A Fundación Barrié acolle unha mostra na que se reconstrúen obras arquitectónicas que non chegaron a existir

Edificios que non son

Hai edificios que non existen. Construcións que non pasaron do papel ou que desapareceron logo de chegar a facerse realidade. A Fundación Barrié achéganos á Coruña a mostra Arquitecturas Ausentes do Século XX, unha exposición na que se poden contemplar, na forma de planos e de maquetas, algúns dos máis destacados proxectos deste tipo que asinaron os máis destacados arquitectos internacionais.

En 1997 púñase en marcha o proxecto de recuperar para o grande público unha selección das construcións arquitectónicas máis destacadas que non chegaron a se realizar ou que estiveron en pé pouco tempo, ben por unha demolición forzada ou ben por teren sido construcións temporais. O traballo desenvolvido polo taller de Juan de Dios Hernández e Jesús Rey permitiu a reconstrución en maqueta destes edificios. Un comité de membros destacados da arquitectura española, entre eles Rafael Moneo, Juan Navarro ou Miguel Fisac, encargouse da selección dos proxectos máis destacados neste sentido. O Ministerio de Vivenda encargouse de coordinar a mostra. Finalmente, vinte e un proxectos de autores da talla de Albar Aalto Le corbusier, Míes van der Rohe ou Frank Lloyd Wright entre outros reproducíronse en maquetas e noutras reconstrucións plásticas que permiten ao público recrearse en formas que poderían ter sido mais que non foron ou xa non son.

Os edificios chegan á Coruña
Logo de pasar por diferentes institucións, a mostra chega o vindeiro dez de febreiro á Fundación Barrié da Coruña, onde se poderán ver os modelos a escala e coñecer a historia de tan singulares edificios. Alén de contemplar directamente as maquetas destas construcións, os asistentes poderán participar nun taller didáctico que amosará desde as relacións entre a ausencia e a presenza ou os problemas da organización das cidades ata os procesos de construción dunha maqueta e da realización dun plano. Alén diso, haberá visitas guiadas para adultos no que se aproveitarán as posibilidades interactivas dos modelos escala, analizando as relacións entre a arquitectura, o espazo, os materiais e a luz.

A presenza galega
Entre todos os proxectos seleccionados para esta mostra, pode verse a reconstrución a escala dunha idea do galego Alejandro de la Sota. Trátase dun proxecto, que quedou sen acabar en 1984, de vivendas en Alcudia, Mallorca. Segundo os coñecedores da obra do galego, pode "considerarse unha obra sintética representativa da súa arquitectura". Aínda que non chegaron a se botar os cimentos para esta obra, agora o público pode coñecelo nunha maqueta que Manuel Gallego Jorreto se encargou de dirixir co patrocinio da Fundación Barrié. Por outro lado, o coruñés Ramón Vázquez Molezún, asina onda José Antonio Corrales o pavillón de España para a Exposición Universal de Bruxelas de 1958. O estilo desta construción sitúase entre a Movemento Moderno da época, a vangarda europea e o racionalismo español dos anos trinta, dando nun conxunto que foi rescatado parcialmente un ano despois da súa construción para a Casa de Campo de Madrid, onde se pode ver aínda en estado ruinoso.

No camiño
A outra non-construción das presentes nesta mostra que ten unha maior relación con Galicia é o proxecto dunha capela no Camiño de Santiago coa que Francisco Javier Sáenz de Oiza, en colaboración con Jorge Oteiza e José L. Ramany, levou o premio nacional de arquitectura de 1954. Unha construción baseada no cristal que non chegou a se ver e que revelaba na súa concepción influencias da Bauhais e da arquitectura americana marcando en certo xeito o espertar da arquitectura española ao movemento moderno, nun tempo en que o Estado vivía nun total illamento cultural. A influencia deste proxecto singular notouse, segundo os especialistas, en boa parte dos proxectos que se realizaron naqueles anos. E é que non por quedar sen facer é menos importante un proxecto.

Galeria: Arquitecturas ausentes

Galeria: Arquitecturas ausentes

Candela
Félix Candela e Emilio Pérez-Piñeiro presentaron este proxecto para cubrir o velódromo de Anoeta, en San Sebastián. Unha proposta que amosa a conxelación no tempo dun proceso de cruce entre traxectorias na forma de cúpula.

Galeria: Arquitecturas ausentes

Galeria: Arquitecturas ausentes

Coderch
Torre Valentina era un proxecto no que José Antonio Coderch tentou integrar na paisaxe da Costa Brava unha urbanización que recuperaba a construción tradicional cun deseño innovador. O creador presentou esta idea no Congreso Internacional de Arquitectura Moderna de 1959 con grande aceptación. A volta atrás da promotora impediu a realización do proxecto.

Galeria: Arquitecturas ausentes

Galeria: Arquitecturas ausentes

Corrales
Esta obra, aínda que construída, tivo unha existencia efémera. Trátase do pabillón oficial que representou España na Exposición Universal de Bruxelas de 1958, e que desmontado logo do evento, foi reconstruído parcialmente e con diferente disposición na Casa de Campo de Madrid. Esta obra considérase o cumio do Movemento Moderno no Estado.

Galeria: Arquitecturas ausentes

Galeria: Arquitecturas ausentes

Duiker
O interior dun cine especializado na proxección de de noticieiros documentais que deseñou Jan Duiker en Ámsterdam chegou a facerse realidade. Sen embargo, as sucesivas reformas do local acabaron coa concepción original realizada en 1934.

Galeria: Arquitecturas ausentes

Galeria: Arquitecturas ausentes

El Lissizky
· Wolkenbügel foi o intento de El Lissitzky de facer un rañaceos horizontal socialista en oposición ao verticalismo dos edificios capitalistas. O proxecto foi ideado entre os anos 1924 e 1925.

Galeria: Arquitecturas ausentes

Galeria: Arquitecturas ausentes

Le Corbusier
Vila Saboye, realizada por Le Corbusier e Pierre Jeanneret en Francia, está considerada unha das obras mestras da arquitectura moderna. Abandonada durante moitos anos e a piques de ser demolida, foi declarada monumento histórico en 1965. Amosa as idea de Le Corbusier sobre a independencia entre as estructura e organización interna da casa

Galeria: Arquitecturas ausentes

Galeria: Arquitecturas ausentes

Alejandro de la Sota
Unha proposta sen rematar na que o galego Alejandro de la Sota colaborou con arquitecto Sánchez Bella. Tentábase facer un complexo de vivendas en Alcudia en 1984, considérase unha representación sintética do traballo do autor galego.