O mundo do ferrocarril motiva un número crecente de iniciativas culturais en Galicia

Cultura sobre raís

Estacións desmanteladas, vías inutilizadas, vagóns abandonados. Moitos destes elementos do mundo ferroviario, condenados ata o de agora ao esquecemento, viven nos últimos tempos unha nova vida ao seren recuperados para empregos culturais. Tres museos e oito asociacións dedicadas a este mundo dan unha idea da forza crecente que ten este mundo.

Para alén do evocadoras que poidan resultar a estacións de tren e os propios convois, o mundo ferroviario está nos últimos anos con forza nas portas da cultura. As modificacións nas liñas e na tecnoloxía de transporte provocaron a desaparición de numerosos apeadoiros, estacións, almacéns e instalacións para o manutención dos trens. Este abandono deixou por todo o noso país unha grande cantidade de edificacións abandonadas, moitas en bo estado, así coma un feixe de quilómetros de vías mortas e maquinaria sen utilidade. Aínda hai lugares, coma nas grandes cidades, nas que se están a aproveitar os espazos abandonados que arrodean as estacións para empregos residenciais ou de ocio, non faltan tampouco no noso país iniciativas que apostan por vencellar estes espazos, maquinarias e edificacións a usos culturais, pondo en valor o legado dese vello mundo do ferrocarril.

Monforte
A idea de dedicar museos ao mundo do ferrocarril non é nova. As grandes modificacións que sufriu un medio de transporte tan popular e toda a auténtica mercadotecnia que o acompaña desde os seus inicios animaron a creación de diferentes propostas para dedicar museos a este mundo. No noso país existen na actualidade nada menos que tres centros dedicados a este mundo. O máis destacado deles é o Museo do Ferrocarril de Galicia que a Fundación Ferrocarrís de Galicia puxo en marcha en Monforte en 1999. Segundo explica Luís Blanco, actual director do proxecto, "a idea é de hai moitos anos, por diferentes circunstancias non se puido levar a cabo". Finalmente, o apoio da Xunta permitiu pór a andar este ambicioso proxecto, que ten coma unha das súas grandes bazas contar co primeiro depósito de tracción a vapor que existiu en Galicia, unhas amplas instalacións destinadas a almacenar e reparar maquinaria e que se conserva integramente. Alén deste destacado espazo, as locomotoras e os vagóns son o outro grande valor deste proxecto. "Hoxe, tirando o museo Nacional que depende de RENFE, o de Monforte é o que ten o material de tracción operativo máis importante ao falarmos de vía ancha", explica Blanco, que recoñece a importancia dos museos dedicados principalmente a trens de vía estreita como son os que existen en Asturias e no País Vasco.

Tren de época
O museo restaurou xa tres locomotoras, que representan os diferentes tipos de tracción empregados polos ferrocarrís (vapor, eléctrica e diesel). Alén diso, a recuperación de varios vagóns permitiu pór en marcha o tren turístico Galaico Expreso. Este convoi circula en diferentes eventos inclúe un vagón restaurante, un coche cama e outro equipado con tecnoloxía para proxección de vídeo no seu interior, ademais dos habituais vagóns de pasaxeiros tamén restaurados. A última saída deste tren é unha longa viaxe que o levou a visitar Cataluña onde se aproveita para facer promoción da Ribeira Sacra, xa que o museo quere servir como un centro para dinamizar esta zona. O proxecto do museo está implicada a Federación Galega de Asociacións de Amigos do Ferrocarril. "Contamos co apoio e coa colaboración das asociacións de amigos ao ferrocarril de toda Galicia. O proxecto non sería posible sen o apoio destes colectivos", asegura o responsable da iniciativa.

Na busca da sede
Na actualidade o museo está a ultimar as obras de acondicionamento da súa sede, que está previsto abra finalmente as súas portas a finais deste mesmo ano. Simultaneamente, vanse iniciar os traballos para reparar dúas novas locomotoras e está previsto a recuperación do único guindastre de intervención que queda en España, un enorme mecanismo que se empregaba para auxiliar os vagóns estragados na vía. Alén diso, recuperaranse varios vagóns para facer un pequeno convoi que percorra o circuíto de vías existente nas instalacións do museo, onde se poderá ver en funcionamento a maquinaria existente. "Queremos facer unha xornadas do vapor que concentren nesta zona afeccionados de toda Europa", explica Blanco, que apunta exemplos doutros lugares de Europa que centran a súa oferta turística neste tipo de atraccións. Tamén está previsto organizar saídas regulares do Galaico Expreso que permitan cando menos cubrir os abondosos gastos de manutención do convoi e que ao tempo acheguen visitantes á zona da Ribeira Sacra.

En Iria Flavia
Un centro peculiar é o Museo Ferrocarrileiro John Trulock, que leva o nome do avó materno de Camilo José Cela e xerente da West Galician Railway, empresa pioneira na implantación do tren en Galicia. Este museo, que abriu tamén en 1999 ten a súa sede en Iria Flavia, dentro das instalacións da fundación que leva o nome do célebre escritor. Aínda que centrado na primeira liña ferroviaria inaugurada en Galicia, a que unía Cornes con Carril en 1873, o centro amosa a través de diferente material a evolución deste medio de transporte. Á minuciosa reprodución dunha estación de época ou do interior dun vagón antigo engádense os máis de mil volumes dunha biblioteca especializada en temas ferroviarios, coleccións de farois e lanternas antigas, aparellos de telefonía e telegrafía, placas identificativas de diferentes elementos, abondosas maquetas e paneis ilustrativos da historia do ferrocarril. O centro conta como grandes estrelas con dúas antigas locomotoras de vapor, a coñecida "Sarita", fabricada en 1880, e a Sestao, só quince anos máis nova, alén diso de contar un vagón de carga, un carro apagalumes e o coche Ford T empregado pola compañía nos seus comezos.

