Un dos autores máis internacionais da nosa BD, Julio Das Pastoras fálanos da súa obra

Das Pastoras: “Agora me decato de que hai editores galegos”

Julio Martínez, que firma co nome artístico de Das Pastoras, está considerado unanimemente pola crítica como un dos mellores debuxantes galegos de Banda Deseñada. Cunha ampla experiencia no cómic español, destácase da súa obra a versatilidade en termos de rexistro e a súa capacidade técnica. Sobre guións de Carlos Portela, conta xa con serie propia ("Les Heresiarques") no mercado francobelga, o ámbito de referencia na BD do noso continente.

Ti estás afincado en Barcelona hai tempo ¿Onde vivías cando estabas en Galicia?
Eu crieime en Vigo, toda a vida; e alí tiña toda a familia, son "fillo adoptivo" de Vigo. O que pasa é que eu son de Ribeira, encanto chego voume dereito para alá.

¿A que te dedicabas antes de comezar a facer Banda Deseñada?
Traballaba nun taller mecánico no que se facían máquinas para biselar os cristais das gafas. Estiven ano e medio.

¿Sempre tiveras afección a debuxar?
Si, de sempre, desde pequeno. No colexio era dos dous ou tres típicos ós que lle gustan ler comics e debuxar. Pero non tiñamos a idea de facer comics, senón só de debuxar.

Comezaches no mundo do cómic colaborando na publicación barcelonesa Zero a primeiros dos 80. ¿Como entraches en contacto coa revista?
O que son as cousas, foi gracias ó taller. Resulta que Garcés deseñaba os catálogos das máquinas que nós faciamos no taller. Unha vez que veu por alí, un dos xefes, que sabía que Garcés debuxaba, díxolle "aquí hai un rapaz que tamén é afeccionado ó debuxo. ¡Julio, ven para aquí, debúxalle algo a este señor!" [risas]. Garcés cría que eu tiña dezasete anos, pero eu cando traballaba xa tiña vintetrés, máis ou menos.

“TRABALLABA NUN TALLER MECÁNICO CANDO COMECEI A FACER BANDA DESEÑADA”

É dicir, comezaches tarde na Banda Deseñada.
Si. E as primeiras historias que fixen para Zero eran unha especie de "collage" de debuxos que tiña por aí; non sabía nin como facer un cómic. Recadrar as viñetas, etc.

¿Que lías daquela?
Lía a Corben, Moebius, aquelas de "Cinco por infinito", e algunha cousa máis.

Sendo galego, toda a túa carreira está intimamente ligada á cidade de Barcelona.
Si, eu en canto acabei a mili -debía ter vinteún ou vintedous anos- vin para aquí, porque quería facer Belas Artes.

¿E como foi a experiencia en Belas Artes?
Foi un ano caralludo, porque non dei golpe.

¿Serviuche para algo?
É que non fun. Alongaba as cousas. Meu pai preguntábame "¿Como vai?". "Ben, ben" [risas]. O que estiven foi un ano de preparación, para despois facer o exame para entrar na Facultade. Estiven nunha academia que estaba moi ben. O que pasa é que o cómic para min xa comezaba a ser unha perspectiva.

Ó longo da túa carreira, ¿algunha vez un editor galego editou un traballo teu?
¿Editor, galego? Nunca houbo.

¿Nin un libro de ilustracións, nunca che ofreceron sacar algo teu?
Eu non sei como está a cousa en Galicia. Agora me entero de que hai editores galegos.

¿Tes idea de como está o mundo do cómic en Galicia, do que se está facendo?
Non, pero co que se fai aquí, pásame o mesmo. Eu non son un gran lector de cómics. O que é o cómic en conxunto, como narración, comezou a interesarme hai pouco. A min o que me gustaba era debuxar. Nunca me preocupara da narrativa. Porque o que se ve é o debuxo, pero eu agora, mesmo lle dou menos importancia que ó aspecto narrativo.

“O QUE É O CÓMIC EN CONXUNTO, COMO NARRACIÓN, COMEZOU A INTERESARME HAI POUCO”


¿E ti cres que iso pode estar condicionado por como traballaban os guionistas cos que tiñas colaborado antes de faceres tándem con Carlos Portela?
Eu antes traballara con Fradera e tamém con Abulí. O sistema de traballo pode que fose distinto, pero só en matices. Fradera e Abulí o que me daban era todo texto, un guión clásico de cómic, guión literario, describindo o que hai na viñeta e mais o diálogo. Portela faime os debuxiños, bosquexos, un croquis, e eu case só teño que amplialo e calcalo.

