Cinco editores traballan voluntariamente para facer un directorio de webs galegas

A entrada w da guía

O número de sitios webs mutiplicouse exponencialmente nos últimos anos. Ao incremento das páxinas, ao fenómeno blog e á natureza efímera da rede coñecelas todas é como querer poñerlle lindes ao infinito. Ese traballo titánico é o que fan un grupo de persoas que levan cinco anos elaborando un directorio que conteña todos os sitios webs galegos. Forma parte do Open Directory Project (proxecto de direitorio aberto) máis coñecido como Dmoz, que está aberto a todo o que queira colaborar.

Alex Costas é un dos voluntarios que traballan diariamente en crear unha listaxe (catalogada e descriptiva) de todos os sitios webs que están en galego. Explica que “aínda que o proxecto xeral (Open Directory Project) comezou a funcionar no 98, a parte galega comezouse a crear a mediados do 99”. Son “desde lingüistas interesados no avance do galego ata deseñadores de páxinas que dan con este recurso por casualidade, pero sobre todo xente que gusta de dedicar o seu tempo libre a crear unha ferramenta útil para os demais”. Cinco voluntarios que durante todo este tempo xa verificaron e catalogaron uns mil sitios.

O directorio galego
“Na rama galega, explica Alex, o que pretendemos é facer un directorio de calidade onde teñan cabida todas as webs no idioma galego que teñan un contido relevante para ós usuarios”. O resultado final que ofrecen é ser diferente aos que figuran nos buscadores tradicionais (tipo google, ou yahoo) xa que segundo este voluntario “procuramos ofrecer unha alternativa viable ós buscadores actuais baseados en "spiders" aos que é moi sinxelo enganar para obter boas posicións, e aos directorios comerciais como Yahoo mantidos por editores retribuídos que non dan abasto coa velocidade á que medra Internet”.

O traballo avanza paseniñamente. A principios de ano superaron a barreira dos mil sitios en galego. Un número nada desprezable que sitúa ao noso idioma no ranking de Dmoz.org no número trinta e nove das máis de setenta linguas representadas. Segundo os datos que consulta Alex, “o terceiro idioma mellor representado é o castelán por debaixo do inglés e do alemán”. A este editor tamén lle sorprende que bo número das páxinas escritas en galego e publicadas na rede proveñan de Arxentina e de Cataluña.


ODP, o proxecto
Open Directory Project (dmoz) é o proxecto que pretende agrupar a totalidade de sitios web do mundo. É dicir, ao igual que todos consultamos nalgún momento un listín telefónico cos números de todo o mundo, o Dmoz.org pretende crear o director máis completo da web. Está construído e mantido por unha comunidade mundial e multilingüe de editores que traballan de xeito libre e voluntario desde 1998, que é cando se comezou un proxecto que hoxe ten catalogados catro millóns de sitios web. Alex explícanos que "os dereitos de copia de esta compilación perténcelle a Netscape Communications Corporation que quen dá soporte físico ao proxecto e permite usalo gratuitamente a outros coma Google ou Lycos baixo os termos dunha licenza e condicións de uso".

Actualmente colaboran 65.000 persoas que, segundo explica Álex “non existe retribución algunha, tan só a satisfacción persoal por participar nun proxecto tan importante e que os coñecementos propios sirvan de axuda a outros”.

O sistema de traballo en rede
Todos os que consulten a páxina web do proxecto e preman no botón “become an editor”, converteranse automaticamente en editores de Dmoz.org. A partir de aí, medinte foros internos e por correo electrónico comeza a navegación cuxas pesquisas rematan na inclusión dos novos sitios web. Alex explica que “cada editor pode ter asignadas varias categorías e ten o deber de mantelas en forma buscando contidos e revisando os xa listados por se cambian ou deixan de existir. Figurando nunha categoría pódese editar nas que se atopen xerarquicamente por debaixo dela, a medida que o editor gaña experiencia e axilidade pode adquirir novos permisos para editar outras áreas superiores dependendo dos seus intereses ou gustos”.

As formas de incorporación dos sitios webs aos directorios chega desde dous lados. Por unha banda, cando os editores atopen un sitio novo na súa navegación poden incorporalo á base. E pola outra banda, calquera pode incorporar o seu sitio web na propia páxina. Pero isto ten un problema porque, segundo explica Alex, “o directorio é unha das portas favoritas dos seos (Search Engine Optimizer), para ter boas posición nos buscadores, pois figurar en
Dmoz.org faite figurar noutras ducias de sitios importantes que empregan os seus datos, este feito repercute en que moitos usuarios tratan de enganarnos con páxinas espello ou redireccións, e ás veces empregase un tempo moi valioso en pescudar a lexitimidade do sitio e que non se trate dunha URL sen contido real só construída para estar nunha boa posición”. De aí que o traballo dos editores se ralentice ao ter que comprobar algunhas das url que chegan desde a propia web de Dmoz.org.


Grans de area no universo web
Non é a primeira vez que desde Galicia se quere facer un directorio de sitios web exclusivamente galegos. A facultade de ciencias da comunicación editou un “Sitios webs galegos” que pretendía abarcar todas as webs nos inicios do despegue de internet. Á marxe da iniciativa universitaria Galicia City, Vieiros e Enxebre desenvolveron sendos proxectos cunha vocación semellante. Pero a gratituidade da rede unido á súa natureza efímera son dous aliados perfectos para mudar este empeño nunha tarefa colosal. Os sitios web nacen, actualízanse e logo desaparecen cunha vertixe tan grande que resulta moi complicado rexistralos a todos. Por iso, proxectos como estes precisan, ademais de grandes dotes de voluntarismo, moito tesón e empeño.