Vigo debate o futuro do Pazo Quiñones de León e Bueu agarda o Museo Massó

A voltas cos museos

A función que terá o Pazo de Castrelos vigués logo de que se inaugure na cidade o Museo de Arte Contemporánea é algo que trae de cabeza estes días á sociedade viguesa. Á necesidade de buscarlle unha función a un dos edificios máis emblemáticos da cidade súmanse a acusacións de problemas na súa conservación. Mentres, a Consellería de Cultura anunciou onte que o Mueo Massó de Bueu abrirá as súas portas antes do verán, logo de que as obras de infraestructura teñan sufrido un considerable retraso.

Os problemas dun pazo



O patronato que rexe O Museo Quiñones de León de Vigo reunirase urxentemente o vindeiro día vinteseis para analizar polo miúdo os problemas de infraestructura do pazo e definir o seu destino. A xuntanza que vén de convocar o goberno local de Vigo como parte desta institución, deberá aclarar a situación exacta das instalacións do Museo, que foi denunciada polo grupo municipal do PP e pola asociación Amigos dos Pazos como "de abandono".
Segundo estes grupos, o museo presenta problemas de humidade que poñen en perigo a conservación dun retablo do século XVIII e presenta ademais falta de orzamento e de recursos.

Desde o concello retrucóuselles, mediante un informe do director do centro, que nos últimos dous anos se realizaron obras de mellora que incluíron a apertura de salas anteriormente pechadas, a restauración de obras de arte, a instalación dun sistema de vixilancia por video ou a reparación de humidades entre outras. Ademais, Carlos Príncipe sinalou que a única zona do museo afectada pola humidade é un anexo realizado pola xunta e inaugurado en xuño de 2000.





O futuro do museo




Ademais dos problemas de infraestructura, o Pazo enfróntase a dúbidas sobre o seu futuro destino. Ata o de agora viña albergando os fondos de pintura do Concello, entre os que se atopa unha importante colección de pintores coma Laxeiro, Colmeiro ou Lodeiro ou a colectánea de obras dos séculos XVII e XVIII doada por Policarpo Sanz ó Concello. Tamén tiña grande importancia a súa sección de arqueoloxía.

A vindeira inauguración do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) fará que os fondos deste tipo se trasladen ó novo centro, o que deixará nada menos que vintedúas salas baleiras no Pazo de Castrelos.

Polo momento, o único previsto para o futro deste pazo é a exposición dos fondos de Policarpo Sanz, ata o de agora almacenados.

Desde o patronato barállase a conversión do centro en museo histórico da cidade, pero esta decisión precisaría que se realizase unha reforma dos estatutos. Este proceso podería demorarse duratne un ano.
O Patronato do Museo está composto por quince persoas entre as que hai varios membros da corporación municipal, representantes das asociacións de veciños e artistas, e está presidido polo concelleiro de Cultura. Segundo os estatutos, este órgano debería reunirse catro veces ó ano para aprobar os orzamentos e rexir o funcionamento do centro, sen embargo, nos case tres anos que leva Carlos Príncipe coma concelleiro de Cultura o patronato só se reuniu dúas veces.





O museo Massó



A Consellería de Cultura anunciou onte que as obras de infraestructura do museo Massó de Bueu están rematadas e que o centro abrirá ó público antes do verán. Este anuncio produciuse logo de sucesivos retrasos na finalización das obras, anunciado para o comezo deste ano. Estes retrasos motivaron denuncias públicas da Plataforma pola Defensa do Museo Massó
Segundo a Consellería, actualmente estase a realizar a restauración de cadros, instrumentos náuticos, ferramentas e instrumentos de pesca que conformarán a exposición permanente.

Desde o Concello de Bueu xa se anunciou a creación dun organismo dedicado a promocionar o centro. Este organismo estaría composto por persoas relacionadas co centro e representantes dos diferentes colectivos culturais do concello.

Este centro, consolidado a partir do legado do conserveiro do mesmo apelido, era ata o de agora o único museo de tema marítimo existente no sur de Galicia.