Os restos de aparellos electrónicos son un problema crecente e sen solucións prácticas en Galicia

Lixo de alta tecnoloxía

Estragouse o computador. Desde a tenda xa nos indicaron que non ten remedio e xa procedemos a mercar un novo para poder continuar co traballo. Temos agora un voluminoso aparello na casa que nos é completamente inútil. ¿Que facemos con el? A pesar de que a lexislación establece un tratamento específico para este tipo de residuos, as opcións que temos en Galicia para eles non son moi variadas, xa que na práctica carecemos de xestores para estes restos.

Os denominados Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE) supoñen un 4% do total de residuos que se xeran cada ano en Europa. Aplicando esta porcentaxe á produción galega de lixo, teríamos unha cifra achegada ás 40.168 toneladas anuais, partindo dos datos de 2003. Debemos ter en conta que o noso índice de consumo deste tipo de aparellos é inferior ao dos países máis desenvolvidos do noso contorno, polo que posiblemente a cifra sexa inferior. Seguindo os datos a Oficinal Ambiental Europea, un colectivo de organizacións ambientalistas a escala comunitaria, en 2002 o noventa por cento dos residuos eléctricos e electrónicos da UE ía directamente aos vertedoiros. Estes restos conteñen ata un total de corenta compoñentes nocivos para o medio, entre eles metais coma o chumbo, o mercurio ou o cromo, alén dunha alta cantidade de compoñentes con posibilidades de reciclaxe coma plásticos ou cristal.

A lei
A directiva que publicou en 2002 a UE referida aos RAEE responsabiliza o fabricante deste tipo de aparellos á hora de facilitar a súa eliminación. Para isto prevé unha serie de modificacións no proceso de elaboración que permitan un reciclado máis sinxelo. Alén diso, o texto apunta que as empresas deben establecer fórmulas para recoller o material dos clientes o que a medio prazo pode repercutir no prezo final dos equipos. Celestino Quintela, coordinador de residuos da Federación Ecoloxista Galega (FEG), sinala que en xeral os colectivos ecoloxistas apoian esta proposta "está bastante ben, habería que concretar máis medidas para mellorar a fabricación e que fosen máis fáciles de reciclar ou que se puidesen reutilizar mellor os produtos". De calquera xeito apunta que "Os obxectivos desta directiva son a dez anos vista e teñen que trasporse aínda á normativa estatal para ser de obrigado cumprimento, mais estas medidas xa deberían tomarse en conta". Ademais, apunta que elementos coma as pantallas réxense por unha directiva diferente que se encarga de produtos perigosos, xa que os materiais empregados para estes elementos son altamente tóxicos. De calquera xeito, o Plan de Residuos da Xunta contempla a recollida selectiva deste tipo de material ao igual que outros de residuos que non deben ir directamente ao contedor de lixo.

Experimentos
Previndo a aplicación desta directiva, a Asociación Multisectorial de Empresas Españolas de Electrónica e Comunicacións crearon xa no ano 2002 a Ecofimática, "Fundación para a xestión medioambiental de equipos informáticos", que xestiona un Sistema Integrado de Xestión deste tipo de material, que executou precisamente na Coruña unha experiencia piloto neste sentido, centrada particularmente nos residuos de material de reprografía (impresoras, faxes e fotocopiadoras). Este proceso recuperou setenta e dúas toneladas destes materiais, sen que a fundación informase de novas iniciativas neste sentido desenvolvidas en Galicia.

A teoría do punto
Segundo prevén as directivas europeas e a lexislación galega sobre residuos, este tipo de materiais deben depositarse nun punto limpo para o seu posterior tratamento. Un punto limpo é un lugar onde se centraliza a recollida separada dos distintos tipos de residuos que non deben ir un contedor. Neste lugar os residuos deberían estar depositados axeitadamente ata que se envíen ás empresas xestoras", explica o encargado de residuos da FEG. Na actualidade existen en Galicia trinta e sete instalacións deste tipo, construídos maioritariamente pola Xunta e xestionados polos diversos concellos. "A implantación dos puntos limpos é bastante limitada a nivel galego", explica Quintela. Cidades como Vigo, Pontevedra e Compostela, carecen deste tipo de instalacións. Con ou sen punto limpo, é habitual que nas grandes cidades exista un servizo municipal de recollida de residuos voluminosos, que en moitos casos son trasladados directamente a un vertedoiro onde se acumulan mobles e electrodomésticos. "Legalmente estes aparellos deberían ir por separado e recollerse dun xeito que non liberen os produtos tóxicos que conteñan", apunta Quintela.

