Ourense acolle un museo en miniatura e o CGAC levará a arte ós núcleos rurais

En ruta polo mundo pequeniño

Existen centros museísticos para todos os gustos. Desde a súa localización ata o seu obxecto, desde o seu horario ata o seu financiamento. Museos para todos os gustos. En Ourense, no mes de abril abreu as súas portas un máis para a catalogación e que resulta moi particular. E o único museo das súas características e que se especializa nas miniaturas. Un centro adicado ás bonecas e ás súas casas, pero de dimensión reducida. E se falamos de centros, imos falar doutros, dos que forman parte da sés de Desenvolvemento Comarcal que repiten a experiencia iniciada no ano pasado para poder achegar a arte ós núcleos rurais. É un acordo que chega da man do Centro Galego de Arte Contemporánea (CCAC)

Miniaturas en Ourense




Desde hai un tempo a ourensá María del Carmen Hernández adicouse a recompilar bonecas e casas en miniaturas. O que comezou sendo unha actividade de lecer acabouse por converter, no mes de abril, en todo un oficio. Trátase do "Museo de Miniaturas" que recolle unha completa mostra de exemplares de reducidas dimensións de gran variedade de materiais e procedencias.


Por adquisición e cesión María del Carmen Hernández conseguiu xuntar un total de 560 bonecas de diferente estilos e materiais, entre os que destaca a porcelana, a goma, o barro, a pasta, o caucho, e o cartón pedra que foron fabricadas desde os anos corenta ata a actualidade.

A directora do museo, e propietaria desta colección, non se encarga só de ir atesourando este tipo de obxectos que senón que, ademais, se encarga de ir creando novas mostras. Reconstrúe en miniatura e de xeito completamente artesanal e exclusiva casas que a propia creadora puido ver ou que imaxinou.
O "Museo das Miniaturas" está no número 3 da rúa Doutor Cabaleiro en Ourense, e o seu horario é de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00; e os domingos a partires do mediodía.












As rutas artísticas




O ano pasado o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Sociedade Comarcal asinaron un acordo para que as grandes exposicións e algunhas das principais actividades culturais que organizaba o centro compostelán puidesen verse noutros puntos de toda Galicia. Unha iniciativa que foi ben acollida polo público que puido ver obras de arte e iniciativas culturais dentro da súa propia localidade. O éxito da iniciativa levou a que os principais asinantes do acordo repetisen a iniciativa. Foi por ese motivo, polo que o Conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela e o Conselleiro Delegado da S A para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia decidisen que se repetira a experiencia. Un acordo polo que ambas as dúas entidades volverán a colaborar para poder achegar exposición e mostras que normalmente quedan circunscritas ós ámbitos expositivos das grandes cidades.