Novo Carril
No final desta primeira liña, na estación de Carril (actual concello de Vilagarcía), están a ultimarse a obras de acondicionamento para pór en marcha un novo museo do ferrocarril. Segundo explica Ana Santorum, unha das responsables de cultura do concello, "en principio é un museo pequeno, non temos previsto que se poidan expor grandes maquinarias, haberá unha colección de documentos e de elementos relacionados co temas ferroviarios". A orientación do centro será explicar o desenvolvemento de Vilagarcía a partir da chegada do tren a Galicia. Maquetas, pantallas, unha biblioteca e material ferroviario serán os principais contidos do centro, que ese está a desenvolver coa colaboración de Arousa Tren, a asociación local de amigos do ferrocarril.

Centro de asociacións
A paixón polo mundo do ferrocarril levou a que existan en Galicia un bo número de asociacións de afeccionados a este campo. O web da Federación Española de Asociacións de Amigos do Ferrocarril ten rexistradas na súa páxina a existencia de oito colectivos deste tipo, seis dos cales fan parte desta federación. Vigo, Compostela, Ourense, Vilagarcía, Monforte, Ferrol e A Coruña (que conta con dous) son as cidades nas que os amigos do ferrocarril están organizados e desenvolven as súas actividades. Alén diso, Compostela ten a honra de acoller na actualidade a sede das federacións galega e española no Coche de Viaxeiros MZA "Verderón" que está permanentemente aparcado diante da estación desta cidade. A asociación compostelá, nacida en 1986, conta tamén con outra sede instalada outra nunha nave da Estación de Rivadulla, a dezaseis quilómetros da capital, cedida por RENFE.

A fascinación
Juan Gayoso, da Asociación Viguesa de Amigos do Ferrocarril e Tranvías, explícanos a fascinación que produce este medio. "En si é un medio de vida e de traballo no que o contacto entre traballadores e usuarios é máis familiar, é o tempo que un viaxa establece tamén algún tipo de comunicación. O tren sempre evoca un halo de relación social, hai que se levantar e se mover polo vehículo, máis antes do que agora. Alén diso, cando había máis paradas e máis longas podíase baixar a estación e había mesmo xente que facían pequenos mercados con produtos da zona".

Actividades
En xeral, as actividades destes colectivos van desde o compartir afección polas maquetas ferroviarias ata a restauración de material real e o coleccionismo de diferentes elementos relacionados con este mundo. De cara a difundir esta afección, realizan periodicamente mostras e obradoiros de maquetas e son varias as que dispoñen das súas propias publicacións. Unha das actividades máis habituais é a organización de viaxes que levan a este amantes do tren a visitar estacións destacadas ou outros museos deste mundo. O interese dos amigos do ferrocarril chega habitualmente para alén dos ferrocarrís antigos e amplíase á totalidade do mundo ferroviario. Isto a miúdo leva aos membros a estar pendentes das novas instalacións de vías férreas e das novas maquinarias que van chegando ao país. Desde a asociación viguesa chegaron mesmo a restaurar un vagón de mercadorías que quedará na estación de Redondela. "O problema para este tipo de iniciativas é encontrar localización para os vagóns restaurados. "RENFE nos últimos anos ve reutilizando boa parte do terreo que posúe para recualificacións urbanísticas e é difícil conseguir unha zona de vía para pór material restaurado", explica Gayoso. De calquera xeito, tanto desde esta como desde outras asociacións, non cesa o empeño por implicar as autoridades en novos proxectos que recuperen a memoria do tren e transformen estes restos industriais e testemuños vivos da cultura e da historia. Deste xeito, en Vilagarcía traballan na instalación dun circuíto de vapor en miniatura nun parque da cidade e en Vigo queren que algún dos tractores que se empregaban ata hai pouco no porto para manobrar cos vagóns de carga se poida expor na cidade.

Outros empregos para as vías
Para alén das iniciativas vencelladas directamente ao ferrocarril, existe toda unha variedade de propostas que aproveitan estas antigas instalacións para novos empregos. É habitual a instalación de cafetarías e de centros socioculturais en estacións abandonadas. A estas propostas súmase o que realizaba recentemente a Deputación de Ourense, que propón transformar seis destes espazos en museos e centros turísticos. A Mezquita, Campobecerros, Vilar de Barrio, Arrabaldo e Os Peares e Molgas acollerán entre outros un museo dedicado a Moncho Borrajo, un museo do traxe e do coche histórico ou as actividades dun centro ecuestre entre outras iniciativas. Nos últimos tempos empezan a coñecerse tamén propostas que reclaman o emprego alternativo de vías abandonadas para emprego turístico, unha iniciativa que xa leva anos a funcionar polo resto do Estado. É o caso de varios concellos da zona de Santiago que queren crear a primeira Vía Verde de Galicia, unha proposta de turismo ecolóxico que depende en boa medida da colaboración de RENFE para acabar de desenvolverse. O tren continúa o seu camiño na vía da cultura.