¿Encontras o guión gráfico máis cómodo que o guión literario?
Todo depende, o guión gráfico ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. Nun guión literario, cando che describen a imaxe só con texto, é como se a imaxe se che aparecese mentalmente a ti. Vela; e ás veces non só iso senón que imaxinas de que maneira che vai mellor, de que maneira che dá menos traballo. Vela máis fácil. En cambio co Portela tes un plano, un xeito de distribuir os personaxes, estás un pouco atrapado polo que xa hai aí. E despois custa moito compor esa escea á túa maneira. Estás forzado por esa imaxe que che dan. Pero como o Portela é un estudioso tanto da narración de texto como da narración visual, considero que paga a pena. Porque eu non teño esa educación de narración visual. E en cambio el si a ten.

¿Con que outros guionistas traballaches?
Fixera unha historia de dúas páxinas con Antoni Guiral e outra de poucas páxinas con Ivá.

¿Hai algún guionista co que traballases máis a gusto?
En xeral con todos, porque sempre tiven total libertade. Nunca tiven problemas cos guionistas cos que traballei.

¿E outros artistas gráficos fóra da Banda Deseñada, como pintores ou ilustradores, que che teñan influído?
Si, antes á parte de cómics tamén compraba revistas de arte, pero os nomes quedáronme un pouco no esquecemento. Todo che inflúe. Hai unha época na que nin sequera mirabas quen era o autor, igual que nos cómics. Cando desfrutaba un cómic, ou o personaxe, nin me fixaba quen o debuxaba nin nada.

Téndese a coincidir en que os teus puntos fortes como debuxante son a cor natural e o debuxo da anatomía -tanto a real, como a de animais inventados por ti-. ¿De onde cres que veñen estas características túas?
Non é cuestión de que me influíse ningún debuxante ou ilustrador. En concreto, con respecto ós animais, é que eu quería ser biólogo, antes que debuxante. Ata que me enterei de que había que estudiar química e non sei que carallos, eu quería ser como Félix Rodríguez de la Fuente. Filmar, ollar os animais, dicir "agora cagou, agora está de pé...". Iso era o que me gustaba, desde sempre me gustaran os animais. Mesmo máis que debuxar. Saía ó monte a levantar pedras para ver o que había debaixo. Buscar animais era o máis alucinante. Despois, cando estaba no curso de ciencias naturais, con tal de non estudiar, facíame unhas libretiñas que eran todo debuxiños. Copiaba dos fascículos de Rodríguez de la Fuente, fixen unhas libretas de dous dedos de grosor. Imaxino que daí ven certa facilidade para debuxar os animais. Porque despois telos que estudiar, pero esas imaxes quédanche na retina.

“QUERÍA SER BIÓLOGO ATA QUE ME ENTEREI QUE HABÍA QUE ESTUDIAR QUÍMICA”

A xente que comeza a debuxar normalmente usa só lápis, ou só bolígrafo normal...
Eu tamén.

...pero chegar ó teu dominio da cor é difícil. ¿Como o lograches?
A verdade é que non sei. Eu facía como todo o mundo, lápis ou bolígrafo. Nin sequera sei en que momento comecei a interesarme pola cor. Mesmo cando comecei en Zero traballaba en branco e negro. Non só eu, os meus coetáneos, Prado e Garcés, tamén facían branco e negro. Elucubrando un pouco, supoño que como me gustaba a liña, era todo liña e para encher todos aqueles espacios, pois usar a cor. Había demasiado branco.

Nos oitenta, no que sería a época dourada das revistas, coincidiches con autores como estes que mencionas ¿Como lembras aqueles tempos?
Prado veu a Barcelona máis tarde que eu. Pero non lembro cando o coñecín, nin ós demais. Daquela época teño moi bos recordos, pero tamén agora estou ben. Non son nada nostálxico. Nin de Galicia, nin da infancia.

