Amparados polo paraugas da carracha están Jorge Coira (mellor director), Xavier Eirís (mellor direción de produción), Raquel Hidalgo e María Barreiro (mellor maquillaxe e perruquería), Marta Anta (mellor deseño de vestiario), Guillermo Represa (mellor montaxe), Javier Veiga (mellor actor), Luis Zahera (mellor actor secundario) e, completa a listaxe, Camila Bossa (mellor actriz secundaria).

A produción de Continental “A vida que che espera” foi merecedora de dúas estatuíñas: a de mellor guión que foi para Ángeles González Sinde e Manuel Gutiérrez Aragón; mentres que Marta Etura, foi seleccionada como a mellor protagonista feminina.

Aínda que a música de cabaré exerceu como banda sonora de toda a gala, houbo ata tres momentos para a música de “Luar na Lubre”. Foi cando subiron a recoller as tres estatuíñas que o acreditaban como mellor longametraxe documental (para a productora Vía Láctea), banda sonora (para o propio grupo “Luar na lubre”) e sonido (Nani García e Xavier Ferreiro).

O MM na televisión
Cando arrecian as críticas sobre a telebasura na programación televisiva, a Academia Galega do Audiovisual, quixo dar o seu respaldo a un programa cultural. Trátase de “Con C de Cultura”, o espazo que emite nas fins de semana Televisión de Galicia, que dirixe e presenta María José Arrojo, quen foi galardoada como mellor comunicadora de televisión. Foi votado tamén como mellor programa de televisión e como mellor realización (galardón que foi para as mans de Ricardo Llovo).

No caso das series de televisión, a Academia non premiou á ficción, senón á serie televisiva que o Centro territorial de TVE en Galicia “A catástrofe do Prestige, dous anos despois”, relacionada coas consecuencias que tivo o embarrancamento do petroleiro diante das nosas costas. No caso do documental, a produción que fixo Filmanova na que contaba a histoira de Tucho Bouza, un neno que emigrou desde novo ata Nova York, foi merecedor do premio Mestre Mateo na súa categoría.

“A boa caligrafía”, o último traballo de Alex Sampayo (Lalín, 1978) continúa colleitando éxitos, e foi a vencedora na categoría de mellor curtametraxe. Exactamente igual que Juan Pablo Etxeberry, que fixo o mesmo con “Minotauromaquia: Paulo no labirinto” que competía na categoría de curtametraxe de animación. Completa a listaxe de gañadores, Suso Bello que recibiu o Mestre Mateo pola direción de fotografía de “Camiño de Santiago. A Orixe” e Antonio Pereira, pola direción artística de”As leis de Celavella”.

Premios Especiais
Dicía Chano Piñeiro que “facer cine en Galicia é posible, facer cine en galego é necesario” e a súa sombra planou sobre o sector desde que finou hai xa dez anos. De feito, o premio especial que leva o seu nome e que recaeu na súa figura entregouse pasada a medianoite. Deste xeito a gala entraba xa no día 21, data na que se celebra o décimo cabodano do pasamento do realizador forcaricense. Recolleu o premio a súa viúva, Mari Luz Montes, quen destacou o importante e a ilusión que lle tería feito ao seu home recibir ese premio e ver a situación actual do sector. Pouco antes, pasara polo escenario do Teatro-Sala de Concertos de Caixanova en Vigo-antigo García Barbón- , Manolo González, Ángel Cordero e Pepe Barba, que foron os directores da Escola Imaxe e Son da Coruña (EIS) que recordaron a importancia que tivo este centro como motor e impulso para o que hoxe é eso que chaman audiovisual galego. Por último, o premio Fernando Rei, que recoñece a extensa traxectoria a prol do audiovisual recaeu no “Equipo Lupa”, un galardón que recolleu un dos seus integrantes, o escritor e membro da academia Euloxio Ruibal.

Coa entrega dos premios púxose fin ao ano audiovisual do 2004. Agora chega o momento de pasar páxina e centrarse no traballo que productoras, actores, técnicos e guionistas teñen previsto para este ano. Xa se sabe, o espectáculo debe continuar.
Relación de finalistas e gañadores dos MM04.
Consulta a listaxe de gañadores e os candidatos aos premios Mestre Mateo que concede a Academia Galega do Audiovisual.