Unha presentación oficial anuncia a posta en marcha o Plan Xeral de Normalización Lingüística

Plan para xa

É o momento. Logo de máis de dous anos de xestación, o anceiado Plan Xeral de Normalización Lingüística está en marcha oficialmente desde o pasado sábado. Catrocentas corenta e cinco medidas para aplicar nos máis diversos ámbitos que queren ser a chave para o futuro da nosa lingua. Algunhas das persoas que colaboraron na súa realización adiántanos as que ao seu ver son medidas claves en diferentes sectores de actuación.

A que se considera "a iniciativa máis importante e agardada no ámbito da normalización", en palabras do filólogo Henrique Monteagudo, xa é unha realidade. O pasado venres no marco dos VIII Encontros para a Normalización adiantábase boa parte das catrocentas corenta e cinco medidas coas que se quere impulsar definitivamente o galego na nosa sociedade. O sábado foi a posta de largo, nun acto oficial que contou, alén de cos representantes oficiais, coa presenza das setenta persoas que, desde distintos ámbitos, participaron na elaboración do proxecto. Ademais de servir como presentación oficial, a xuntanza foi tamén de traballo, xa que o sábado tamén se reuniron as diferentes comisións sectoriais do plan para analizar aplicación do texto.

Aplicación
Faltan aínda dous meses para que estes grupos de traballo lle acheguen á Dirección Xeral as primeiras propostas concretas de actuación en cada un dos eidos, cun programa para este mesmo ano. O Director Xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras, apuntaba nos encontros que "este ano comezaremos aplicando as medidas de máis aceptación e non as que poidan suscitar conflitos ou maior rexeitamento". Ademais, recoñecía que os medios cos que contará o plan serán fundamentalmente aqueles cos que conta a propia Dirección Xeral, pero advertiu que xa nos últimos anos está a medrar o orzamento desta sección e que "o problema non van ser os recursos económicos". A sección que dirixe comprometeuse a elaborar unha memoria anual sobre a marcha do plan, sen dar prazos sobre a súa aplicación íntegra.


Administración
Os VIII Encontros para a Normalización serviron de marco para que algúns dos participantes na elaboración do plan presentasen as propostas máis destacadas de ámbitos coma a Administración, o ensino ou a Sociedade. Deste xeito, Xaquín Monteagudo, que coordinou a comisión dedicada á Administración, apuntou neste encontro que "rexeitamos ai dea do mercado das linguas e pensamos que a Administración debe ser parte esencial do proceso de normalización, e que esa é precisamente a percepción da xente". Neste sentido apunta a necesidade de introducir o noso idioma na Administración do Estado, chegando mesmo ao campo das relacións con Europa, e recoñeceu que se están a desenvolver iniciativas neste sentido. Tamén destaca a necesidade de mudar o papel do funcionariado neste campo e incrementar a presenza da lingua na formación destes traballadores. Por outro lado, Monteagudo salienta a necesidade de conseguir que o corpus documental e os programas informáticos da administración estean no noso idioma. Como outras necesidades, desde a comisión apuntase a falta de coordinación entre as accións a prol da lingua que se desenvolven nos concellos, "teñen unha importancia histórica neste campo, mais é unha tarefa dispersa". Entre outros desafíos inmediatos, está a galeguización da Administración Periférica do Estado "As forzas de orde pública, a seguridade social, Facenda, están inmersos legalmente no castelán, e aplicar medidas de galeguización neste ámbito é problemático. A mesma reflexión vale para a xustiza, onde o problema está máis acentuado". No entanto, Monteagudo é optimista sobre o futuro neste sector, "nas últimas promocións de xuíces a maioría é galegofalante e está preocupada por esta cuestión, mudou o ambiente de xeito xeral. Percíbese tamén unha mudanza na avogacía nova". Onde xa ve mais problemas é no campo das notarías. "Os notarios son funcionarios públicos pero están retribuídos por particulares, o que leva a unha mentalidade na que, se o mercado non o pide, nós non o damos", asevera. No marco do Plan, a comisión avoga porque a administración adopte un papel activo de cara a que aquelas empresas coas que traballa empreguen o galego.