Cando foi a eclosión das revistas ¿podíades realmente vivir só da Banda Deseñada?
Non. Trampeábamos. Antes de debuxar, no taller pagábanme fatal, cobraba 20.000 pesetas. E cando comecei con Toutain as seis páxinas creo que eran 36.000 pesetas, seis mil pesetas por páxina. Comías medio mes e medio mes non, estabas a madalenas e leite. Pero en fin, tampouco che importaba moito. Con cubrir o aluguer do piso e algo de comida, xa estaba.

¿E hoxe por hoxe vives da BD?
Agora mesmo sí. Non é que viva moi tranquilamente porque o traballo que me levan as páxinas dos Heresiarcas e o prezo que pagan non é rendible. A pesar de que estamos nunha das mellores editoriais [Humanoïdes Associés] e pagan ben -moito mellor que aquí, desde logo-.

Porque non tes marxe de tempo a facer outros traballos de ilustración por encargo que che poderían supor diñeiro a maiores...
Si. Pero de todos os xeitos isto é o que hai. Porque eu propúxenlle a Portela o de facer Heresiarcas, "imos apostar todo aí", porque se acabara o de "Kafre" en El Jueves e non había outra. Entón dis "vou facer A obra". Para ter posibilidades de que cha queiran. Foi unha necesidade, non é aquilo de que podes escoller onde cho editen. Porque é moi difícil. Heresiarcas representa un paso máis alá, que eu só non tería dado. Pero é producto da necesidade, o resto do tempo, son un preguiceiro.

Ti á parte de BD, tes feito portadas de revistas, cartas de xogos, a portado do disco de Siniestro Total. ¿Un ilustrador como ti realmente pode vivir só de deseñar?
É un risco. Non podes saber se vais ter traballo abondo. Eu teño tido temporadas que facía o do Jueves e ilustracións de libros, e caralludo. Pero despois venche unha mala temporada e... Pero eu xa o vivira desde os vintepoucos anos. Tes que asumilo. Este campo de traballo éche así. Hoxe hai e mañá non. Nunha época podes dicir que non e noutra estás tolo por dicir que si. É arriscado. hai moita xente que lle tería gustado debuxar pero como non asume ese risco non se dedica a isto. Isto custa. Son horas e horas e horas. E aínda que non esteas traballando, estás debuxando.

“TES QUE ASUMIR O RISCO. ESTE TRABALLO ÉCHE ASÍ. HOXE HAI E MAÑÁ NON”

Deste traballo de ilustración por axencia ou por encargo, ¿hai algún que recordes con especial cariño, que o vexas agora e digas “fíxeno por encargo pero quedou ben xeitoso”?
Case todos. Home, nunca quedas moi contento co que ves de facer. Eu non sei que período sera, pero acabas as cousas e se cadra ós dous días dis “é horrible, xa non me gusta”. E sen embargo esas mesmas cousas velas ó cabo de dez anos e dis “que guapo ¿Como faría eu iso, se agora non me sae?”. É unha batalliña contigo mesmo. Pero como a min me gusta debuxar, en certa maneira dame un pouco igual.

Falabas antes dos Heresiarcas. ¿Cal é a túa sensación global coa experiencia?
Pois boa, moi boa. Simplemente polo feito de pasar de non ter nada a poder traballar, xa está. Estou contento de poder vivir e poder traballar. Gústame o guión, o guionista é un tío caralludo, e gústame debuxar, o único que me preocupa son as datas de entrega. Coa xente de Humanoïdes, ningún problema. Con respecto ó debuxo non houbo grandes queixas. Pero con respecto ó guión, a Portela fixéronlle unha especie de "exame final" que menos mal que eu non entendía nada, porque falaban en inglés, e menos mal que a min non me preguntaron nada, porque se me chegan a preguntar algo, eu saco un cero e Carlos un dez. Son moi, moi esixentes co guión, coa coherencia dos guións. Non pode quedar nada ó azar. Se eu o tivese intentado cun guión propio, non tería pasado nin de broma. Hai que saber. E hai que ter estudiado, en certa maneira, o tema dos guións desde pequeno. Son exhaustivos.

