A Ulla celebra cada entroido o seu tradicional combate entre correos e xenerais

Asaltar o veciño

Unha vez ao ano os veciños da comarca do Ulla vístense de militares, búrlanse das autoridades da zona, dos veciños e mesmo de si mesmos; loitan entre eles e ao final, todos quedan como amigos. Son os “Encontros dos Xenerais”, unha das múltiples formas de celebración do entroido que pasa por horas baixas.

Mentres as cidades celebran un entroido moi semellante a base de desfiles, carrozas, bailes e concursos de disfraces, as parroquias botan man da súa tradición para perpetuala ano tras ano. Isto é o que pasa na Ulla. Onde a provincia da Coruña limita coa de Pontevedra o antroido comeza dúas semanas antes de que o celebre toda Galicia. Durante tres fines de semana (hai outra representación o fin de semana posterior ao Entroido) Correos e Xenerais saen ás corredoiras da comarca do Ulla (desde Sergude en Boqueixón, Luou en Teo e Vea en A Estrada) para cantar coplas nos que satiricen os acontecementos máis destacados da actualidade. Unha festividade que pasa por horas baixas, xa que este ano, a falta de iniciativa, apoios e recursos entre os veciños de Cacheiras impediu que se celebrase a popular festa. Ademais, segundo os propios veciños cada ano os "Encontros dos Xenerais" concentran a menos visitantes.

¿Qué son?
O ritual repítese cada ano de xeito semellante. Na Ulla hai dous equipos: un invasor e outro defensor que conta con xenerais e correos, que son os encargados de iniciar a batalla. O correo do exército atacante solicita a entrada nos dominios do centinela, ao que lle resposta o correo do exército defensor.

Unha vez rematada o primeiro intercambio de aldraxes e críticas, cada correo acode ante o seu xeneral para comunicarlle a situación do atranque. Logo de que os xenerais sexan sabedores da situación comeza o enfrontamento, sempre verbal, no que se burlarán de situacións da vida cotiá, dalgún feito de actualidade. Rematado o repertorio de coplas satíricas que os veciños prepararon con anterioridade para o asalto, o enfrontamento remata con vivas a determinados persoeiros, aos veciños e mesmo ao público pola colaboración (que sempre é económica) para a festa.

Os xenerais e o seu correo van por todas as parroquias da comarca da Ulla e os seus “encontros” (tamén chamados “altos”, “saltos”, "atranques" ou “arranques”) puidéronse ver onte domingo en Santa Cristina de Vea e mañá martes na praza da Constitución na Estrada (ás 18:30 horas).

A vestimenta
Hai dúas características do Entroido do Ulla que o igualan coas celebracións do entroido máis populares de Galicia (como poden ser os cigarróns de Verín ou os peliqueiros de Laza) en primeiro lugar o carácter colectivo deste tipo de entroido no que as mascaradas nunca son individuais senón en grupo e, en segundo lugar, a vistosidade do seu disfrace.

O entroido da Ulla monta a cabalo, viste un uniforme que recorda aos traxes militares da época napoleónica e posnapoleónica e compleméntanse con sombreiros, medallas e fitas. Non se sabe moi ben de onde procede este entroido, segundo figuran en diferentes estudos feitos sobre as orixes desta festividade, hai quen opina que é unha reminiscencia da loita contra os franceses, mentres que outros apuntan cara as loitas carlistas. No que si coinciden ambas versións e en que esta manifestación ten a súa base na parroquia.

Un entroido con parroquia
Máis próximo a unha explicación antropolóxica e lonxe xa das teorías sobre a orixe desta manifestación, a súa pervivencia no paso do tempo pode deberse, segundo figura no sitio web no que se explica o entroido do Ulla "á necesidade de autoafirmación dunhas parroquias fronte a outras, necesidade xurdida pola concepción tradicional do ente parroquial, como un núcleo illado e que dota dun fortísimo arraigo aos parroquianos que nel habitan”. Un feito no que coinciden diferentes estudos sobre a zona e que destacan o enfrontamento como unha redudancia da parroquia como unidade de convivencia.

Por último, outros antropólogos que teñen estudiado os "Encontros dos Xenerais" consideran estas formas como pequenas mostras de teatro popular.