Sociedade
Xaime Subiela foi o encargado de presentar o traballo da comisión dedicada á sociedade, que engloba entre outros campos o turismo, o deporte e o asociacionismo.
Subiela destaca especialmente, e ademais das medidas, a estratexia pola que se quere activar o Plan nestes campos, e que se perfilou máis polo miúdo na xuntanza de traballo que os redactores do texto tiveron o sábado. "A idea é que os actores sociais son centrais para o proceso de normalización, que non require só leis, normas e actuación pública, senón que os propios elementos que vertebran a sociedade deben implicarse no proceso", sinala, "que vexan que isto non é unha actuación da sociedade sobre eles, senón que sae de si mesmos". En canto ás medidas a aplicar, no ámbito do deporte salienta o esforzo pola galeguización das escolas deportivas e o apoio ao emprego do galego por parte dos deportistas de elite, "é dicir, actuar nos ámbitos de socialización do deporte e de relevancia social deste campo", indica Subiela. En canto ao turismo, boa parte dos esforzos do plan irán encamiñados a "pór en valor a dimensión lingüística coma un patrimonio a valorar polos visitantes". Por outro lado, as medidas referidas ao asociacionismo van desde a posta a disposición dos colectivos de formularios e ferramentas informáticas no noso idioma para favorecer unha galeguización real, até convenios con federacións para favorecer o emprego do noso idioma. A comisión apoia tamén unha modificación nos criterios de concesión de axudas ao emprego do noso idioma no sector, chamando a un seguimento que garanta a aplicación efectiva destes subsidios e "unha galeguización crecente e continuada das entidades receptoras". Entre outras cuestións, e relacionado co ámbito da mocidade, a comisión fai fincapé na importancia do ocio como espazo de normalización, e neste sentido propón medidas de sensibilización na lingua para que os monitores de tempo libre e outros profesionais do ocio actúen como axentes normalizadores.

Educación, familia e mocidade
No campo da educación, familia e mocidade, Bieito Silva presentaba brevemente os principais puntos do traballo do seu grupo, no que destacou a heterexoneidade da composición e a amplitude dos campos a tratar. "A educación, de xeito inevitable, converteuse no centro da discusión, desde a infantil á de adultos, pasando pola Universitaria", explica. A importancia da educación infantil para asentar a lingua e a imbricación deste nivel coa transmisión no seo da familia foi un dos aspectos que centraron o traballo da comisión. Deste xeito saíu a proposta de que "no caso de ambientes galegófonos sexa o galego o idioma no que se recibe aos nenos e no caso de zonas con predominio do castelán, que como mínimo un trinta por cento do que se faga sexa en galego", o que supón un forte incremento da presenza do galego no ensino. Como grande novidade neste campo, no plan propónselle á Xunta a creación de centros de ensino totalmente galeguizados. " Propomos que se habiliten programas que terían que ser voluntarios para castelán falantes, non empregamos a palabra inmersión mais é do que se trata. Serían programas experimentais que se desenvolverían en núcleos urbanos onde puidese haber certa demanda neste sentido". Xa fóra do ensino, e segundo recolle o plan, quérese "habilitar dentro da cultura xuvenil espazos para o uso do galego a través da oferta de produtos de demanda masiva no campo da cultura e do ocio". Segundo explica Silva, "a idea é crear espazos de emprego de galego para a mocidade, xa que moitas veces o problema non é querer ou non querer darlle uso, senón que non existen instrumentos para empregalo. Ligado a isto incídese tanto na transmisión familiar como en traballar sobre o caracter identitario da lingua para que tamén haxa unha identificación progresiva coa lingua e unha demanda cara a mesma".

Apoios
Os grupos políticos da oposición, que apoiaron no Parlamento a aprobación do Plan Xeral, puntualizaron tamén nos Encontros para Normalización a súa postura ao respecto. Deste xeito, Eduardo Gutiérrez, representante do Bloque Nacionalista apuntou que a proposta da Xunta é positiva ao presentar unha análise da situación do galego afastada do "triunfalismo oficialista e da concepción acientífica na que se baseou en boa parte a política lingüística nestes anos", e condicionou o seu futuro apoio ao xeito en que se aplique finalmente esta proposta. Desde o PSdeG-PSOE Manuel Luís Rodríguez aplaudiu que o plan se faga "baseándose en principios básicos como a non confrontación idiomática e a convivencia harmónica dos idiomas". Queda pendente, en fin, a realización concreta dun proxecto que se nos presenta como a chave para o futuro do noso idioma.