A conexión galega no Saló da Banda Deseñada de Barcelona. Breixo Harguindey, explícanos como ve a banda deseñada.

Breixo Harguindey: “O da BD en Galicia é un panorama que tarde ou cedo terá que consolidarse”

Chegamos ó Saló e preguntamos por alguén con que xa vimos falando por teléfono desde hai unhas semanas e que semella que realmente pinta algo na organización. Foi el o que acadou o oco para que puidésemos traer acó un pouco de banda deseñada galega. E foi difícil de localizar, ó fin atopámolo, algo antes da presentación. Ó final da primeira xornada acadamos falar brevemente con el, é Breixo, a conexión galega na organización do Saló do Cómic de Barcelona. Encargado do salón de actos desde hai cinco anos,

Ola Breixo, ¿ti és de Cangas non?
Si, son de Cangas do Morrazo

¿E como acabas integrado na organización do Saló do Cómic?
Eu comecei con isto da banda deseñada de pequeno a través dun tío, o típico progre, que compraba todos os álbumes e aínda os segue mercando. Pouco a pouco funme afeccionando e montamos un Salón do Cómic en Cangas, estamos a falar do ano 93 ou así, un pouco despois do primeiro ou do segundo salón de Ourense. A través daquel salón entrei en contacto con Carlos Portela e comecei a facer "Arte Alfa" con el en Vigo. Despois fun a Londres a estudiar e gracias a isto especialiceime en banda deseñada alternativa americana, que é a miña paixón dentro da arte, e cheguei a Barcelona a estudiar. Unha vez aquí, coñecín amigos de Carlos Portela, aínde non foi directamente a través del, senón pola facultade, que atopei xente cos meus mesmos intereses e entre eles estaba Jordi, que fue director del Saló del Cómic. E entón comezei a organizar as charlas do Saló e coordinar a sala de actos, non foi algo difícil.

¿Que tal vai esta edición?
É un pouco cedo para valorar aínda, pero podo dicir que na parte que a min me toca que son as mesas redondas é o mellor ano con diferencia desde que eu as organizo, e xa van cinco anos. Non nos fallaron os autores, temos a Mariscal nunha mesa redonda... En canto a exposición, están ben, a de Max Promete moito. En xeral parece que o Saló acadou unha certa normalidade dentro desta nova ubicación que é a Estació de França, cun modelo que está a ser moi criticado, fundamentalmente comercial, pero que é o modelo ó que tenden todos os salóns do mundo. Un exemplo é o de Angoulême, no que as actividades culturais fainas o museo propiamente, que iso é o que debería acontecer tamén en Barcelona cun museo de historieta.

¿Como ves a presencia galega no Saló durante todos estes anos?
A presencia galega é sempre algo ocasional. En realidade non hai unha industria galega da historieta, falta unha consciencia. Hai autores que tentan colocarse no mercado... Houbo bastante rebumbio o primeiro ano que se montou o da Coruña, creouse unha expectación sobre Galicia. Actualmente, acontece o de sempre, que se tende a ollar cara arriba e, para que enganarnos, os galegos estamos moi por debaixo de Barcelona no que a banda deseñada se refire, e claro, non se lle presta demasiada atención aínda que é un panorama que tarde ou cedo, canto máis cedo mellor, terá que consolidarse con algún proxecto serio.

[A situación en Galicia:

A situación da banda deseñada en Galicia é paradóxica. Está sendo sostida por institucións, coma no caso do Concello da Coruña, que a pesar do seu alcalde ou precisamente gracias a el está a apoiar "Viñetas desde o Alántico", que é moi importante. O que falta é unha iniciativa que aglutine todo con perspectivas industriais e de negocio. Por exemplo, o caso de "Golfiño": Xerais detectou hai anos que había un mercado de banda deseñada infantil, Norma vén de demostralo con "Dibus", pero o problema é que non se poden solucionar dous problemas á vez, e este é un debate que por desgracia instaurou "Frente Comixario": Non se pode solucionar o problema de levantar unha industria do comic en galego e ó mesmo tempo levantar unha industria galega e con autores galegos, tes o dobre de inconvintes. E a aposta de Xerais é unha aposta arriscada, unha aposta valente e que hai que apoiar pero que carece de perspectivas. O mercado galego é un mercado de tres millóns que son os que viven só en Barcelona. Hai que facer unha aposta menos arriscada. A nivel de publicacións penso que falta algo que aglutine, que teña unha conexión real co público e unha perspectiva comercial, e eu creo que nese intre podería saír a banda deseñada galega. Internet tamén é un medio que nos pode dar saída, e que vai mudar moito en xeral as relacións xeográficas.]



Tes próxima a publicarse unha historia da banda deseñada galega, ¿como ves a evolución desta arte no país?
Hai que pensar que comezou bastante tarde, houbo un rexurdimento a través de Patiño e de Marín, que tivo continuidade por "Frente Comixario", cun comic diferente, menos de resistencia e cun sentido máis popular, agrario por momentos, gore... Despois deles houbo un truncamento e quedaron unha serie de fanzines espallados ata que apareceron varias iniciativas. Aí Portela é unha figura importantísima que organizou o Salón de Vigo que foi montado con perspectiva de cidade, a diferencia do de Ourense que é un encontro de mediana escala. Este salón foi antecedente do da Coruña, que é arredor do cal orbita todo.

¿Que outros proxectos tes?
Teño varios, este foi o único que acadei substanciar porque me din unha tregua a min mesmo, porque levo moitos anos facendo un libro sobre banda deseñada independente americana que cando saia se sae será bastante bo. Ademais, estou a facer para a facultade (de CC. da Comunicación) unha investigación sobre comic e novas tecnoloxías que é posible que no prazo dun ano saia coma monografía.