¿Portela e ti asináchedes un contrato por catro álbumes?
Non, temos dous contratos, por dous álbumes. Pero suponse que serán máis. Pero de todos os xeitos eles ata que sacan tres álbumes e ven as cifras non se deciden a facer a serie. Iso é impensable aquí. Eles arriscan, confían na súa opinión. Traballan a tres anos vista. Aquí é impensable, os editores queren sementar e recoller xa ó día seguinte. Ou acabar de sementar e comezar xa a recoller.

“AQUÍ OS EDITORES QUEREN SEMENTAR E RECOLLER XA Ó DÍA SEGUINTE”

¿Humanoïdes foi a vosa primeira opción, ou intentáchedes vender os Heresiarcas a unha editora española?
Non. Intentámolo antes con Glénat e Norma. Pero non se decidiron. Glénat díxonos que non. Joan Navarro [editor de Glénat] díxonos que Heresiarcas estaba ben e que se podía facer pero ó falar co director da colección respondeunos que o tema mitolóxico en Francia... non o vía claro. Pero díxonos que tiñamos as portas abertas a facer outras cousas. A pesar do non, pintáronnolo ben. E en Norma había interese desde o primeiro.

¿Cres que eses editores españois se terán arrepentido de non ter publicado a serie?
Cando ollaron as primeiras páxinas, a todos lles gustou. Pero foi Humanoïdes a que se decidiu. Os editores españois non arriscan. Ti ó mellor preséntaslle un proxecto e dinche que lles deixes as mostras para ollalas. Pero o que fan é movelas cos seus contactos en Francia, Italia e Alemaña para ver a posibilidade dunha coedición, para abaratar custes. Eles sos non arriscan. Pero o autor español así perde diñeiro, o que lle convén ó autor español é tratar directamente co editor francés e cobrar o que se cobra en Francia, non o que se cobra en España, pola mesma obra.

Cando ti e Portela firmáchedes exemplares de "Les Heresiarques" en Angoulême e París, ¿como foi a resposta do público francés?
A xente alí é moi tranquila, e respectuosa. Van con libro a que lles firmes, non cun papeliño. E a maioría sabe quen es. Porque aquí a xente pode virche dicindo "olla, un debuxante, que me faga un debuxiño". Mesmo algún que ven e che di que lle fagas a Son Goku. Se non saben que es, ou acaban de coñecerte, van co teu álbum para que llo dediques. E se ti estás media hora para facerlles un debuxo, non se alteran, agardan. Nós estivemos en dúas librerías, seis horas. Eu facía un debuxo como para publicar, a lápis e traballando as sombras, todo. Moi tranquilamente. Fas menos debuxos, pero a xente queda moi contenta e espera o que faga falta.

“FRANCIA É OUTRO MUNDO. ALÍ A BD É PARTE DA CULTURA, NON HAI COMPARACIÓN”

Ós autores que como ti producen un traballo graficamente moi elaborado ás veces cústalles desfacerse dos orixinais ¿Ti es un destes ou non tes problema por vender os orixinais a coleccionistas?
Cústame. Ata que me din unha cifra [risas]. Non, nunca me custou moito. Eu teño exposto en Mallorca, A Coruña, Ourense, Granada, Avilés, pero a única exposición que ofrecía a posibilidade de comprar foi a que se fixo en "La Guillotina", a galería de Valencia. Vendeuse material, pero non era unha boa época, os prezos non eran moi bos e ademais a Galería quedaba cun 30%. Eu estou aberto a vender orixinais. O que pasa é que as galerías "clásicas", as que expoñen pintura, están noutro nivel. O cómic non está aceptado. Non é parte da cultura. É outro mundo...

...A diferencia de Francia.
Totalmente, claro. En Francia, a Banda Deseñada é parte da cultura. Como aquí son os libros. O cómic é parte da vida cotián. Non hai comparación. Ti vas a calquera casa e calquera membro da familia do avó ó neto, ten os seus comics, e compran comics normalmente. Alí teñen unha superindustria, emporios editoriais.

No que é o marco inmediato da industria española, tes recopilado traballo teu de humor gráfico no selo Sins Entido ¿Quedaches contento da edición dos dous tomos de "Ustedes Perdonen"?
Encantado. O único que faría sería quitar algúns chistes, retocar outros. É que hai algúns que non entendo, algúns que non entendo por que me facían gracia, e outros redactaríaos de novo. Quizáis na segunda edición [risas]. Pero no tocante ó coidado da edición, a Jesús Moreno [dono de Sins Entido], un dez. Perfecto todo. Un tipo caralludo, e a xente que traballa con el moi ben tamén. Para min é o editor perfecto.

