O Casino de Compostela reactivarase coa instalación dunha cafetería

O renacer de vellos espacios

O Casino de Compostela poderá continuar a súa actividade gracias ó acordo que permitirá a instalación dunha cafetería no recinto. Esta entidade, fundada en 1854, corría nos últimos anos un serio perigo de desaparecer pola forte débeda acumulada e a falta de socios. Outro antigo espacio que volta á actualidade é a muralla de Pontevedra, da que se ven de atopar un novo tramo cando se realizaban obras.

Novo vello casino




Despois dunha fonda crise financeira que ameazaba con rematar cunha actividade centenario, o Casino de Santiago vén de asinar un acordo que garante a súa existencia ata o 2017 coma mínimo.
O convenio asinado o martes cunha empresa de hostelería permitirá que e instale unha cafetería no baixo do histórico edificio da rúa do Vilar. Este local contará cunha terraza na propia rúa con mesas e cadeiras de vimbio, reproducindo as que se empregaban a comezos do século XX. Ademais, instalarase unha barra no fondo do Salón Nobre do centro. O café será finalmente público, rachando así a tradición do Casino que reservaba estas instalacións para os socios.

A cambio do permiso para instalar o negocio, a empresa hosteleira fíxose cargo de boa parte das débeda do Casino, que ameazaba con provocar a bancarrota da entidade. Ademais, pagará parte do alugeiro da histórica sede, que ascende a 2.404 euros mensuais.

Gracias a este acordo, as finanzas da institución quedan saneadas e xa comezaron as obras de rehabilitación que permitirán instalar un salón de tertulias, unha sala de lecturas e outro de xogos só para os socios. Precisamente ampliar o número de membros, que actualmente roldan os cen, é a aspiración da directiva para garantir a supervivencia da sociedade. A apertura á sociedade do Casino pretende completarse acollendo no seu local actos culturais e servindo como elemento dinamizador do casco histórico santiagués.
A apurada situación económica do Casino estaba a pór en perigo, ademais da continuidade da institución, a conservación da súa sede, un edificio do século XIX luxosamente decorado que se vía ameazado pola humidade e o paso do tempo. As obras de rehabilitación que se veñen de pór en marcha e que se desenvolverán durante un mes garantirán a conservación dun conxunto protexido polo Concello.





Cimentos ó aire



As prospeccións realizadas diante do Concello de Pontevedra para considerar a posibilidade de construír un aparcamento subterráneo deron con restos da cimentación do antigo convento de San Domingos e varias canalizacións de saneamento antigas. Case ó mesmo tempo, nas proximidades do convento de Santa Clara atopáronse restos da muralla medieval da cidade e da Porta de Santa Clara, unha das máis importantes do medioevo pontevedrés.

Cesáreo Mosquera, concelleiro de Urbanismo, salientou a importancia destes achádegos, que non fan máis que confirmar a situación de elementos medievais da cidade. De calquera xeito, salientou que non corre perigo a realización do aparcadoiro da Praza de España e sinalou que o máis probable é que a maior parte dos restos volten a cubrirse logo de ser catalogados. Dáse a circunstancia de que os restos da porta e da muralla apareceron onda canalizacións de electricidade e de fibra óptica realizadas recentemente.

En canto ós cimentos do convento gótico de Santo Domingo, Mosquera sinalou que se estudiará o xeito de conservalos e integralos coas ruinas que se conservan deste edificio.