O Museo do Humor de Fene mantense desde hai vinte anos coma unha presenza constante e única no panorama cultural do país

A constancia da risa

Fene acolle un centro de cultura singular. O Museo do Humor singulariza esta vila e permite a todo o país coñecer de primeira man os nomes máis coñecidos deste xénero ao tempo que se converteu nun centro de referencia para o país. Desde hai vinte anos, un nome está indisolublemente asociado a este espazo, o humorista gráfico Xaquín Marín.

O humor como un ben cultural galego que corre perigo desaparición. Esta idea é a que está detrás da creación do Museo do Humor. "Todo comezou en conversas entre amigos", explica Xaquín Marín, fundador e director deste singular centro. "O museo naceu en conversas que tiñamos xente do humor e achegados sobre os problemas que tiña o humor galego. Pensamos que se estaba a perder e que había que promover unha entidade que conservara isto". Para este veterano humorista, as causas da modificación dese peculiar xeito de ver a vida dos galegos hai que buscalas "no cambio de vida, no bombardeo dos medios e na deslocalización da xente do campo, que é onde se conserva esa peculiaridade". Deste xeito, e grazas á colaboración dun concelleiro de Fene, conseguiuse o apoio desta localidade para pór en marcha a iniciativa.

O comezo da risa
"O primeiro que se fixo foi convocar os humoristas do país. Fíxose unha especie de asemblea e chegamos á idea de que o ideal era ter un local aberto cunha exposición permanente", sinala Xaquín Marín, "e desde alí realizar exposicións temporais, descubrir novos valores, darlles pulo aos humoristas tradicionais e estudar as posibilidades de futuro do xénero". Configurado deste xeito, en novembro de 1984 abría as súas portas o Museo do Humor de Fene, amosando unha selección de traballos que os humoristas galegos do momento cederon desinteresadamente. Pouco tempo despois a colección engrosábase coa cesión dos traballos do certame estatal "Paleta Agromán", que se celebraba en Madrid e que ten grande importancia a nivel estatal.

Actividades con graza
Canda ao museo púñanse en marcha as Xornadas do Humor, un encontro anual que acolle conferencias sobre diferentes aspectos desta arte onda a actuacións e a entrega dos xa coñecidos premios Curuxa do Humor, que chegan este ano á súa décimo sétima edición. "A curuxa tiña varias vertentes, mais agora quedaron só na de honra, a de medios de comunicación e a de barro", explica Marín. Esta última curuxa está dedicada a quen amose no ano un peor sentido do humor e continúa a se outorgar cada ano. En 1994 iniciábase unha nova proposta desde o Museo, A revista de humor "Sapoconcho". Esta publicación trimestral tiraría dezanove números e varios extras antes da súa desaparición. "A revista facíase con debuxos dos fondos do propio museo ou colaboracións que humoristas facían ex profeso e de balde".

Exposicións para rir
Alén das mostras que recollían os traballos deste certame, que conta con sona internacional e para o que se reciben traballos desde lugares tan distantes como Venezuela ou Croacia, no centro puidéronse ver obras do búlgaro Ilya Betzko, dos españois Manuel Vázquez, de Madrigal e de clásicos de todo o mundo. En canto a clásicos galegos do xénero, Xaquín Marín recoñece a ausencia de orixinais dalgúns dos nosos grandes humoristas. "Temos material de Torres, de Atomé, de Forxan e dalgúns caricaturistas destacados pero que non son especialmente coñecidos para o público xeral". O groso dos fondos está composto por humoristas contemporáneos que doaron a súa obra. Xaquín Marín, Siro, Chumy Chúmez, Máximo, René de la Nuez, Mort Walker ou Fontanarrosa son só algúns dos que contan con representación neste centro. En total, arredor de cincuenta neste vinte anos de actividade. Na actualidade está en marcha unha mostra do debuxante Jesús Zulet dedicada á guerra de Irak, e pasará, por cesión do artista, a formar parte dos fondos do museo.

Exportar sorrisos
Alén de achegar os grandes do humor ao noso país, o museo tamén é responsable de grande parte da presenza galega en foros internacionais con esta temática. Deste xeito, en 1995 montou a mostra "From Galiza with humor" en colaboración coa Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, que se puido ver no I Congreso Internacional do Humor Hispánico celebrado en Philadelphia. "Tamén enviamos fóra "Humor Cru", sobre o Prestige, e varias das anteriores a Lepe e Madrid. Alén diso, habitualmente mandamos exposicións por toda Galicia".

Fondos simpáticos
Como se pode comprobar, o contido do museo é fundamentalmente humor gráfico, aínda que nos seus máis de tres mil fondos, ten tamén lugar a fotografía. "É o máis museable", explica o director. No entanto, entre os proxectos está ampliar a gama cara a outras posibilidades. "Gustaríame poder inaugurar unha sección dedicada a obxectos de humor, coma a luva da mao dereita de Cervantes. O que pasa é que adquirir moitos deses obxectos sería complicado. Tamén estaría ben dispor de máis figuras de personaxes de humor", sinala Xaquín Marín. No entanto, as posibilidades de concretar estas ideas non son moitas.

Recursos de risa
Desde o seu nacemento, o Museo do Humor de Fene finánciase exclusivamente a través das achegas que fai este concello. "O concello gasta arredor de 12.000 euros ao ano, quitados gastos de manutención e de local", explica Xaquín Marín. "O único persoal que ten o centro son eu mesmo, aínda que penso que debería haber máis xente". Os problemas de cartos son os responsables, segundo o director do centro, de que non sexan máis as actividades organizadas e que non se manteñan algunhas das que se iniciaron. "O certame fallou algún ano por problemas de cartos, patrocinouse unha especie de club da comedia galego, pero o orzamento é o principal problema do centro". A dificultade manter un museo coma este, que continúa a ser único, maniféstase no elevado número de iniciativas semellantes que fracasaron en España. "No Estado houbo moitos intentos, en Lepe, en Cuenca, en Valencia... o último é o da Universidade de Alcalá, que xa tivo local unha vez e agora está a buscar outro", explica o director. A pesar das dificultades, nestas dúas década o museo sufriu varias obras de ampliación, que permitiron dispor dunha maior área dedicada ás mostras.

Futuro risoño
A pesar de vinte anos de carreira son abondos para considerar que un proxecto está consolidado, o futuro do museo está aberto. "A miña intención é retirarme", asegura Xaquín Marín, que se manifesta canso do traballo que lle supón manter este centro e non ve cumpridas todas as expectativas coas que o puxo a andar. "Eu pensaba que fose a Meca da xente do humor", explica, "agardaba que fose moito máis, pero é difícil cos medios que temos, e ao mellor tampouco son eu a persoa máis indicada para levar isto e cumpría potencialo doutro xeito". O veterano debuxante mantén de calquera xeito ilusións de cara ao futuro. "A miña grande ilusión sería facer un grande congreso do humor, pero levo moitos anos tentándoo sen éxito".