“PARA MIN JESÚS MORENO [SINSENTIDO] É O EDITOR PERFECTO”

¿Ti cres que Jesús Moreno está máis achegado en filosofía á mentalidade francesa?
Non. É que... non sei, ía dicir que a todos os editores lles gusta ó comic, pero non me arrisco [risas]. Pero en Francia é igual. Hai algúns que se moven porque lles gusta o cómic, e outros polo diñeiro. Só que alá é un gran negocio. Hai máis risco, tamén. Alá eu podo ser de Humanoïdes e ó día seguinte baixan non sei que accións e ó día seguinte son de Glénat. Como as empresas estas que se comen as unhas ás outras. Eu disto non entendo nada, pero é así.

¿Sigues facendo chistes, acumulando material?
Si, sigo facendo. O que pasa é que non hai onde metelos. E agora mesmo non teño tempo para darlles cor, porque houbo unha especie de mutación porque de facer os Heresiarcas, que implica moito traballo e detalle, saíronme chistes que en vez de ser sinxelos fíxenos como se fosen viñetas de Heresiarcas, entón nin me plantexo dar cor, porque me levaría dous días. O grafismo é moito máis elaborado que o que tiña feito, unha especie de "contaminación" por culpa de Heresiarcas. Son como "chistes ópera".

Entrando en aspectos técnicos, hai dous Das Pastoras; un máis figurativo -o dos Heresiarcas- e outro máis experimental, que solta máis a man -o da "Historia do Blues" ou "A Santa Compaña" [revista Madriz]-. ¿De onde nace esa dobre cara?
Eu tendo moi pouco a racionalizar por que fago as cousas. Cando fago unha historia non me plantexo que debo facer e como debo facelo. No caso de "A Santa Compaña", por exemplo. Sinxelamente, venche a historia, porque te lembras de algo, ou motívache algo, e non hai ningunha clase de plantexamento. Quizáis por iso non son un bo guionista. "A Santa Compaña" saiu así porque saiu así. Eu non sabería dicirche... Con respecto ó grafismo, hai que ter en conta que che inflúen moitas cousas: tanto a arte abstracta como figurativo, clásico, grafismo de publicidade... Eu non digo "A Santa Compaña' é un tema así e debo facelo con estas cores". Non. Aparéceseche a historia na cabeza así.

“EU TENDO A RACIONALIZAR MOI POUCO POR QUE FAGO AS COUSAS”

Es totalmente espontáneo nese sentido.
Si. E sabe Deus o que sairá, pero...
En canto ó tema da documentación ¿Como vos repartides o traballo de documentación nos Heresiarcas?
Iso faino todo Carlos. Ben, eu pola miña parte tamén busco. E máis agora porque só me dedico a isto. Cando encontro algo que me val, pégoo na carpeta de Heresiarcas.

¿Hai algunha cultura ou civilización que teña un peso especial na estética de "Les Heresiarques"?
En concreto, quizáis as culturas precolombinas -as incas-, tamén as exipcias, asirias...

¿Como logras que o conxunto sexa consistente, se as fontes son tan diversas?
Sen querelo. No meu caso, non é que eu vexa nada malo ou despreciable en copiar as cousas, senón que me custa moitísimo traballo copialas. Igual que me custa sacarlle o parecido ós personaxes en cada viñeta. Copiar non me é un trauma nese sentido, simplemente resúltame difícil. Entón ó final acabo facendo algo meu. Se a min me pos a facer monumentos da arte precolombina e a Nova York de hoxe, todo se parecerá. Simplificas un pouco, buscando tamén o que che resulta máis fácil. Aínda que cos Heresiarcas teño feito cousas que nunca me tería imaxinado. De forzarme a facer algo que non sei facer, ou que directamente, non me gusta facer. Como por exemplo masa de xente ou edificios traballados, eu isto en condicións normais nunca o faría. Pero foi esixencia miña, non imposición de Portela. En certa medida, o asunto é aprender. Porque a base de intentar facer cousas que non sabes facer, aprendes, e cando as ves na historia, quedas contento.