Permiso, mais non traballo
Aínda que son varias as empresas que teñen permiso para tratar RAEE en Galicia, non foi posible localizar ningunha que na actualidade desenvolva este traballo. Si existen abondosas empresas especializadas na xestión de restos de impresión, tóner, cartuchos de impresora e outros elementos semellantes. "Practicamente non hai ningún sistema de tratamento en Galicia", sinala o coordinador de residuos da FEG, "hai empresas que recollen estes materiais para vender de segunda man, un comercio que hai que fomentar porque é mellor reutilizar antes que reciclar". Entre as empresas autorizadas para recuperar material electrónico de computadores, a Asociación Reto á Esperanza aparece como principal xestor homologado pola Xunta tanto para a recolla e transporte deste material como para a valorización do mesmo. No entanto, desde o centro que esta asociación ten en Vigo infórmannos de que, polo de agora, non realizan esta tarefa, alegando que exixe unha manipulación moi delicada. Esta situación repítese por todo país, provocando casos coma o de Carballo, Muxía ou Cerceda, onde "La Voz de Galicia" denunciaba recentemente a acumulación de lixo en puntos limpos pola inexistencia de xestores. Existen, iso si, diferentes empresas homologadas pola Xunta para realizar a recollida e o transporte destes materiais, como é o caso de Reromas, de Lalín, que segundo explican, reenvían despois estes residuos a empresas, como SOGARISA. Esta entidade está especializada na xestión de residuos industriais, pero no seu web non contempla o tratamento de RAEE.

Mentres
Na actualidade, entre as saídas que se lles dá aos computadores que non acaban directamente no vertedoiro está a posibilidade de os doar a colectivos que os reparan e os empregan para funcións que non reclaman grandes prestacións. É o caso por exemplo do colectivo "A Casa Encantada" de Santiago de Compostela que recolleu computadores vellos e montou con eles un aula de informática na que se impartían cursos de iniciación a Internet, unha actividade que tamén puxo en marcha o colectivo Unión Libertaria de Ferrol. Dun xeito semellante, diferente organizacións recollen este tipo de equipamentos para os enviar a países en vías de desenvolvemento para paliar dalgún xeito os efectos da "fenda dixital". Desde a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento apuntan que non existen campañas semellantes desde organizacións deste tipo en Galicia. Finalmente aínda existe a posibilidade, moi estendida entre servizos de reparación, de desmontar o aparello e reutilizar boa parte dos seus compoñentes como pezas de recambio. Esta opción cobra especial importancia no caso de elementos como a memoria RAM que sufriu abondosas mudanzas de formato, o que fai que hoxe en día, un ordenador de hai catro anos só poida ampliar ou substituír a súa RAM tirándoa doutro computador da mesma época.

A opción universitaria
As universidades galegas inclúen entre os seus servizos de xestión de residuos a recollida deste tipo de aparellos. Desde a Universidade de Santiago José Ramón Baamonde, técnico desta área na Universidade de Santiago, explícanos "recollemos ordenadores en todos os centros e levámosllos aos nosos servizos informáticos para que os miren. O que sirve para arranxar outros computadores, como fontes de alimentación ou disqueteiras, aprovéitase. No caso de equipos que quedaron obsoletos, dóanse a ONGs ou colectivos que os envían ao terceiro mundo". A pesar deste traballo quedan elementos irrecuperables, que recolle e xestiona a empresa vasca EKONOR, a mesma que se encarga deste tipo de residuos na Universidade da Coruña.

Final e futuro
Debemos ter en conta que o problema dos residuos tecnolóxicos non queda só nos computadores. Televisións, baterías ou teléfonos móbiles son outros aparellos que
De cara ao futuro próximo, a Xunta ten previsto abrir no primeiro trimestre deste ano unha Planta de Residuos Voluminosos en Cerceda na que, alén de todo tipo de electrodomésticos, está prevista a apertura dunha área reservada á clasificación e tratamento de aparellos electrónicos e eléctricos. Desde a Asociación Reto están a traballar para realizar no futuro este tipo de traballos, e continúan os proxectos de diferentes puntos limpos. Desde a FEG sinalan que as posibilidades legais están aínda abertas, "o plan de residuos para o período 2004-2010, no que está a traballar a Xunta, non lle presta polo momento moita atención a este tipo de restos, está tamén pendente de elaboración o plan para residuos tóxicos, no que poida que aparezan recollidos estes aparellos". É de agardar que os nosos ordenadores encontren en breve tempo o seu camiño para cando deixan as nosas mesas.