A Associaçom Galega da Língua creará unha academia paralela

Outra Académia da Língua

A Associaçom Galega da Língua (AGAL), principal asociación reintegracionista do país transformará a súa Comisión Lingüística nunha Académia da Língua Galega paralela á oficial e que pretende representar a Galicia nos foros internacionais sobre a lusofonía. Por outra banda, o director xeral de Política Lingüística, González Moreiras, entrevistarase hoxe con dous representantes das organizacións que veñen convocando a campaña "O galego no ensino, materia pendente" e as Consellerías de Eduación e de Xustiza asinaron dous convenios de colaboración para afianzar a normalización lingüística na Administración de Xustiza e Local da comunidade autónoma.


AGAL



O recente cambio de directiva que levou á presidencia da Associaçom Galega da Língua a Bernardo Penabade pretende realizar unha reactivación da asociación. Para isto preténdese potenciar a revista Agália dotándoa dun equipo propio que convirta a publicación "nunha sólida publicación filolóxica de prestixio internacional", segundo sinala Penabade. Ademais, para este mesmo mes está prevista a realización dunha asemblea extraordinaria para ampliar o consello de dirección da entidade para permitir a entrada de persoeiros do movemento reintegracionista que nos últimos anos ficaran fóra da directiva. Un dos cambios máis salientables é o proxecto de transformar a Comisión Lingüística da asociación nunha Académia da Língua Galega paralela que represente publicamente os principios do reintegracionismo e sexa o interlocutor galego co mundo da lusofonía. Para outubro, e coincidindo cos vinte anos da entidade, realizrase unha exposición que rsume as actividades das dúas últimas décadas e amose os novos vieiros que se acometerán. Na mesma liña de apertura ó público potenciarase a web da AGAL para facilitar o coñecemento da normativa reintegracionista.














Sobre o ensino



Os representantes da Mesa pola Normalización Lingüística, o BNG a CIG, CCOO, Esquerda de Galicia e a Plataforma polo Ensino en Galego, que están a convocar a campaña "O galego no ensino, materia pendente" reúnense hoxe co director xeral de Política Lingüística. A xuntanza é interpretada polos responsables da campaña coma a posibilidade de que se produza "un cambio real de actitude por parte da Administración". A campaña, que se iniciou cunha manifestación masiva o Días das Letras, denunciaba a situación do emprego do idioma no sistema educativo. A plataforma reclama que se tomen medidas concretas con respecto a esta situación.












Galego con xustiza


O Conselleiro de Educación, Celso Currás, e o de xustiza, Antonio Pillado, asinaron onte dous convenios de colaboración para promover a normalización lingüística na Administración de Xustiza e e na Local. Neste sentido vense de editar o material da campña "No noso concello, na nosa lingua". Celso Currás afirmou que a normalización debe facerse "sempre desde a vía do convencemento e non pola da imposición". Tamén sinalou que á Consellería "non lle preocupan" os informes sobre o emprego da lingua no ensino, xa que existen outros que "avalan os impresionantes avances" no emprego do noso idioma nas escolas. O convenio asinado onte destina unha partida de cincuenta e nove millóns ó financiamento dos gabinetes de asesoramento lingüístico das deputacións e outra de sesenta e catro para a organización de cursos.